O pasado 16 de maio, na céntrica praza Rita Queimadelos, o BNG presentou á súa candidata á alcaldía da Caniza nas vindeiras eleccións municipais. Ela é Trini Labaca, unha profesora que leva unha morea de anos residindo na parroquia de Valeixe coa súa parella e fillos. Asemade Trini posúe profundos vínculos emocionais coa Caniza, pois o seu avó era natural da vila e un dos seus irmáns reside coa súa familia na localidade.

Todas as persoas temos os nosos gustos e intereses. Hai a quen lle gusta o fútbol, hai quen prefire o encaixe de Camariñas, tamén os hai que senten paixón pola empanada de zamburiñas… Eu confeso que adoro comprender os motivos de todo, as razóns de calquera cousa e os porqués de calquera circunstancia. Entre os meus gustos un tanto peculiares está a etimoloxía,a ciencia que estuda a procedencia das palabras. Teño a necesidade de comprender de onde veñen as palabras, como os nenos precisan coñecer a orixe da chuvia ou a procedencia das folerpas, e necesito coñecer cales foron as circunstancias semánticas que levaron a significar o que significan na actualidade.

Cando souben o apelido da candidata do BNG á alcaldía da Caniza consultei os meus vellos dicionarios etimolóxicos , de cantos apuros me sacou o marabilloso dicionario Corominas ao longo dos anos, porque, malia que coñezo a moita xente, nunca coñecera a ninguén que se apelide así. O apelido Labaca procede do idioma éuscaro, do termo labak, e o seu significado etimolóxico ten que ver con persoas especialmente fortes, decididas e valentes.

Neste caso a etimoloxía correspóndese perfectamente coa realidade, non só da candidata nacionalista á alcaldía da Caniza senón da da asemblea do bloque nesta localidade, desde o seu responsable local Iago Vázquez ata a última incorporación ao seu corpo de militantes, unha rapaza que agardo me poida desculpar por non lembrar o seu nome, porque como ben explicou Trini no seu discurso: “Eu son a cabeza de lista, pero o noso é un proxecto colectivo”.E esa correspondencia dáse porque hai que ser especialmente forte, decidido e valente para formar unha candidatura nacionalista nesta localidade historicamente gobernada polo caciquismo e o nepotismo nas súas formas máis extremas.

A Caniza necesita o nacionalismo, precisa que a candidatura que encabezará Trini entre con forza no concello para que, como mencionou Cristina Fernández, ex alcaldesa de Ponteareas e unha das persoas que interveu na presentación da candidata nacionalista, unha visión máis humana, xusta, inclusiva, feminista e cabal tome corpo no próximo goberno local.

E o nacionalismo, que aspira a conquistar o corazón da maioría social dos galegos e galegas, non pode prescindir da Caniza. Nesta localidade, como en todas as demais do país, debe de consolidarse como o que en realidade é: A alternativa real ao modelo do PP. Estou convencido de que a candidatura do BNG da Caniza vainos dar unha enorme alegría nas vindeiras eleccións municipais a todas as persoas que amamos este país. Alegría que tamén levaría Raúl, que xa non está entre nós, e que tanto traballou para que a asemblea nacionalista da Caniza puidese ser unha realidade. Lembralo e recoñecelo como se merece paréceme a forma máis xusta e emotiva de rematar este artigo.