Marcos Santos
Miguel leva 37 anos en Tanxarina. É un dos referentes do universo cultural de Redondela e non podía quedar fóra das nosas páxinas
“ CON FERNANDO LEÓN SENTINME COMO SE EU FOSE UN VIOLÍN E EL O VIOLINISTA”
Como foron os teus inicios neste mundo?
Comecei cun colectivo chamado Zirigaita no meu último ano de carreira e un ano antes de que Tatán marchara cara Barcelona e eu para Francia. Este era un colectivo de amigos que fixemos un pequeno espectáculo. Os actores simulaban que eran monicreques dentro da barraca.
Tatán en Barcelona xunto con Marga Maderal, Elias e Lolo Nantes montaron unha compañía chamada Monda Lironda. Un día Tatán chamoume porque necesita facer unha cabeza como de dragón cun armazón de arame para Monda Lironda e díxome que se lles podía botar unha man. Por esta colaboración eles quedaron moi contentos e a min volveume picar a curiosidade co mundo do teatro.
Despois de Monda Lironda crearon Tanxarina, montaron un espectáculo de marionetas de fíos dentro dunha barraca. As marionetas non falaban e necesitaban un actor que estivera fóra narrando a historia, aquí entro eu en acción e así levamos 37 anos.
Cantos espectáculos levades, 16 non?
Si, agora estamos preparando o espectáculo número 17.
Nós non facemos un espectáculo anual, senón máis ou menos cada tres anos. Todos temos un traballo e non temos tempo para facer producións anuais.
Agora ves de traballar nunha película non?
Agora mesmo en dúas series, “Método criminal” da TVG e “Un asunto privado” de producións de Bambú, para Amazon, que se estreará nos próximos meses. A última película coa que colaborei foi “La isla de las mentiras”.
Como te sentes máis cómodo, en Tanxarina ou actuando para a pantalla?
Cando comecei a traballar no audiovisual sentíame máis cómodo en Tanxarina porque somos case como unha compañía familiar . Con “Serramoura” hai un antes e un despois, nesta serie traballei catro anos como Moncho. E isto foi unha escola brutal, que me fixo aprender moito e sentirme moi cómodo
Tamén traballaches con Luis Tosar en “Los lunes al sol” non?
Si. O casting que fixen para esta peli con Fernando León para min foi unha masterclas. Eu pagaría por facer aquel casting porque estiven case 45 minutos con el e sentinme como si el fora un violinista e eu fora o violín, el tocando e afinando. Levábame tan da man que aprendín que cando un director traballa de verdade cos actores e actrices e abraiante darte de conta de ata onde podes chegar.
Cando quen che dirixe sabe facelo, chegas a sitios nos que xamais pensarías que podías chegar.
Na entrega dun premio que recibiches mandácheslla directa á TVG, verdade? Se mal non me lembro dixeches: “Quero agradecer á TVG porque esta é a primeira vez que miña nai non me pode mirar pola televisión o día que me premian”.
Claro, todos os anos emitían a Gala de entrega de premios en diferido e de madrugada para que non a mirara ninguén. Neste ano negociaron a súa emisión en directo e pretendía que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia se fixera cargo de todos os gastos, iluminación, dirección da gala… puxérono moi difícil e ao final emitiuse en streaming por unha plataforma do que miña nai non entende nada. Había descontento coa galega por parte de moitos actores e actrices e algúns comentaron algo, pero eu quixen facelo desde a parte emocional
Cres que igual tiñan medo de que os actores, que soen ser reivindicativos dixeran algo inadecuado?
Este é o motivo polo que sempre emitiron a gala en diferido e de madrugada, para que non o vira moita xente e puideran cortar o que non lles gustaba.
Cres que está politizada a dirección da TVG?
A TVG é a televisión do réxime. Eu vexo algún programa e algún informativo para ver máis noticias locais e véndoos dáste de conta de que parecen a voz do seu amo. Dan como tres ou catro noticias diferentes nas que todas sae Feijóo. O mesmo que cando estaba Manuel Fraga ou o Bipartito co que eu fun moi crítico disto.
Miguel, dos actores redondeláns quizais es dos máis internacionalizado, ata tes traballado en films de produción portuguesa non?
Si. Andrés e eu ata traballamos nunha película francesa, que nunca nos pagaron, e foi gravada en Lugo.
Como é iso que non vos pagaron?
Unha película francesa, cun equipo francés, pero que foi gravada en Lugo. Andrés e eu fomos facer de policías un día só de rodaxe
E despois de mandarlle cartas e máis cartas desistimos e nunca nos pagaron.
Seica houbo máis participacións en proxectos internacionais?
Si, fixen dúas películas en Portugal e a unha delas estoulle especialmente agradecido. “O asalto de Santa María”, este foi un proxecto precioso nun barco que estaba atracado no peirao de Viana do Castelo. Este fóra un barco hospital dos bacalloeiros na Terranova portuguesa. Acondicionouse para rodar o Santa María e foi unha experiencia moi chula cunha estancia de mes e medio en Viana do Castelo, en Lisboa fixemos algunha secuencia tamén. Foi unha honra para min representar a Xosé Velo Mosquera que ten conexión con Redondela .Naqueles anos secuestrar un barco con 1000 persoas entre pasaxeiros e tripulación era algo inaudito e imposible de facer. Eran vinte e pico exiliados entre galegos e portugueses, algúns deles ex militares, con armas mercadas no mercado negro, algo impensable, de feito, de primeiras esta operación chamouse “Operación Dulcinea” polo que significaba de idealista, de tolería, de intentar secuestrar un barco. Negociaron coa Armada norteamericana, mesmo Kennedy emitiu unha carta na que admitía que era un conflito interno de Portugal entre ex militares portugueses con militares do exército portugués da ditadura de Salazar, e non se podía asaltar o barco. Que os EEUU se lavaran as mans foi coma unha especie de aval para aquela situación durante uns días.
Como consecuencia desta película saíu a segunda tamén en Portugal.
En que estás traballando agora ademais de estar preparando o próximo espectáculo de Taixarina?
Agora mesmo rematada a primeira parte da xira do espectáculo dramático galego “O Charco de Ulises” que é unha revisión da Odisea levada á Arxentina e falando da inmigración galega de momento estou co novo espectáculo de Tanxarina “Cazola de Lola”, con este temos moita ilusión.
E de audiovisual hai algo por aí no futuro?
De momento non teño nada. Sei que a serie na que traballei ultimamente non vai moi ben de audición.
E que para chegar a Serramoura….
Serramoura foi un caso excepcional.
Non sei cantos países mercaron a serie?
Eu tampouco pero date de conta de que a galega sempre está a pelexar de ter un 10% de audición a nivel nacional e agora mesmo está nun 8 con algo, baixou moitísimo. Serramoura chegou a ter case un 20% de audición, isto é unha animalada para unha serie galega competindo a nivel estatal.
Esta na que estou agora ten un horario moi malo e está tendo un 4 ou 4.5% de audición, non creo que haxa segunda temporada, estou concentrado no traballo de Tanxarina e atento ao teléfono polo que poida xurdir.