Concello de Nigrán e Fundación Carlos Casares convocan un novo certame escolar de relato curto ‘Lolo en bicicleta, por Nigrán fai volteretas’

O alumnado de Primaria de Nigrán e o CEE Juan María dispoñen do 15 de febreiro ao 29 de marzo para presentar unha historia que xire en torno a este libro de Casares

Os premios serán entregados nunha gala no Auditorio Municipal o sábado 11 de abril e constarán dun lote de libros para os cinco primeiros clasificados e diplomas para todos os participantes

Nigrán, 17 de febreiro de 2026

O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran un ano máis para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán a través dun concurso escolar de relato curto cuxo prazo de presentación de propostas comeza o 15 de febreiro e remata o 29 de marzo. Froito desta unión é esta cuarta edición da gala ‘Carlos Casares: no camiño das artes’, que consta do devandito certame titulado nesta ocasión ‘Lolo en bicicleta, por Nigrán fai volteretas’, en referencia ao libro que publicou en 1996. A finalidade é estender o legado do escritor ás novas xeracións nun concello que namorou tanto a Casares como a Kristina Berg, a súa muller, e onde construíron o seu fogar definitivo.

O concurso está dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán (CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Mallón, Carlos Casares de Vilariño, da Cruz en Camos, CPI Arquitecto Palacios en Panxón, Ángel de la Guarda en Priegue e Estudio de Chandebrito), CEE Juan María de Parada e CEE de Panxón. A historia debe estar ambientada en Nigrán e un neno (Lolo) e a súa bicicleta deben ser os protagonistas. As bases completas do certame están penduradas en www.nigran.es. A entrega oficial de premios realizarase nunha gran gala o sábado 11 de abril no Auditorio Municipal, constando de cadanseu lote de libros para os 5 primeiros clasificados e diplomas para todos.

A Fundación Carlos Casares resalta “a importancia deste concurso e a súa Gala de entrega para que no futuro, cando estas crianzas sexan adultos e maiores, manteñan no corazón un recordo entrañable do escritor ourensán que veu coa súa familia para Nigrán, e un día escribiu: Nigrán, o lugar onde me gusta vivir.”

“Carlos Casares está ligado para sempre a Nigrán e queremos que a nosa mocidade así o sinta para sempre, por iso nos parece moi acertado promover a lectura da súa obra e animar a que escriban as súas propias historias partindo das del, quen é, seguramente un dos veciños máis ilustres e queridos que tivo Nigrán”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, sobre o ilustre autor falecido a causa dun infarto no 2002 e cuxos restos descansan no cemiterio municipal do Ceán.

Primer comentario

Deixa a túa opinión