
Neste mandato que remata o BNG participou dun goberno tripartito en Baiona .O seu portavoz Iago Pereira amósase satisfeito do traballo realizado, e manifesta sentirse ilusionado en que a valoración positiva de boa parte da sociedade baionesa poida permitir un importante crecemento do nacionalismo nesta vila.
“ Almuiña non pode achegar nada nin novo nin bo para Baiona. El representa a especulación e o modelo dos campos de golf”
A falta pouco máis dun mes para as eleccións municipais. Cales son as túas sensacións e os teus ánimos neste momento?
Son máis positivas que nunca. A veciñanza de Baiona dáse de conta que cando o BNG forma parte do Goberno, condiciona a que Baiona sexa unha vila máis ecolóxica, máis feminista e máis galeguista.
Polas túas palabras dá a sensación de que estás satisfeito da experiencia destes catro anos de goberno?
En liñas xerais si, pero con moitos matices, pois temos un programa de goberno que non é igual ao do PSOE, aínda que coincide en algunhas cousas. Pasamos por unha pandemia, os problemas organizativos internos do concello con tres cambios de Secretaría e Intervención e, a nivel social dificultaron a acción de goberno. Pero si, estamos satisfeitos .Entendo que a nosa presenza no goberno foi positiva para Baiona e agardo que así o saiba ver a maioría da sociedade do noso pobo
Sodes dúas persoas do BNG na corporación: Yasmina Moreira e ti. Que áreas levades?
Yasmina Igualdade e Mocidade, e eu Medio Rural e Participación Veciñal
Faime un resumo das principais actuacións das dúas concellerías nacionalistas?.
Alén das áreas que levamos quixera salientar que a primeira medida que fixemos foi crear a ordenanza da normalización do galego. Isto criamos que era fundamental nun contexto, como o actual, no que o noso idioma sofre a presión abafante do castelán e retrocede a un ritmo tan preocupante.
Custouvos convencer aos vosos socios de goberno?
Non, asumírono sen problemas.
O PP votou a favor?
Si, votou a favor. Foi aprobada por unanimidade.
Ben, e as actuacións específicas?.
Como sabes a sensibilidade medio ambiental é un dos eixos da forma de entender a realidade do BNG. Nesa liña foron dirixidas moitas das nosas actuacións. Así por exemplo podemos destacar: a eliminación do plástico en todo o concello, a actuación integral na Rede Natura no sistema de dunas, e a eliminación de plantas invasoras na praia Ladeira. Quedounos pendentes, polo cambio de secretario, un dos nosos grandes baluartes que é a creación do Centro de Interpretación e Natureza de Sabarís no actual Centro Antena. Isto entendemos que é fundamental para realizar actividades todo o ano, e potenciar o noso concello cos nosos recursos naturais, patrimoniais e etnográficos.
Na miña área tamén temos pendente a aprobación dunha ordenanza de participación veciñal,
No terreo da igualdade Baiona converteuse nun referente en toda a Comarca. Mesmo concellos como Nigrán ou Gondomar están a copiar moitas das actuacións realizadas. Un dos obxectivos era poñer en valor á muller Baionesa, isto creo que o conseguimos.
Como te sentiches gobernando co PSOE?
A nivel de traballo diario as relacións foron satisfactorias .
A recollida de lixo foi un dos cabalos de batalla do Partido Popular na oposición, criticou moito ao Goberno porque, segundo o seu punto de vista o servizo é nefasto. Tan mal está?
O primeiro que hai que dicirlle ao PP, e todas e todos os cidadáns de Baiona, é que resulta moi curioso que o PP presente este asunto como se eles non tiveran ningún tipo de responsabilidade. É que o PP non gobernou nunca antes Baiona?.Si, claro que o fixo, fíxoo moi mal e deixo este servizo en condicións pésimas e cunha solución difícil. Tentamos reverter esta situación. Estamos a loitar para derrogar a chamada Lei Montoro que impide a contratación no sector público, esta lei limita aos concellos para poder desenvolver estes servizos. O Goberno central PSOE-Podemos non fixo nada por derrogala. . Neste tempo mellorouse estes servizos. Estamos mellor que fai catro anos, e se temos a oportunidade de seguir no goberno en catro anos estaremos moito mellor.
Como está a situación dos eólicos na Serra da Groba e como valoras a posición do Grupo do Goberno e a posición do Partido Popular?
O que me chama a atención é que non coinciden nos discursos e as votacións dos partidos que forman parte do Pleno co que votan en Santiago ou Madrid. Nós dicimos si á enerxía eólica, pero de maneira ordenada, no sitio onde proceda e só se é necesaria.
A Serra dá Groba ou na plataforma Mariña das nosas costas, que tamén nos afecta, non son os sitios axeitados e estamos completamente en contra da instalación de muíños en ambas zonas.
Outros que gobernan en Madrid acaban de sacar unha lei que vai favorecer a implantación desta enerxía eólica Mariña.
Xa tes definido o equipo de persoas que che van a acompañar nas listas?
Si.
Vai ser máis ou menos continuísta?
Si. Cambia un pouco a orde das persoas. Yasmina segue segunda, Juli vai terceira e de catro Bernabé.
Preséntanos a Juli e a Bernabé.
Juli é unha muller de 55 anos, persoa moi activa socialmente na súa contorna do seu barrio que é o Chaparral. Leva oito anos connosco traballando e hai catro anos deu un paso adiante para ir connosco nas listas e poder seguir traballando.
Bernabé é un rapaz que non chega aos 40 anos. Moi activo no ámbito das persoas con discapacidade. Leva traballando connosco a fondo 3 anos e decidiu dar un paso adiante e está preparado para iso.
Cales son as expectativas realistas cos que te presentas?
Non renunciamos a nada e a expectativa é sempre crecer. Poder seguir condicionando e dando unha estabilidade, pero sen renunciar aos nosos principios básicos como o ecoloxismo, o feminismo e a defensa do galego.
Almuíña pode achegar algo realmente á alcaldía de Baiona?
Non, non pode achegar nada novo. Xa o coñecemos , estivo bastante tempo de alcalde e sabemos que non vén a solucionar problemas de Baiona, senón que vén por mandato do partido . É unha volta ao modelo anterior cunha persoa que condicionou Baiona hai oito anos a unha Baiona de especulación e apostalo todo ao verán e aos campos de golf.