
Os vindeiros 28 e 29 de xullo no marabilloso escenario habitual do Esteiro da Foz bota a andar a XVII edición do Festival Nigrán Jazz. Desta volta farán unha aposta decidida por músicos novos, como sempre na súa historia, de grande talento e contarán coa presenza estelar do norteamericano Steve Cárdenas. Para nós foi un pracer, un ano máis, conversar co director do Festival
Felipe Villar, director do Festival Nigrán Jazz.
“ A miña ilusión é que o Festival poida ser un actor permanente da vida cultural de Galicia, incluso cando eu xa non estea”
Un ano máis Felipe, e xa van?
Pois xa case somos maiores de idade. Esta é a 17º edición.
O festival nunca parou, nin sequera na pandemia?
Non, nunca. A verdade que tivemos sorte e os dous anos da pandemia cadrounos en fases de desescalada.
Cales son as características máis significativas desta edición?
Se cadra a nosa aposta pola mocidade. Neste caso , o noso cartel está esencialmente formado por músicos galegos que , ante a imposibilidade de gañar a vida coa música en Galicia, tiveron que facelo noutros países como Holanda ou Suíza. Este ano temos dúas bandas nesas circunstancias , que están lideradas por dous grandes músicos galegos: Miguel Seoane e Sunil López. Miguel está en Holanda e Sunil na Suíza. Miguel vive disto e Sunil está aínda estudando.
Neses países é posible vivir do Jazz?
Si, é difícil pero posible
E en Galicia?
Agás algún caso puntual é total e absolutamente imposible.
Alén desas dúas bandas quen ven?
Temos unha banda italiana tamén moi nova e a estrela desta edición que é o músico norteamericano Steve Cardenas. Estou moi contento de apoiar aos músicos novos. Por outra parte o festival tampouco ten potencia para facer un cartel só de estrelas.
Ben, polo festival xa teñen pasado músicos realmente moi importantes?
Si, a verdade é que ás veces si se deron as circunstancias para traer a algún músico que está entre os mellores do mundo como por exemplo Peter Berstein, o meu guitarrista favorito, ou o israelí Gilad Hekselman… Agora é máis difícil pois todo se encareceu un montón
Cales son os días nos que se celebra?
28 e 29 de xullo
E o horario?
Os concertos da Foz son o venres e o sábado , o primeiro ás 21:00 e o segundo ás 22:30.En ambos días temos o mesmo horario. E logo ao rematar eses concertos teremos as Jam session ás 0:00 h.
Todo vai ser na Foz?
Todo agás a master-class que será no auditorio do Concello.
Quen vai dar a clase?
Steve Cárdenas. El é, como che dixen, a estrela desta edición. Un músico consagrado que ademais é profesor na universidade de N. York.
Caramba , teredes que metelo nun bo hotel supoño?
Pois non. Vai estar na miña casa
Ha ha ha ha. É verdade, esquecía que un dos encantos do Nigrán Jazz reside en que sodes case como unha familia
Ben, este é un mundo pequeno, máis ou menos imos coñecéndonos todos e o contacto acaba por crear lazos afectivos , desde logo que si.
Que expectativas de asistencia tes?
Moi boas. Agardo que, como sempre, A Foz se encha.
A entrada é de balde?
Si.
Nunca tivestes problemas de chuvia?
Creo lembrar que só nunha edición. Nese caso teriamos que ir a un lugar cuberto, o festival non pararía. Pero agardo non telos desde logo. Un dos encantos máis importantes do noso festival é o marabilloso escenario no que se fai.
Como financiades o festival?
Fundamentalmente coas achegas do Concello de Nigrán e da DEPO, e logo tamén contamos coa axuda de patrocinadores privados aos que agradecemos profundamente a súa colaboración como por exemplo a cervexas Banda, unha marca de Nigrán.
Tes medo de que o cambio de goberno na DEPO supoña algún tipo de problema para os futuros festivais?
Agardo que non haxa problema. O festival xa ten unha penetración importante na sociedade do Val Miñor. Non é un evento político senón cultural, e debe de transcender calquera tipo de conxuntura política. O festival é un éxito, estamos traendo, obxectivamente, músicos de primeira liña mundial.
Cando fixeches a primeira edición con Quin Alborés, pensabas que 17 anos máis tarde estarías facendo unha entrevista sobre a decimo sétima edición?
De ningunha das maneiras vaia. Pero nin de lonxe.
É un obxectivo verosímil pensar que o Festival poida transcender a túa figura?
Agardo que si. Penso que si. De feito mañá mesmo podería facerse se eu non estou. Iso non quita que eu estea absolutamente implicado nas miñas emocións máis profundas co festival e que , mentres poida, participe e colabore.