Acouga acelera as pulsacións da música redondelá

Acouga acelera as pulsacións da música redondelá

Un novo proxecto musical xorde nas terras de Redondela, e nós non podiamos deixar de falar con eles. Chámanse Acouga e malia teren pouco tempo de vida a acollida que están a ter no público que os ten escoitado é excelente, ata o punto que o próximo mes van tocar na mítica sala Capital da capital do país galego.

Comezaron a xuntarse e a contemplar a posibilidade de iren en serio como grupo no 2019, pero formalmente iniciaron en febreiro deste ano. Usan o o idioma galego conscientemente na súa música como un factor que axude a normalizalo en todos os contextos posibles. Xa tocaron dúas veces en Portugal e como din eles mesmos” A música en galego conecta co mundo, e non supón ningún tipo de limitación, todo o contrario é un valor engadido” O grupo compóñeno catro persoas. Nós falamos con Gabri e Carlos aos que hai que engadir a David e a Luís.

Gabri Fuentes e Carlos De Castro, vocalista e guitarra de Acouga

A música en idioma galego conecta co mundo”

Que é Acouga?

É un proxecto musical de 3

amigos de Pazos de Borbén, con gustos musicais diversos de cuxa mestura agromou o noso grupo musical. Logo incorporouse unha persoa máis. Na actualidade somos catro músicos en Acouga.

Vós, un grupo que mete moita caña, como é que se vos deu por chamarvos ACOUGA?

Ha, ha , ha , ha…Debe de ser polo efecto contraste .O nome é bonito, tanto polo significado, como pola súa fonética

Polo que teño escoitado o eclecticismo dos vosos temas é moi intenso?

A nós gústanos a música dura: o Punk, o rock, o metal…. Pero non lle facemos a cobra á melodía nin moito menos, cando o estado de ánimo así o esixe metémolas con moito gusto.

Sen complexos entón?

Sen complexo ningún. De feito ás veces temos debatido entre nós sobre como nos definimos e acordamos que sen etiquetas, facemos o que nos pete e punto.

Cantas cancións de produción propia tendes gravadas?

Catro, pero de momento sacamos só 3. A seguinte sairá en xaneiro do ano próximo

Para alguén que non vos coñeza : Que pode encontrar un espectador nun directo de Acouga?

Moita enerxía e diversión. Para nós é esencial que o público o pase ben e para iso procuramos interactuar moito con eles. Gústanos que o público sexa parte da propia actuación.

Para cando o disco?

Non é algo que nos preocupe. O público consume cada vez menos disco e de momento nós preferimos ir sacando single a single

De momento o de vivir da música supoño que quedará moi lonxe non?

Si, é tal cal o dis. Vivir da música no contexto actual non é posible para nós. Oxalá o fora¡¡

As vosas letras como son?

Teñen un toque de reivindicación social pero céntranse máis no mundo da vida cotián e dos mundos persoais. Nós non somos un grupo político.

Creo que ides estrear o ano de maneira espectacular?

Abofé que si. O 21 de Xaneiro tocaremos na sala Capitol de Compostela, algo que nos fai unha enorme ilusión. O primeiro concerto que demos foi en marzo deste ano e pensar que en menos dun ano imos a tocar nesa sala referencia parécenos espectacular.

Acouga ven para quedarse?

A nós gustaríanos moito que o grupo tivera o máximo percorrido posible e por gañas non vai ser. Temos unhas gañas enormes e toneladas de ilusión por pasalo ben co público e porque o público o pase ben con nós.

A xente que non vos coñeza onde pode atopar a vosa música?

En distintas plataformas como Spotify, Tik Tok, ou You Toube………