
Nun intre en que a desmobilización da sociedade lastra calquera iniciativa colectiva, quixemos dirixirnos ás persoas que se reclaman das esquerdas e non están afiliadas ao BNG, coa certeza de que un voto a prol do Bloque nas vindeiras eleccións do 23-X posibilitaría un escenario máis favorable para defender os intereses do país, propiciar políticas avanzadas e construír un dique contra o avance das dereitas máis reaccionarias, cuxas simpatías polo réxime franquista non se nos ocultan.
A iniciativa, xurdida de xeito espontáneo e totalmente autónomo e independente, sen contar con axuda partidaria, foi quen de acadar 257 sinaturas de xente moi diversa no político, no social e no territorial e alentar un modesto debate neste ámbito sobre a conveniencia ou non dun apoio máis ou menos puntual nestes comicios decisivos. Deste xeito, agardamos ter posto o noso grao de area para que, por riba de todo, estas sexan unhas eleccións nas que Galiza sexa protagonista e non só un caladoiro de votos subordinados que, logo, de nada serven en Madrid.
Entre as sinaturas, hainas de xente ben coñecida no país, como @s escritor@s Antón Riveiro Coello e Xosé Mª Álvarez Cáccamo; historiadores como Bernardo Máiz ou Francisco Leira; editores como Afonso Ribas e Paco Macías; veteran@s militantes nacionalistas como Xesús Sanxuas ou Elvira Souto; profesor@s universitarios como Margarita Ledo ou Xavier Simón; Actores caso de Quico Cadaval ou Federico Pérez Rey; politólogos como David Rodríguez ou Millán Fernández; avogados ou ensaistas como Francisco Sampedro e Xosé Antón Pérez Lema; investigadores como Xosé Pintado ou Miguel Anxo Murado; pintores e debuxantes como Pepe Carreiro, Manuel Suárez ou Héitor Picallo; Artistas como Eva Fernández e Marisol Palomo do grupo “Ialma”, Luz Darriba ou Xurxo Souto; activistas LGTBI caso de Laura Bugalho e Daniela Ferrández; antigos sindicalistas como Fermín Paz e Xosé A. López Pintos; xornalistas como Gustavo Luca de Tena, Belén Bouzas e Montse Fajardo….
Rematamos a recollida de sinaturas. En consecuencia, queremos expresarlle o noso agradecemento non só ás persoas que asinaron, mais tamén ás que nos fixeron chegar as súas opinións e razoamentos de porqué non consideraban oportuno facelo, sen que iso excluíra un voto favorable ao BNG nesta altura, así como as que elixiron outras opcións. Confiamos en que todas e todos nos imos atopar cando sexa preciso defender en man común os nosos dereitos e liberdades, individuais e colectivas.
Na Galiza, 05/7/2023.
Este Manifesto foi promovido por:
Antón Mascato, editor.