“A música é unha linguaxe universal do ser humano que vai máis alá das palabras”
O Festival Nigranjazz vén celebrándose desde 2007 en Nigrán, un festival nunha contorna paradisíaca, ao carón do mar e cos mellores artistas internacionais, e galegos. Este ano conta coa súa XIII edición, e será o 26 e 27 de xullo. Achegámonos ata Nigrán e conversamos con Felipe Villar, director do Festival.
Un ano máis Felipe, por que edición ides?
Como dicía o alcalde Juan González estamos na edición 12+1.
É como esta a saúde do festival?
Creo que ven, que está forte. Hai 5 edicións comezamos a internacionalizar o festival, conta con moi boa resposta de público, de crítica e espero que dure moitos anos máis.
Cóntanos as características desta edición do Nigranjazz?
Este ano temos todo bandas mixtas, no sentido de que son galegos mesturados con músicos internacionais, é un pouco o reflexo de que o músico galego de Jazz está internacionalizado.
O Primeiro día temos a Banda de Pablo Castaño, un cuarteto que acaba de editar un disco. El é de aquí pero estivo en nova York 10 anos. Un cuarteto que pode ser Cuarteto internacional perfectamente pola súa brillantez.
Logo temos o mesmo día un cuarteto mixto como Xosé Miguélez, un ourensán residente en Nigrán, gañador do Martín Códax deste ano co pianista franco-americano Jean Michel Pilc, pianista recoñecido internacionalmente, e con dous músicos portugueses de moito renome .No segundo día, no escenario grande, temos ao saxofonista redondelán Fernando Sánchez, este leva uns anos en Holanda. Montou para o festival un grupo de mozos talentos europeos, unha banda específica para Nigrán na que sobra o talento. Igual lle falta nome, pero lle sobra talento.
Para rematar no escenario grande temos a presenza de Deborah Cárter, unha cantante americana que leva en Europa bastantes anos, na súa banda a metade dos músicos son galegos.
Ademais contamos cos concertos do Rilla na Rúa, dura os mesmos días co Festival.
E logo temos as clásicas Jam Sessions.
Cóntanos en que consisten as Jam Sessions.
A Jam e xuntarse nun escenario e tocar, calquera que teña a capacidade de tocar algún instrumento. Hai que coñecer os estandars, os temas e como funciona un pouco o Jazz. Esta é un pouco a parte bonita.
E quen decide quen sube ou non, os propios participantes?
Si, por suposto. O que está capacitado para tocar, pode subir a facelo.
E se sube un camándula como min que non ten nin idea?
Entón sacámoste, Nunca se deron este tipo de problemas. A xente ten respecto
Algunha vez atopácheste con algunha sorpresa agradable de xente que subira que non coñecías e sorprendérache o seu talento?
Continuamente, non só no Nigranjazz, senón en calquera Jam Session. As veces ata aparecen músicos internacionalmente coñecidos nas Jam. Un ano ata apareceu Jerry González aquí no NigranJazz.
Que é Jerry González?.
Jerry faleceu o ano pasado. É un histórico do Jazz Latino que tocou con todo o mundo, apareceu un ano no Nigranjazz e sentouse, preguntoume, sabes quen son? E díxenlle honestamente, paréceste un montón a Jerry González pero non sei que fas aquí, díxome que estaba vivindo en Bouzas, incríbel.
Cantas persoas son necesarias para unha banda de Jazz?
Necesarias pode ser unha.
E poden subir catro ou cinco persoas que non se coñecen de nada e tocar de maneira coordinada?
Iso é o bonito, xente que non coñeces, na que as veces nin sequera falas o mesmo idioma, podas tocar música e conectar máis alá das palabras é o bonito da música.
Díxome unha vez unha profesora que a música é un idioma universal que pode conectar a sensibilidades diferentes incluso moi dispares.
Si, a música é unha linguaxe universal do ser humano máis alá das palabras, hai xente que di que vai máis profundo cás palabras
Eu sego a prensa dixital no mundo do jazz e teño a sensación de que se está espallando notablemente, non?
Moitos concellos están apostando por este modelo de festival. Falamos de Moaña, de recente creación, Cangas, Nigrán, Bueu. Normalmente hai algún veciño que toca Jazz a un certo nivel xa e por aquí veñen as propostas. Son propostas culturais que saen bastante baratas e iso é difícil de rexeitar.
Con éxito de público?
Si, eu penso que si. Este ano en Moaña teñen unha programación espectacular, Cangas xa é un clásico, Bueu sumouse o ano pasado, é unha corrente de festivais pequenos de Jazz que van sumados ao auxe do Jazz en Galicia.
Organizar calquera evento leva un compoñente elevadísimo de voluntarismo, chamadas telefónicas, correos, mensaxes, ir buscar persoas ao aeroporto, mesmo facerlles oco nas vosas casas, sigue existindo ese compoñente na organización?
Si, non tanto coma nos primeiros anos extenuantes para min.No caso de Nigrán xa nos últimos anos apoiámonos nunha produtora por esixencia do Concello e a min alivioume un montón, pero é certo que o contacto e a relación cos músicos é moi persoal.
Que tal as relacións co Concello?
A relación con Juan e o equipo que ten agora de goberno moi ben, isto para min é moi importante. Que nos dean subvencións e fundamental, pero hai máis cousas. A ilusións deste tipo de festivais non é para gañar diñeiro, é outra cousa. Eu nesta corporación percibo que moita xente, non só Juan ten moita ilusión e cariño polo Festival, isto se fai efectivo á hora de traballar. Lembro o ano pasado a os mesmo concelleiros montando o escenario a última hora e traballando moito para o festival.
O escenario no que se desenvolve o Nigrán jazz supoño que será o mesmo de sempre, escenario incomparable. Para que non o coñeza, descríbenolo, por favor.
O escenario é a metade do Nigranjazz, hai que miralo. A gratuidade, o escenario é un bo día garante a afluencia masiva.
Onde é, como se chama?
Isto é no Esteiro da Foz, o que separa Nigrán de Baiona, na Ponte da Ramallosa, no paseo, nun pequeno cadrado de céspede, tocando o mar. Un sitio privilexiado para ver o Festival.
E para rematar, unha mensaxe as lectoras e lectores para que os animes a que asistan a esta XIII edición do Festival.
Animalos a coñecer este sitio, a coñecer o jazz que é para vivir en directo. Creo que o Nigranjazz proporciona unha experiencia interesante para coñecer o jazz de primeira man. Achegar a mirar o ambiente e escoitar aos grandísimos músicos galegos que temos agora mesmo.