Damián é natural de Redondela e monitor de deportes de aventura . Procede do mundo do balonmán e fíxose especialista en deportes de aventura, como en moitas ocasións nos sucede na vida, despois de terse cruzado no seu camiño e ir descubrindo aos poucos a súa vocación e o seu atractivo. Un mundo tan intenso como o da escalada , o barranquismo, as rutas de alta montaña ,ou os deportes de río, forzosamente ten que ter un elevado interese para as persoas que lles gusten as emocións intensas, e nós conversamos con Damián para coñecelo un pouco máis a fondo. Velaí vai a nosa conversa
“A práctica totalidade de persoas que practican os deportes de natureza son respectuosas co entorno”
Canto tempo levas como monitor Damián?
Comecei como monitor de turismo activo en Ourense ,no Sil, no ano 2.004
Supoño que terás coñecementos de primeiros auxilios?
Si claro é das primeiras cousas que che ensinan cando tes estás a formar
Que formación tes ti?
Fixen o ciclo de deportes de actividades e guía de deportes na natureza, logo fixen un curso de monitor de tempo libre para ampliar o meu abano de traballo aos campamentos que tamén imparten este tipo de actividades. E finalmente fixen distintos cursos de especialización en montaña , escalada, espeleoloxía en empresas privadas que en verdade tiñan uns formadores excelentes dos que aprendín moito.
E na nosa comarca hai algunha zona para practicar a espeleoloxía?
En Coruxo hai unhas covas moi interesantes para facer nun percorrido de aproximadamente hora e media, son as covas de Folón
Non é un pouco claustrofóbico?
Se padeces claustrofobia non a debes facer claro
Supoño que para o deporte de aventura Galicia é potencialmente moi interesante?
Absolutamente. E ata hai pouco tempo a maioría non se daba de conta pois ían a Asturias ou a Cantabria cando en Galicia temos escenarios marabillosos. Temos canóns incribles, barrancos espectaculares, zonas preciosas para a práctica da escalada
Algunha zona recomendable para a práctica da escalada?
No río Verdugo hai 12 vías realmente bonitas para a práctica da escalada .Hainas de máis e de menos dificultade pero son todas preciosas. E como non o Barranco do Ézaro o único de Europa que desemboca no mar aínda que agora, por seguridade, xa non se pode descender
Cando algún cliente quere contratarvos unha escalada como sabedes cal é o nivel de dificultade adecuado da zona a escalar para cada persoa?
Ben, teñen que cubrir un cuestionario e falamos con eles para coñecer as súas aptitudes previas. E en función das súas repostas ofrecemos distintos paquetes que teñen niveles de dificultade diferentes e tamén deseñamos os percorridos acaídos aos coñecementos e nivel da persoa interesada
De que altura é o pico máis elevado que que escalaches ti?
4.800 mts, o Mont Blanc
E algunha zona recomendable para a práctica do barranquismo?
En Melón, onde están as Pozas hai dúas zonas con moito potencial. Nós tamén imos moito ao Courel xa que alí podes atopar lugares estupendos para a práctica desta disciplina
Cales son as épocas nas que se practica o barranquismo?
Entre a primavera e o outono
Nas túas rutas pola montaña algunha vez topaches con algún animal que puidera representar un perigo como lobos por exemplo?
Non, eu persoalmente non. O que si teño encontrado algunha vez é algunha serpe no medio do camiño
En liñas xerais dirías que a maioría das persoas téñenlle respecto aos animais silvestres?
Eu diría que en liñas xerais si, de feito nós é algo no que procuramos incidir nas nosas rutas. Pode ser que algún neno amose algún comportamento inadecuado nalgún momento pero é por falta de conciencia e non por ningún tipo de mala fe. En xeral a práctica totalidade dos adultos son moi respectuosos non só cos animais senón tamén coa paisaxe.
Pode ser perigoso a práctica dese tipo de deportes?
Sempre que os monitores sexan auténticos profesionais e organicen a actividade con escrupuloso respecto aos parámetros de eficacia e seguridade, a práctica deportiva na natureza o único que proporciona é diversión e satisfacción?
É cara?
Eu creo que non, penso que é asequible. Porén hai que ter en conta que nós temos gastos que non nos queda máis remedio que asumir; materiais que debemos renovar cada certo tempo, permisos e seguros, pero considerando esa circunstancia entendo que os noso prezos son asumibles
Rematamos Damián, como podemos facer para contratar os vosos servizos?
Podedes ir á web de TURAC aventura e logo con NAI GAIA LECER para sendeirismo, piragüismo, arco ou calquera actividade máis tranquila