O BNG de A Cañiza constitúe formalmente a súa asemblea local.
O pasado 18 de xuño, por primeira vez na historia do nacionalismo, foi posible constituír unha agrupación local na vila da Cañiza. Algunha vez haberá que estudar con acougo os motivos polos que ata o momento non puido realizarse, probablemente relacionados co caciquismo endémico que padece o país en xeral e a comarca da Paradanta en particular. Porén, noutras localidades veciñas, que sufriron e sofren unha situación sociolóxica análoga( Covelo , Arbo ou Crecente) si foi posible moito antes. En calquera caso o nacemento da asemblea local do BNG na Cañiza é unha moi boa nova, pero é, ou polo menos debe de ser, só o principio. Agora toca picar pedra e rozar silveiras, un día si e outro tamén. Agora toca bater sen pausa nas almas e nos corazóns da veciñanza da Cañiza, para que o nacionalismo se sitúe en disposición realista de competir contra o PP pola hexemonía social deste país. Só así, a veciñanza da Cañiza pode ter a garantía de que os seus intereses van ser xestionados en prol do seu propio beneficio, e non no do beneficio doutros. Só así, nenos da Cañiza como Xabi, ou nenas como Lúa poderán, se así o queren, vivir plenamente no idioma do seu pai e da súa nai, no idioma das súas avoas e avós, no idioma no que viviron , amaron, sufriron, riron, choraron e gozaron todos os que estiveron antes ca eles.
Agardo que teñan constancia, lucidez e sorte. Débenllo aos que estiveron antes, e aos que virán despois. Nós falamos con Iago Vázquez e con Trini Labaca. El vive no centro mesmo da Cañiza, e é un dos militantes da vila, e ela vive na parroquia de Valeixe e é a responsable da asemblea local.
Iago Vázquez e Trini Labaca , Militantes do BNG da Cañiza
“ O BNG veu á Cañiza para quedarse”
A constitución formal da asemblea do BNG na Cañiza é un feito de enorme relevancia histórica. Vós sodes os primeiros e primeiras
Home, non sei se se pode dicir que é de “enorme relevancia”.Pero o que está claro é que o nacionalismo non podía estar fóra da vida política da nosa localidade. É necesaria unha resposta diferente ás de toda a vida aos problemas que padece a nosa vila, e o BNG xa ten amosado en múltiples localidades nas que goberna que é un instrumento cuxa única finalidade é o ben colectivo. Nós estamos moi orgullosos e orgullosas de termos dado o paso e animamos aos lectores e lectoras que teñan sensibilidade política co noso país e sensibilidade social , a que se acheguen ao BNG. Nós estaremos encantados e encantadas de escoitar e de aprender.
E como pode facer alguén que estea interesado en colaborar co BNG para contactar con vós?
A través das nosas redes sociais.
Como foi o proceso que vos levou á constitución da asemblea de militantes?
Inicialmente o BNG do Condado desenvolveu un proceso de captación de sensibilidades e simpatías. E desta maneira comezamos as xuntanzas persoas, algunhas que nos coñeciamos e outras non, pero que tiñamos en común as simpatías polo nacionalismo galego.
Esto cando foi?
Poucos meses antes das municipais de maio.
Fostes quen de presentar unha candidatura verdade?
Si, pero ese non era o obxectivo real. Nós eramos conscientes de que en tan pouco tempo, e despois de anos sen nos presentar, non ía ser posible estarmos en disposición de competir con posibilidades realistas de éxito. A idea chave sempre foi crear a base necesaria para que o nacionalismo puidera agromar na nosa vila e aos poucos irmos crecendo para ser unha alternativa realista , e útil para resolver os problemas da xente.
E a idea chave está conseguida?
Si, está conseguida e en proceso de crecemento para que cada vez haxa unha base máis sólida.
Como funcionades organicamente?
A proposta inicial é xuntarnos unha vez ao mes .Nesas xuntanzas valoraremos como vai evolucionando a situación política local. Debateremos e tomaremos posición sobre os asuntos relevantes que afecten ao noso pobo. E trasladaremos a nosa posición política á sociedade.
Sentídevos apoiados pola organización comarcal do BNG?
Absolutamente e en todo momento. E non só pola comarca senón pola executiva nacional. O SO Bieito Lobeira achegouse nun par de ocasións, e compañeiros e compañeiras doutras comarcas veñen con frecuencia a amosarnos o seu apoio.
Como valorades o resultado electoral do 28 M e a situación política da Cañiza no momento actual?
O resultado foi unha sorpresa. Todo apuntaba a que o PP recuperaría a alcaldía. Para nós foi algo positivo pois , como é obvio, podemos ter máis puntos en común co PSOE que co PP. En calquera caso temos diferenzas salientables co actual goberno.
Poñede un exemplo?
A oferta cultural é lamentable.
Cales son as liñas políticas básicas que ides defender nestes 4 anos?
-Desenvolver políticas activas de emprego para poder fixar poboación
-Potenciar os servizos necesarios para que a mocidade que o desexe poida realizar un proxecto vital no noso pobo.
-Crear unha oferta cultural sólida para todas as franxas de idade.
-Axudar ao pequeno comercio local.
-Apoiar ao tecido asociativo, moi debilitado pola falta de axudas das distintas administracións.
-Defensa radical do medio ambiente
-Captación de turismo de calidade e sostible. Temos unha contorna preciosa, con moitos lugares con encanto por descubrir.
O BNG veu á Cañiza para quedarse?
Definitivamente si. O nacionalismo galego xa nunca máis vai estar ausente da vida política da Cañiza.