A pontareá Anabel Antela Castro ispe a saúde do idioma galego no sector téxtil

A pontareá Anabel Antela Castro

Cando o meu pai tiña 7 anos quedou orfo. Foi internado nun orfanato de Vigo e a primeira persoa que o atendeu, un crego de Valladolid, recibiuno preguntándolle como se chamaba. El, natural de San Miguel de Oia, contestou no seu idioma :” Eu chámome Claudio”, díxolle un neno que con 7 anos acababa de presenciar o accidente que matou á súa nai. A reacción do sacerdote salesiano foi darlle dúas “ostias”, unha en cada meixela, e obrigarlle a escribir 2.000 veces “ No hablaré en gallego”. Este episodio é unha metonimia de séculos de represión e abusos que acabaron convertendo á lingua propia de Galicia, en minoritaria no seu propio país. A lingua galega vive unha situación de extrema dificultade que pon en perigo a súa transmisión, como lingua de uso, ás xeracións futuras. Convídolles amigos e amigas a que se dean un paseo polas rúas e corredoiras de calquera vila ou aldea do noso país e escoiten en que idioma falan as e os adolescentes, e verán como a realidade é estarrecedora. O noso idioma vive unha situación de diglosia de manual, na que non está lonxe de ser condenado á ser unha lingua ornamental .Por desgraza as políticas da Xunta non van na liña de tratar de remedialo . Só o admirable compromiso de persoas como Anabel, que invisten o seu tempo, o seu esforzo e o seu enorme talento en pór encima da mesa a realidade da negra situación na que se atopa o noso idioma pode facer que a esperanza de 1.000 primaveras máis para a lingua galega non sexa aínda un significante sen significado .Ela é unha moza de Ponteareas que acabou a súa carreira hai pouco tempo, e que como traballo de fin de grao realizou unha exhaustiva investigación sobre a situación da lingua galega no sector téxtil :” A LINGUA GALEGA NO SECTOR TÉXTIL.VISIÓN, OPINIÓN E POSICIÓN DA XERACIÓN MILLENNIAL GALEGA” e as conclusións son dramáticas, pois nun sector cunha enorme interacción social a presenza do noso idioma é case residual. Xa que logo a liberdade de uso lingüístico simplemente non existe, pois se queres mercar en galego, non podes. O estudo de Anabel foi publicado coa axuda da Mesa pola Normalización lingüística e da DEP e está ao dispor de quen teña interese nel en distintas librarías. Eu animo a todas e todos os que teñan sensibilidade para coa lingua galega a que se mergullen na súa lectura, o seu interese é superlativo. E a conversa que mantivemos coa súa autora non foi menos interesante. Velaí vai o que deu de si

“ DAS 16 MARCAS ANALIZADAS SÓ 6 OFRECEN APOSIBILIDADE DO IDIOMA GALEGO. E EN NINGÚN CASO COMO IDIOMA PRIORITARIO”

Como é que unha moza tona nova coma ti, tan só tes 23 anos, xa tes un libro publicado?

É o meu traballo de fin de grao.

E que carreira estudaches Ana?

Fixen publicidade e relacións públicas en Pontevedra. e cando tiven que facer o traballo de fin de grao tiña claro que quería facer algo que puidera contribuír a darlle á lingua galega o espazo que creo que se merece e lle corresponde.

Decidín enfocalo ao ámbito empresarial, e dentro deste ámbito, ao téxtil.

por que escolliches o téxtil?

Porque temos moitas grades marcas en Galicia e o sector está moi arraigado na nosa terra, cunha facturación moi elevada e unha gran exportación. En concreto en Galicia temos 16 grandes marcas cuns ingresos de facturación anuais superiores aos dous millóns de euros, e con presenza internacional.

Para acoutar escollín as marcas que naceron en Galicia, que tiveran uns ingresos de facturación anuais superiores aos 2.000.000 de € e que tiveran presenza internacional. O estudio foi dirixido en dúas vías, por unha vía estudei as marcas, e por outra a xeración millennial.

Que é a xeración millennial?

Esta xeración inclúe a todas as persoas que teñan entre 19 e 39 anos. Escollín esta xeración porque creo que somos os que agora mesmo temos a capacidade de xerar cambios. Somos nós os que imos decidir, ou non, a transmisión da lingua galega a xeracións futuras.

Como se desenvolveu a investigación?

No caso das marcas seguín o criterio de observación directa. Este consiste en observar as súas webs sen ir máis aló de o que o propio usuario poder ver. Quería observar que prioridade lle dan ao idioma, o resultado foi esclarecedor. As 16 marcas teñen como idioma predeterminado o castelán e unicamente as de Inditex( con excepción do propio Inditex) ofrecen a posibilidade de navegar en galego.

E de esas 16 cantas son do grupo Inditex?

Seis estas son nas que se pode navegar en galego. Nas outras once non se pode.

O incrible e que sendo marcas galegas ofrezan a posibilidade de navegar en francés ou portugués, pero non en galego. De feito, a marca Nanos ofrece a posibilidade de navegar en sete idiomas diferentes, deles ningún é o galego.

Por outra banda estudei se citaban nalgún momento a súa orixe galega e só sete cítana nalgún momento. Non aproveitan a marca Galicia nin din somos galegos.

Despois decidín facer unha enquisa durante tres semanas e media dirixida á mocidade a través dun cuestionario de Google e conseguín un total de 310 respostas. Quería que esta enquisa fose sinxela, rápida de cubrir e fundamentalmente quería obter repostas de cidade, de vila e de aldea, que abranguera todos os tipos de ámbitos residenciais de Galicia.

En que consistía esta enquisa?

Constaba de 20 preguntas curtas para que fose sinxela de contestar.

E os seus resultados?

Tivo un resultados moi positivos .A opinión que ten a mocidade galega sobre o noso idioma é positiva , e os datos son moi sorprendentes:

O 95% resalta que cando vai mercar no sector téxtil directamente os atenden en castelán pero que, no 75% dos casos, se o interlocutor comunícase en galego, o mozo ou moza tamén lle respondería no mesmo idioma. De aquí eu extraio que o problema é que non temos referentes no ámbito empresarial que falen en galego.

O 70% consideraba que o feito de que unha marca utilice o galego reforza a súa marca, e o 60% aseguraba que si un produto está anunciado en galego induce á compra.

O consumidor ten que ter a opción de escoller en que idioma queremos mercar porque en Galicia temos dous idiomas.

Atopámonos cun público que está reclamando que as marcas usen o galego e non o temos. Igual o problema é que estas marcas non están considerando a opinión destas persoas.

Que interesante… Está rematado o traballo?

Si, xa está rematado. Tiña catro meses para facer o traballo completo entre investigación e campaña e presenteino en xuño do 2019.

Foi curioso como conseguín publicalo. Deseñei esta campaña e tiven que buscar unha asociación que fora a emisora da mesma. Escollín a “Mesa pola normalización lingüística” para facelo , reuninme co seu presidente Marcos Maceiras e incluso querían levar a cabo algunha parte da campaña, pero con este ano tan complicado que nos tocou vivir a cousa non saíu adiante. Eles propuxéronme publicar a investigación, presentámola na Deputación de Pontevedra en decembro do 2020 e imprimímola contando cunha axuda da deputación.

Tes datos da difusión que tivo o traballo?

Aínda non. Está á venda en distintas librarías e de momento non temos datos de cantos se venderon

Pronto verémoste nas terras do Condado, verdade?

Si. Imos facer a presentación do libro no Auditorio de Ponteareas en abril . E faime moitísima ilusión presentalo en Ponteareas porque é a miña terra.

Tes a intención de seguir a túa vida profesional de investigación por este camiño da protección da lingua?

Seguro que seguirei investigando ou ben na liña da lingua ou na liña do feminismo, estas son as dúas temáticas que máis me sensibilizan.

En que idioma fuches educada Ana?

Eu fun educada en galego, tanto por parte dos meus pais coma por parte dos meus avós. Toda a miña familia e de Ponteareas, en concreto das parroquias de Areas e Fozara.

É algo que sempre lla agradecerei aos meus pais, grazas a eles son bilingüe, deféndome ben nas dúas linguas, e creo que a pluralidade lingüística que hai en Galicia é unha riqueza que deberíamos manter.

Es optimista ou pesimista en que o Galego se poida conservar para as xeracións futuras?

A miña visión é optimista pero creo que hai moitísimo que facer e somos os mozos e as mozas galegas os que temos que traballar para que a nosa lingua se manteña.

E as políticas públicas en relación á protección do idioma como as valoras?

Por esta banda tamén hai moito que facer.Non entendo que non apostes pola pluralidade lingüística xa que é unha riqueza, é cultura, é diversidade. Non entendo que haxa xente que poida rexeitar isto.

Moitas grazas Anabel. Encantoume falar contigo. As persoas coma ti sodes un sopro de frescura e esperanza para que o noso idioma poida vivir. Deséxoche moita sorte en todo o que fagas

Moitas grazas a ti