Dous días antes de que o presidente Nicolás Maduro fora secuestrado polo exercito estadounidense, foi entrevistado por un xornalista natural de Redondela. El é Ignacio Ramonet, unha das voces máis coñecidas e respectadas no universo dos medios de comunicación.
Ramonet naceu na nosa vila en 1943. Fillo de país republicanos que emigraron a Marrocos escapando das gadoupas do franquismo. Nese país estudou, e en París completou o seu doutoramento. Pouco despois encontrou traballo nalgún medio de comunicación e foi desenvolvendo o seu labor ata converterse en director do prestixioso “ Le Monde Diplomatique “. Doutor en semioloxía, especialista en política internacional, e autor de numerosos libros entre os que destacan os que xorden das súas conversas con figuras tan significativas da historia política contemporánea como Fidel Castro ou Hugo Chávez.
Ignacio Ramonet estivo este mes de maio en Galicia convidado por AGABO, e tamén pasou pola súa localidade natal, Redondela. Nós non puidemos deixar pasar a oportunidade de conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa charla.
“ A extrema dereita é o peor da historia da humanidade”
Naciches en Redondela pero marchaches cando eras moi neno, por que?
O meu pai era republicano e despois da guerra por motivos políticos e económicos foise a Marrocos. Eu tiña dous anos e medio.
Como acabas en París?
Estudei en Marrocos, comecei por enxeñería e cambieime a unha carreira de letras. Fun a París a facer o meu doutoramento e xa quedei alí.
E como chega un neno de Redondela a ser o director dun dos xornais máis prestixiosos de Europa?
Con moito traballo, e con certas doses de sorte tamén. Despois da revolución do 68 créase o xornal “Libération” no que participaba Sartre. E eu que coñecía a algunhas persoas alí, comecei escribir especialmente sobre cinema.
Os meus artigos gustaron en “ Le Monde” e dous anos despois propuxéronme escribir no seu medio. Naquel momento escribía á vez nos dous xornais que mencionei, e daba tamén clases na universidade.
Estiveches toda unha vida en “Le Monde diplomatique”
Estiven 35 anos. Fun redactor xefe e logo director elixido, porque nese medio o responsable é elixido pola redacción.
En todo este tempo en París deches coincidido con outro redondelán ilustre, Ángel Barros,?
Non, nunca tiven o gusto de coñecelo. Eu compartín moitos anos e unha amizade moi intensa con Ramón Chao, grande músico e escritor, e pai de Manu Chao.
Participaches na fundación de Media watch global e Attac. Cóntanos en que consisten?
Ben, a miña especialidade na semioloxía é a comunicación. E nese campo consagreime á crítica mediática, a facer análises das estruturas narrativas, funcións e finalidades dos distintos medios de comunicación.
Media watch global nace para propor solucións ás derivas colectivas dos medios.
Attac ten unha visión máis política, trata de combater a idea xeral da globalización que consiste en transmitir o poder ao poder financeiro. Esta idea de combater a tiranía do poder económico deu orixe á creación do Foro Social Mundial, en Porto Alegre, como contrapeso ao Foro Económico Mundial creado en Davos.
Ti es doutor honoris causa en 5 universidades, entre elas a de Santiago. Es profeta na túa terra?
Ben, malia que eu nacín aquí e teño moita familia de Redondela, entre elas unha avoa meiga, eu non me criei nin vivín aquí, polo tanto non pasaría nada se non me tiveran recoñecido na terra na que nacín. Non me molesta en absoluto.
Ti tes escrito moitos libros. Entre os que máis me chaman a atención está un que escribiches en colaboración con Noam Chomsky “Como nos venden la moto”. Fálame del
Coñezo ben a Chomsky. Un tipo moi xentil que tivo a amabilidade de acompañarnos ao Foro Social Mundial. O libro escribímolo xuntos: el unha parte, e eu a outra. O libro trata de describir as técnicas de propaganda, quen as aplica e con que finalidade, e como coas novas ferramentas tecnolóxicas as devanditas técnicas volvéronse moito máis perigosas.
Tamén quixera comentar contigo “100 horas con Fidel”.En realidade estiveches 100 horas con Fidel Castro?
Estiven máis. Coñecino moi ben durante moitos anos. Fidel era un tipo excepcional, un visionario dotado dun extraordinario sentido do humor. Estaba moi orgulloso das súas raíces galegas. El convidoume moitas veces a cear á súa casa, e a idea de que as nosas conversas quedaran plasmadas nun libro foi do propio Fidel Castro.
Fidel Castro era de verdade moi amigo de Fraga?
Si, si que o era. De feito queríao moito. Sabía perfectamente quen era Fraga, pero tiveron moi boa relación. Fraga ensinoulle a Fidel a facer queimadas e a Fidel encantábanlle.
Tamén coñeciches a Hugo Chávez
Si, un tipo entrañable. Era unha persoa moi cariñosa. Fidel era un intelectual. Chávez era un home moito máis sinxelo que procedía dunha familia moi modesta. Era un home moi cálido, e a min deume moita pena cando morreu.
O chavismo foi unha ditadura?
Chávez sempre foi elixido. A el si lle deron un golpe de estado. Os medios demonizárono, pero realmente onde están as probas que demostren que foi un ditador?.El sempre convocou eleccións, e cando as perdeu aceptouno. Incluso a súa constitución contemplaba a figura do referendo revocatorio, que daba a posibilidade de cambiar ao presidente electo a metade de mandato.
A vinculación do presidente Chávez coa figura dun ditador non é máis que unha construción mediática.
Como ves o secuestro do presidente Maduro?
Eu, que o entrevistei dous días antes do ataque, penso que o presidente Maduro non contemplaba esa hipótese. Estaban en fase de negociacións e incluso tivera pouco antes unha conversa con Trump que Maduro cualificaba de respectuosa.
El estaba tranquilo, pero chegou a agresión. Foi un episodio moi violento no que os norteamericanos asasinaron a 110 persoas, entre os que había 32 gardas cubanos. A ídea do secuestro non a contemplaba ninguén, creo eu. Pensábase máis nun intento de asasinato que na posibilidade dun secuestro.
Falemos do papel da prensa:A utilización, que se ve en España, dos medios de comunicación como instrumentos ao servizo das visións máis conservadoras da sociedade dáse noutros lugares?
Si, pasa en todas partes. Tratan de vender a idea de que a extrema dereita é unha concepción nova, limpa e virxe, como se non fora algo sobradamente coñecido que sempre existiu cun terrible balanzo de terror. A extrema dereita é o peor da historia da humanidade. E o sistema mediático non é capaz de distinguir o verdadeiro do falso, porque hoxe en día tecnicamente é posible construír aparencias de verdade que son difíciles de refutar.
Por outra parte un xornalista hoxe non ten máis credibilidade que calquera persoa que poida ter moitos seguidores nunha rede social.
Pero a democratización da información é algo que sempre reclamou a esquerda
Si, é certo. Pero esa difusión xeneralizada creou unha enorme confusión e agora ninguén sabe onde está a verdade.
Segues a actualidade política española?
Non moito. Pero o que encontro é que Sánchez fixo cousas moi interesantes, como por exemplo a regularización dos emigrantes, ou a denuncia do xenocidio que sofre o pobo Palestino, ou a súa negativa a que as bases estadounidenses en España fosen utilizadas na agresión contra Irán.
O que fai Israel en Gaza é un xenocidio?
Non é que o diga eu, e que o din as distintas instancias internacionais.

Redacción de Redondela

