Carlos Méixome, historiador e escritor

Carlos Méixome, historiador e escritor

Carlos Méixome é destas persoas que están indisolublemente unidas á Nova Peneira. Colaborador da nosa casa desde o seu nacemento, xa hai 10 anos, foi premiado pola súa xenerosidade e a grande calidade dos seus traballos na última das nosas galas celebrada no ano 2.019. A el corresponderalle entregar o premio á persoa que o reciba na seguinte, que faremos tan pronto como a situación epidémica o permita. Carlos ven de publicar un libro sobre a represión franquista no Val Miñor “CATAS DA MEMORIA”, e nós non podiamos deixar de ter unha ampla conversa con el para coñecer en profundidade este traballo. Antes de ler o que deu de si a miña conversa con Carlos quixera achegar unha pequena reflexión persoal ao respecto do seu contido:

Cando o director de A Nova Peneira contactou comigo para incorporarme ao seu proxecto, en novembro do 2.013, o que máis me chamou a atención foi a súa vontade de construír un espazo que non só fose unha empresa que nos permitira gañar a vida con dignidade, senón que tamén estivese chantado sobre un corpus de valores morais innegociables en calquera caso, irrenunciables en calquera caso e inmutables en calquera caso. A memoria histórica , a vontade de honrar a memoria das persoas represaliadas pola besta criminal do fascismo, é un dos eixos sobre o que as persoas que aquí traballamos, procuramos asentar A Nova Peneira. E a min, chégame ata o máis íntimo e profundo das miñas emocións. Xa que logo, a conversa con Carlos, foi especial para esta redactora, pois as persoas como el, que nos alumean coa luz da memoria, fan mellor á humanidade. Vela vai.

“ A LEI DE AMNISTÍA DE 1.977 SUPUXO, NON O PERDÓN PARA OS OPOSITORES AO RÉXIME, SENÓN O PUNTO E FINAL PARA NON INVESTIGAR OS ASASINATOS DO FRANQUISMO”

Como e cando decidiches escribir este libro?

A súa orixe é do traballo memorialístico dos anos 2004, 2005 e 2006. Moitas píldoras do libro xa saíron publicadas no blog ou en artigos de diferentes xornais. É cando me xubilo e dispoño de máis tempo cando decido reelaboralo e plasmalo no libro, que estivo esperando ata que Laiovento decidiu imprimilo. Chámolle “Catas” porque é o estudio parcial de cinco aspectos da represión no Val Miñor.

Cales son eses cinco aspectos?

O primeiro capítulo está dedicado á persecución sobre o maxisterio miñorano nos tres concellos, sobre o castigo e as sancións aos mestres. O máis significativo é o caso de Vázquez Grela, o mestre de Nigrán que matan nas angustias. Entre o 30% e o 40% dos mestres son depurados e sancionados con traslados, suspensións ou mesmo co despedimento.

Ao segundo capítulo chámolle causa xeral. Este termo ven de cando remata a guerra. O ministro de xustiza de Franco, Esteban Bilbao abre o que lle chaman “Causa general sobre la dominación roja en España”. Caso curioso, os golpistas, xa no poder, abren unha causa xudicial para xulgar aos que son leais á República, e de isto vai, da depuración sobre os “Rojos” que tiñanuncerto liderado social.

O terceiro capitulo foi para falar da maior concentración de xente que fixo oposición aos militares da zona. A organización da resistencia de aquí, que durou dous días na que explotaron un pouco de dinamita e pouco máis, foi en Canido, e viñeron veciños de Baiona, Gondomar e sobre todo de Priegue.

No cuarto capítulo fago o mesmo con Baiona, aquí eran dous bandos moi claros. Os armadores eran todos dereitistas, mentres que os conserveiros eran pro-republicanos. Os armadores eran antigos e os conserveiros moito máis modernos, tiñan clubs, xogaban ao tenis, presidían asociacións de casinos e isto tivo a súa relevancia porque segundo o status do represaliado así era a sanción económica que lles metían.

O quinto e último capítulo vai sobre o caso de Nigrán, o de Telmo Freitas e os seus catro compañeiros condenados a morte e fusilados en Pereiró.

Onde procuraches as fontes de información sobre os episodios descritos?

Nunca pensei en traballar sobre a memoria histórica. Todo comezou en Chaín conversando cun veciño ao que lle asasinaran ao seu pai no ano 36.El comentoume que lle gustaría saber como foi e aí comecei as pescudas para indagalo, foron os veciños os que querían información, funme metendo nesa dinámica e como consecuencia saíu agora este libro. Nos próximos tempos espero que haxa posibilidade de publicar algún máis.

Foi fácil ou difícil pescudar os datos?

Ten a súa complexidade. Os propios familiares son os que inicialmente achegan información, pero estes datos sempre soen ser parciais e persoais e hai que contrastalos documentalmente coas fontes oficiais como: rexistros civís, rexistros parroquiais, arquivos militares (neste caso do de Ferrol); arquivo provincial para listas de afiliación a partidos, arquivo xeral da administración, arquivo xeral do exército de Segovia. Os que facemos historia pola nosa conta baleiramos rexistros civís e a partir de aí vanche saíndo os nomes e, de aí comezas a reconstruír, pero isto non sempre é así, hai veces que non sae nada e é imposible.

Sobre cantos asasinatos tes documentados no Val Miñor?

Chegamos a exhumar cinco cadáveres en San Xían no Rosal. Tres eran de Gondomar e dous de Nigrán.

Nesta fosa iamos buscando a dúas persoas que sabiamos que mataran e atopamos a tres. Identificamos a dúas por ADN de familiares, pero a día de hoxe un home non sabemos quen é. Sabemos que se chamaba Manuel o “Palero” e traballaba en Gondomar nunha panadería, pero nada máis. Na segunda fosa identificamos a unha persoa por ADN familiar tamén, pero a outra que atopamos non sabemos nada dela. Non era de aquí e non temos nada de información nin ningunha referencia del. É un desaparecido.

As pescudas do libro aínda non son definitivas, pero creo que se pode dar unha cifra aproximada de persoas do Val Miñor asasinadas. Tanto nos tres concellos da comarca, coma en Vigo e noutros concellos dos arredores; sobre uns 70 asasinados.

Na nosa comarca foron sometidos a causas militares abertas con xuízos e condenas en moitos casos, sobreseídos noutros, aproximadamente unhas 300 persoas nunhas 27 causas militares.

De onde tirastes o financiamento para o levantamento destes cadáveres?

Naquel momento a axuda viñera a través dun convenio asinado coa Consellería de Cultura e co Instituto de Medicina legal de Galicia (IMELGA). Nós facíamos a escavación arqueolóxica e o IMELGA facía as probas de ADN. Cando estaba todo preparado para cobrar e sufragar os gastos mudou o goberno, entrou Feijoó na Xunta e a nós non nos pagou, pagoulle ao IMELGA porque tiñan un convenio universitario, pero a nós non.

Alén dos asasinatos, que outros episodios de represión sufriu a veciñanza do Val Miñor?, é posible dar unha cifra aproximada de persoas que dunha ou doutra maneira foron represaliadas?

Iso é moi difícil de saber. Sobre todo as mulleres represaliadas.

O capítulo 5 do libro vai dun estudo sobre un portugués que vivía en Panxón e se chamaba Telmo Freitas Lima. Fusílano en Pereiró con catro persoas máis. Escribiu unha carta dirixida a súa muller na que recoñece como fillos lexítimos a uns cantos cativos e cativas que tiveron en común e despídese deles. Nesta carta dille a súa muller que sabe o que sufriu, que lle cortaron o pelo, que a humillaron, … Esta carta está documentada e impresa no libro pero non é o común, a única fonte deste tipo de represión foi a oral e por iso é practicamente imposible de saber.

Tamén houbo outro tipo de represión, a represión económica, que está pouco estudiada e foi a de depuración de responsabilidades civís. Aquí abrían unha causa militar, acusábante de rebelión ou de apoiala, non te condenaban con cárcere e deixabas de estar baixo a gobernación militar para estar baixo a gobernación civil. Aquí, dependendo do cheos que estiveran os cárceres, en vez de deixarche preso, multábanche. Estas multas dependían da capacidade económica da persoa, isto facíase como método de recadación para o exército. Estes expedientes duraron ata o ano 45 máis ou menos.

Que papel xogou a igrexa na represión?

No caso da igrexa houbo curas da falanxe coma o de Sabarís que foi o construtor da falanxe da Ramallosa, por así dicilo. Esta foi a máis importante e creouse menos de dous meses antes do 18 de xullo. Outro caso foi o cura de Panxón que se dicía que ía facer practicas de tiro coa pistola enriba da sotana. Agora, tamén houbo outros curas dos que se fala como protectores ou que agocharon xente na súa casa…

E a prensa que papel xogou?

En Vigo existía o “Faro de Vigo”, este era o periódico católico de dereitas e “El pueblo gallego”. Este era un periódico republicano propiedade de Portela Valladares que foi quen convocou as eleccións de febreiro do 36. Despois do 18 de xullo o primeiro que pechan os militares é este periódico e a principios de agosto, a falanxe apropiase da cabeceira que pasa a ser o periódico da falanxe.

Coñeces que veciños do Val Miñor participaron activamente nos asasinatos?

Si, no caso de San Xían sabemos que quen ía acompañando á Garda Civil de Gondomar era un Señor chamado Domingo Vila que levaba unha escopeta de caza e sempre estaba en todos os sitios. Cando fomos exhumar os cadáveres de tres asasinados en San Xían pola Garda Civil aplicando a lei de fugas, aparecen balas e postas de escopeta nos restos dos corpos destas tres persoas.

Coñeces algún caso dalgún asasinado ou represaliado sobre o que se exercera violencia sen que a vítima tivera ningún tipo de relación coa político só que fose odiado ou envexado por algún dos represores?

Creo que aquí iso non pasou, todos os que investigaron nunha causa militar ou castigaron dalgunha maneira sabían ben quen eran, non se equivocaron moito. Todos os que saen aquí eran todos republicanos, de esquerdas ou sindicalistas. Outra cousa e que cando viron as cousas mal se agocharan nalgún sitio e algún veciño os delatara, iso si poido pasar.

Tiveches algún tipo de axuda do concello ou dalgunha outra administración no proceso de creación e edición do libro?

Non, é todo edición de Laiovento. Sei que algún concello mercou exemplares para as bibliotecas pero para a edición non.

Alén das “ catas” haberá máis memoria histórica Carlos?

Agora estou cunha investigación sobre un mestre que menciono neste libro, estou en contacto cos netos deste mestre e o traballo xa está máis ou menos rematado.

Que nivel de concienciación coa memoria histórica dirías que existe na sociedade actual?

Unha das primeiras cousas que me escribiu un neto do mestre que che mencionei foi “é demasiado tarde”. Hai máis de dez anos, cando aínda daba clases, unha sobriña dun dos represaliados díxome, “a memoria histórica está morta”. Hai que admitir que a realidade é que houbo 40 anos de ditadura e logo 40 anos de silencio absoluto producido polo pacto de silencio de iso que se chama transición. A lei de amnistía do 77 supuxo, non a amnistía para os opositores ao réxime que estaban no cárcere, senón o punto e final para que non se investigase nada. Para min o máis inxusto da transición foi o mal trato e o desprezo que se lle deu ás vítimas do franquismo, foron ignoradas. Comezase a falar un pouquiño de memoria histórica despois do 2006 coa lei da memoria de Zapatero e a Xunta de Galicia declara este ano como o ano da memoria co goberno do bipartito PSOE-BNG, chegamos moi tarde.

Onde podemos mercar este libro?

En calquera libraría ou a través da páxina web da editorial.

Que sentes cando escoitas iso de que a guerra civil foi un episodio de malos contra malos, que en ambos bandos se cometeron inxustizas e que hai que esquecer e mirar para  adiante?

Hai que dicir dúas cousas ao respecto disto:

En primeiro lugar: En Galicia só houbo un lado, aquí non houbo guerra, só perseguidos e represaliados, os mortos están todos de un lado. Só hai dous casos no Val Miñor de mortos no bando franquista.

En segundo lugar: a legalidade republicana era a legalidade republicana democrática. Quen se subleva contra eles son os que dan o golpe de estado e como consecuencia provocan a guerra. Non é certo que os asasinatos os houbese antes do golpe, antes había tensións bastante graves provocadas polos apoios a ese golpe que non aceptaban os cambios democráticos que estaban a acontecer coa República. É certo que houbo crimes, paseos e fusilamentos por parte dos republicanos, pero esta situación incontrolada durou tres meses, este foi o tempo que tardou o goberno da República en volver a ter o control da situación despois de que se lles escapara das mans xustamente polo golpe de estado.

No outro bando isto non sucede, alí a limpeza é sistemática. Eu no libro cito frases de Franco do ano 38. Neste ano o embaixador italiano dille a franco que apure a guerra que Mussolini estaba preocupado ao que Franco contesta que prefire ir lentamente, non se trata só de gañar o territorio, senón de eliminar aos inimigos de España. Ten outras frases como arrincar as malas herbas ou había que limpar a “antiespaña”. Eles tiñan a visión de que a guerra non era unha guerra civil, senón unha guerra colonial onde había uns inimigos de España, non eran españois, eran a “antiespaña”.

E por último, como valoras a decisión inicial do estado de non recorrer a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco polo pazo de Meirás e o cambio de posición?

Risas, estas cousas só ocorren aquí. Eu firmei o papel que fixo Carlos Babío porque estou totalmente de acordo con el.

Coñezo a xefa dos avogados do estado que é galega e supoño que no cálculo deles está o medo a perder porque o os avogados miran as sentenzas cun punto de vista moi técnico. Ou mesmo a mentalidade política do Psoe, penso que queren acabar con isto xa e non se prolongue no tempo. Agora desde o punto de vista político e social isto é unha cousa tremenda, dicir que como nos coidaron do Pazo agora lles pagamos o mantemento, por estar de caseiros, uffff, unha broma….

O cambio de posición foi debida a admirable reacción dos sectores máis concienciados coa memoria e coa xustiza do noso pobo que grazas ao seu esforzo e compromiso lograron mudar unha decisión inicial demencial. Algún día haberá que recoñecer como se merece o inmenso traballo , a dignidade e o valor de Carlos Babio e Manuel Pérez Lorenzo

Queres dicirnos algo máis do teu libro?

Espero que aínda que nos se fale de temas agradables a lectura sexa doada, tendo en conta que é un libro de historia.

Moitas grazas Carlos