A Novela “Memorias dun ex galego” un éxito indubidable no panorama literario do noso país

Josiño Araujo

Memorias dun ex galego” é a ópera prima do xove avogado vigués Josiño Araujo. É unha novela na que o autor aborda o tema do auto odio, tan común en Galicia, de país e de clase desde unha perspectiva de humor e cun trepidante ritmo narrativo que engancha ao lector ata chegar ao sorprendente e impactante final. Josiño é un vello articulista desta casa do que coñezo ben a súa enorme calidade como escritor, e ao que auguro e desexo unha brillante carreira literaria. Foi un pracer, despois de moito tempo, volver conversar con el.

Josiño Araujo

Jose, de onde es?

Eu son de Vigo.

Entón, por tanto, es galego?

Efectivamente.

Por que che declaras ex galego no título do teu libro?

Non son as miñas memorias, é unha autobiografía ficticia. O narrador que se chama Anxo, é un auténtico hater, un odiador nato. O libro empeza no día que naceu e desde este día di que odia á súa familia, aos seus veciños e á súa vila mariñeira.

Esta vila mariñeira é ficticia tamén ou é unha vila en concreto?

É unha vila mariñeira ficticia tamén. En resumo, o protagonista odia Galiza en xeral. Sobre todo, odia ser pobre. Un auto odio total de orixe e de clase.

Con este libro tento representar o auto odio co que nacemos ás veces os galegos desde un punto de vista humorístico e moi esaxerado.

A primeira parte do libro, que se chama “De Galiza”, é moi descritiva onde quería plasmar a visión de Anxo sobre o que o rodea. El considérase demasiado bo e demasiado guapo para a súa familia e os seus veciños, polo que ten o desexo de marcharse do pobo continuamente.

Cando cumpre a maioría de idade consegue marcharse a Madrid a estudar e disto trata a segunda parte do libro que se chama “O exgalego”. En Madrid, considera que está o seu lugar.

Por que considera que en Madrid está o seu lugar?

Non che podo revelar tanto, hai personaxes que van e veñen, outros, reaparecen inesperadamente. El aspira a ser unha persoa importante, con moito diñeiro e parece que en Madrid si hai este tipo de xente ostentosa. Vai a unha Universidade de xente podente e nese ambiente atópase a gusto.

Quero plasmar tamén a outra idea, a do concepto admirado actualmente que é a do home feito a si mesmo, súper ambicioso, individualista e sen escrúpulos. Esta parece que é a única maneira de chegar todo o máis alto nunha empresa. Ter un despacho xigante, mandar, moito diñeiro e non deixar de ascender nunca. Pretendo denunciar a maneira en que están a tentar vendernos á sociedade do éxito do emprendedor e que isto sería o ideal na vida desde un punto de vista de humor negro, se non chegas a este éxito, es un perdedor.

E a novela acaba con algún tipo de conclusión, Jose?

Efectivamente, disto trata a terceira parte do libro que se chama “O éxito”. Aquí é cando Anxo regresa ás súas orixes e ten que facer fronte aos seus medos e os seus conflitos. Esta é a parte máis curta, pero a máis intensa. Ten só un capítulo e é un pouco a conclusión final máis controvertida. Todo o libro vai encamiñado a esta hecatombe final.

Que non nos podes adiantar de que se trata, claro.

Non, é a parte fundamental.

Fíxate, teño a sensación de que che inspiraches en “Arredor de si”, de Otero Pedrayo. Equivócome?

Non, non te equivocas. É un dos meus referentes e en canto á temática e a estrutura é moi semellante. O ton é totalmente diferente. Otero Pedrayo ten unha obra máis intelectual. Esta obra creo que é máis lixeira e humorística. Dos mesmos conflitos, pero desde un punto de vista diferente. Seméllase moito tamén á “A conxura dous necios”. Un libro fantástico de John Kennedy Toole.

Como ben dis, Otero Pedrayo e a súa obra “Arredor de si” é para un público determinado e minoritario, público adulto que teña capacidade de reflexión elevada. “Memorias dun ex galego” está ao acceso de todo tipo de público?

Case, considero que é unha obra para público adulto, pero desde a adolescencia, chegando á maioría de idade, xa é unha obra recomendable. Sei que hai institutos que para tratar o tema do auto odio están a poñelo como lectura obrigatoria en primeiro e segundo de bacharelato.

Cando se editou o libro?

Cumpriu un ano en novembro.

Que valoración fas deste primeiro ano de vida nas librerías?

Superou todas as miñas expectativas, xa imos pola segunda edición. Tivo unha repercusión moi grande e tampouco fixemos unha campaña publicitaria intensa. Funcionou moi rápido o boca a boca. De feito, para ser un escritor novel, en galego e despois dun ano, o libro segue tendo vida. Estiven fai pouquiño asinando exemplares e a xente que acaba de ler o libro felicítame a través das redes sociais.

Haberá segundo libro?

Espero que si, xa o teño bastante avanzado

Para cando tes previsto acabalo?

Espero que antes do verán do 2023.

E a temática é parecida ou totalmente distinta?

É bastante diferente. Aínda que falo igualmente do tema da ambición e de ter diñeiro, pero abordado dunha forma completamente diferente.

Para acabar, a portada deste libro é moi bonita, o deseñador debe de ser un artista espectacular, non?

Por suposto. A portada é dos grandes acertos do libro. Fíxoa o gran artista Alberto Ardid, un dos meus mellores amigos. Eu tiña claro que quería que el fixese a portada. É moi impactante, gustou moito, e nas librarías chama a atención .