Despois de 7 anos fóra do concello o BNG recuperou a representación institucional, en Gondomar, na persoa da veciña de Peitieiros Manuela Rodríguez, unha muller moi vencellada co tecido asociativo e as loitas veciñais da sociedade civil desde hai moito tempo. Nós conversamos con ela
“ A verdadeira oposición ao goberno de Gondomar é o BNG”
No ecuador do mandato que valoración fas do reingreso do BNG á corporación municipal?
Eu fago unha valoración moi positiva, tanto para o BNG como para Gondomar, malia que termos unha soa acta limite moito a nosa capacidade de acción política institucional.
A única concelleira es ti. Nestes dous anos notaches se aumentou a túa carga de traballo?
Por suposto, como é lóxico, pero é un traballo que me gusta e lévoo con entusiasmo. A verdade é que sempre estiven vinculada ao traballo social en entidades veciñais e sociais, e a política local interprétoa na mesma chave: tratar de contribuír ao ben común.
Antes dicías que a entrada do BNG na corporación foi boa para Gondomar. Por que?
Pois, con toda a humildade, creo que a nosa acción política conseguiu cousas positivas para Gondomar.
Por exemplo?
Dúas. No 2019, o feito de que a denuncia do BNG ante a CIG servira para obrigar ao goberno local do PSOE a sacar novamente a concurso o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), porque o primeiro non cumpría os requisitos económicos mínimos do convenio do sector. As novas condicións supuxeron melloras nos salarios das traballadoras e na calidade do servizo ás persoas usuarias. Máis recentemente, no conflito polo servizo de comedores escolares do concello, a presión do BNG provocou que, a menos de tres semanas da matrícula, o Concello confirmara ás familias que si van ter ese servizo no curso 2021-2022.
Na oposición de Gondomar hai catro grupos, dous pola dereita e dous pola esquerda, a entrada do BNG púxolle as cousas máis difíciles ao goberno municipal?
O que é seguro é que non llas poñemos fáciles. Considero que facemos unha oposición seria, rigorosa e comprometida. Con alternativas solventes para Gondomar. Atreveríame a dicir que somos a verdadeira oposición ao goberno do PSOE.
O mes pasado entrevistabamos ao alcalde de Gondomar que manifestaba estar satisfeito porque ao seu xuízo “Gondomar non para de mellorar”. Compartes o seu criterio?
Imos ver, cousas fixo. Tamén so faltaría que en seis anos de goberno non fixera nada. Pero o alcalde de Gondomar goberna a golpe de improvisación e de ocorrencia, carece de proxecto para a nosa vila. E a súa acción de goberno non propiciou mellora algunha nos aspectos máis fundamentais da vida cotiá da veciñanza. Pode que en cuestión estética e no centro da vila, si mellorase, pero en esencia e no conxunto das dez parroquias, non.
O plan sectorial da Pasaxe non é un bo traballo do goberno municipal?
Ese é un proxecto que viña de moitos anos atrás, algún goberno o tiña que pechar e tocoulle a este. Pero agás proxectos que xa viñan de anos anteriores ao PSOE, proxectos de calado de produción propia o goberno municipal non ten. E antes das humanizacións, prazas e demais, o goberno debería resolver temas moito máis urxentes para Gondomar, como por exemplo o saneamento, unha verdadeira materia pendente.
Que boa noticia o feito de que non se vaian pór eólicos no Galiñeiro, verdade?
Si claro, unha nova extraordinaria. Unha gran vitoria colectiva da Comunidade de Montes de Víncios, dos colectivos sociais e da veciñanza en xeral que conseguiron coa súa loita a paralización do depredador proxecto eólico que o PP pretendía instalar no Galiñeiro. Un logro que vén demostrar, máis unha vez, que a mobilización social é quen de frear o despropósito e de conquistar un futuro mellor.
Pero non debemos baixar a garda, hai que continuar a demandar unha maior protección ambiental para a Serra do Galiñeiro no seu conxunto. Como BNG apoiamos a súa inclusión no Parque Natural do Aloia.
O alcalde díxome que lle tería gustado moito que ti estiveras no goberno de Gondomar, e que se non estás é por que ti non queres. É así?, ti non queres?
Non son consciente de tal oferta, mais non dubido que lle gustaría. Sobre todo para evitar terme na oposición, algo que lle resulta realmente incomodo. Por iso pretendeu ocultar ao BNG meténdoo no grupo mixto, e agora quere amordazalo cun regulamento que pretende deixarme sen voz nos plenos.
E calquera caso, se o tivera feito a resposta sería non
Por que?
Porque eu presenteime polo BNG. Ademais Ferreira demostrou nos seus primeiros catro anos de goberno que ten moi pouca capacidade para o consenso e o co goberno. Entende a acción de goberno desde un punto de vista excesivamente caudillista.
Sobre o episodio que deu orixe á polémica que desembocou na querela , Paco di que el en absoluto lle pretendeu faltar ao respecto á concelleira do PP. E ti que pensas?
Só hai que ver o pleno. Non só é o que di, senón como o di. E non foi só nese pleno, é unha tónica xeral que el se exprese cun ton despectivo, autoritario e prepotente.
Entón, ao teu xuízo, si lle faltou ao respecto á concelleira do PP?
Eu creo que si. E non foi a única vez, e non o fixo exclusivamente con ela
Pois el séntese agredido pois manifesta que o BNG fixo buzoneo por Gondomar dun boletín no que pouco menos que se lle acusa de maltratador psicolóxico. É así?
O que repartimos foi un voceiro do BNG que facemos con regularidade e que se reparte a través de Correos. E o que se trataba de reflectir no artigo en cuestión é que a súa actitude coa oposición non nos parece correcta. Se distintos concelleiros e concelleiras se senten incómodas ou molestas pola súa forma de as tratar, creo que está claro quen ten o problema.
Por que non acudiches ao acto de conciliación?
Non era necesario; el tampouco se presentou. Foi a súa avogada e o noso avogado.
Dicía o alcalde nas nosas páxinas que che tende a man e que a súa intención é pechar este episodio o antes posible. Que tes que dicir ao respecto?
O episodio iniciouno o alcalde pondo unha denuncia, e terá que ser el o que o peche da maneira que considere. O BNG de Gondomar non considerou que tivera nada que conciliar e esa segue a ser a nosa posición.
Que percibes nas rúas de Gondomar sobre a valoración do voso traballo político?
Notamos unha corrente de simpatía claramente á alza. Creo que estes dous anos teñen afortalado o proxecto BNG en Gondomar e agardo que a presenza institucional do nacionalismo no concello medre en consonancia coa súa base social.
Rematamos Manuela. Tedes a cabeza xa nas eleccións do 2023?
Realmente temos a cabeza no presente; agora mesmo andamos coa campaña contra a brutal suba do recibo da luz que permitiu o goberno español PSOE-Podemos, unha campaña a pé rúa, de contacto coa xente. Vaia, que a nosa acción política non se limita a traballo institucional. Porén facemos avaliación do realizado até agora no concello e deseñamos a folla de ruta para estes dous anos que veñen por diante, coa idea de seguir a traballar por Gondomar e coa aspiración de aumentar a nosa representación institucional cando toque.
Tedes pensado falar con Manifesto Miñor para algún tipo de colaboración, ou incluso para unha reunificación de todo o nacionalismo de Gondomar?
O BNG é a organización que está a dar alternativas realizábeis ás necesidades que ten este país, e consideramos que constitúe a casa común do nacionalismo galego. Como sempre, as portas están abertas á toda a veciñanza que queira traballar neste proxecto, por Gondomar e por Galiza.