Victoria Portas. Alcaldesa de Cangas

Victoria Portas Alcaldesa de Cangas

Despois da entrevista que lle fixen a Xose Manue Pazos, o pasado 9 de xaneiro, en ningún caso pensei que tería que volver tan cedo a Cangas a entrevistar a unha nova alcaldesa. Por desgraza Pazos deixounos, e a alcaldía canguesa ocúpaa agora Victoria Portas. Ela é a 2º muller na historia do seu pobo que ten a honra de ser alcaldesa. Victoria é unha muller con ampla experiencia no mundo das relacións laborais, traballou na CIG, e cunha elevada sensibilidade social cara aos colectivos máis vulnerables. Afronta a súa responsabilidade con moita ilusión e folgos, malia que sendo plenamente consciente da tarefa titánica que ten por diante. Ela é de talante conciliador e maniféstase esperanzada en poder traballar en harmonía con todos os grupos da corporación canguesa, en especial cos que comparten co seu grupo político, ACE, a sensibilidade de esquerdas.

EU SON DE ESQUERDAS E NACIONALISTA GALEGA,E AO BNG E A AVANTE NON OS SINTO COMO DIFERENTES.TODO O CONTRARIO,SÍNTOOS COMO PARTE DE NÓS”

Eu fíxenlle a derradeira entrevista da vida do alcalde Pazos o 9 de xaneiro deste ano, e a verdade, Victoria, non esperaba facerlle outra a unha nova alcaldesa tan pronto. Gustaríame que as túas primeiras palabras fosen para Pazos?

A inesperada morte de Xose Manuel Pazos, case de súpeto, foi un golpe brutal para todas e todos. Se penso nel, nas moitas horas que pasei con el, creo que o primeiro que me ven á mente por ser un dos seus riscos máis salientables era o sentido do humor. Esta característica de Pazos era incrible para relaxar as situacións tensas. Incluso nas situacións enormemente tensas el sempre tiña o comentario adecuado para facer sentir cómoda á xente e eliminar as tensións.

Con que ánimos encaras a grande responsabilidade que tiveches que asumir?

Estou moi ilusionada pero son plenamente consciente da dificultade e da enorme responsabilidade. Son a segunda muller alcaldesa de Cangas, despois de Clara Millán. E a miña condición de feminista convencida fixo que este feito pesara para que tomase a decisión de posicionarme. Estou preocupada claro, Cangas é un Concello grande, e ten moitas frontes nos que pelexar, pero coa firme intención de dar o mellor de min mesma en prol do ben común da totalidade da veciñanza.

Cal é a túa profesión?

Eu son relacións laborais, e especialiceime en seguridade social emigración e inmigración. Traballei en distintos sitios relacionados coa miña profesión, e en definitiva sempre tiven moita relación co asociacionismo e as relacións laborais.

Cando asumiches a alcaldía pediches perdón polo “espectáculo” tan lamentable que a atomizada esquerda canguesa protagonizou antes da túa elección como alcaldesa. Esa situación de guerra fratricida rematou?, ou hai posibilidades de que se volva a desencadear?

Eu creo que nas conversas posteriores á morte de Pazos, que tiñan por obxecto que unha nova persoa asumise a alcaldía, en ocasións o persoal substituíu ao político, houbo dano moral e lidar con iso é moi complicado. Unha vez que se chegou ao acordo, eu teño claro que son a alcaldesa de toda a veciñanza , que non vou ter en conta ningún tipo de conflito do pasado e só quero mirar para adiante co único obxectivo de procurar o ben común.

A esquerda política, por desgraza, sempre tendeu ao cainismo e á atomización, pero en Cangas, non sei porqué, esa tendencia é superlativa. Pazos díxome moitas veces que non quería deixar a alcaldía sen que ACE e AVANTE solucionaran as súas diferenzas. Ti que posición tes ao respecto?

Eu creo que o deixei claro o día do meu discurso e reafírmoo agora na resposta á túa pregunta: A discusión política é boa, sa e necesaria, pero estes debates deben de cinguirse ao político, nunca transcender ao plano do moral .Os debates deberan darse nos órganos políticos correspondentes e morrer alí. Se o debate político ten como resultado unha guerra fratricida só beneficiamos á dereita, porque en realidade toda a esquerda de Cangas temos moitas máis coincidencias ca diferenzas. Eu teño un carácter conciliador que procura o consenso e non a confrontación, e vou procurar aplicalo nas relacións con todos os compañeiros e compañeiras da corporación.

Que opinión tes sobre o feito de que Avante non votara a favor da túa investidura?

Eu son de esquerdas e nacionalista galega. Para min o BNG e Avante son os meus aliados naturais. A ambos síntoos parte de Nós. O voto en branco de Avante sorprendeume moito. Xogaron con lume pois sen eles tiñamos os votos xustos. Se querían expresar o seu desacordo con que un deles votara en branco abondaba. De feito dígoche que o día anterior eu non tiña claro que fose a ser alcaldesa

En serio?

Absolutamente en serio. Algún medio de comunicación chamoume para concertar entrevista e eu díxenlle que acougara que se cadra tiña que chamar a Sotelo

Que relación tes agora cos concelleir@s de Avante?

Boa.

É moi pronto para pensar en como será a arquitectura política no 2.023?. ACE manterá a súa configuración actual? Haberá algún tipo de pacto con Avante?

É moi pronto si. Eu acabo de aterrar na alcaldía e todas as miñas enerxías e ilusións están centradas en servir ao meu pobo xestionando o mellor que saiba e poida.

Como está a situación epidémica de Cangas a día de hoxe?

Hoxe é día 11, os últimos datos que teño son os do día de onte .E o día 10 tiñamos 29 casos. A evolución está seguindo un camiño moi positivo, aínda que en absoluto podemos confiarnos pois isto non rematou, aínda nos pode facer sufrir, e a prudencia debe de ser extrema para que acabe o antes posible. Costounos moitísimo baixar dos 70 casos e non se pode tirar cos resultados do inmenso esforzo da xente.

O concello contempla algún tipo de axuda para o sector das hostalaría, tan importante en Cangas, e tan castigado pola situación derivada da pandemia?

Si. A decisión do goberno e ir con todo o que poidamos para axudar ao sector porque no noso pobo moitas familias dependen del. Temos diferentes proxectos, o ano pasado fixemos bonos por valor de 100.000€ todo a cargo do Concello sen ningún tipo de axuda.

A pandemia fixo que aumentaran o numero de familias que precisan da axuda dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas?

Si, por desgraza aumentaron notablemente.

Compartes a opinión de Pazos referente a que a DEP non trata a Cangas de maneira xusta?

Si, compártoa. E non só a DEP, tamén a Xunta deixa moito que desexar no que respecta ao trato que lle dá ao noso Concello. Estou moi descontenta co trato que recibimos de ambas administracións

Cal é a túa posición en relación ao conflito coa empresa de augas?

En principio teño que dicir que o contrato coa empresa é moi deficiente

Refíreste ao contrato que fixo o alcalde Sotelo, do PP, coa empresa de augas?

Si, a ese contrato me refiro. Incluso o informe da fiscalía di o mesmo que estou dicindo eu. Ese contrato non pode prexudicar á veciñanza de Cangas e así llo trasladei aos responsables da UTE cando me reunín con eles. É necesario que cumpran o plan de investimento, porque se a sinatura dese contrato foi deficiente, a súa execución tamén o está sendo. E iso, non é tolerable

E de Masso?

Vamos ver, no que a ese asunto se refire terei pronto unha xuntanza coa autoridade portuaria para explorar distintas alternativas. En calquera caso pregúntasme por un tema extraordinariamente complexo cuxa solución esixe contemplar moitas arestas diferentes

Un veciño de Hermelo queixouse ao noso xornal de que no seu barrio non hai beirarrúas e que esa situación supón un perigo notorio para os peóns?

Son consciente desa deficiencia e de moitas outras de distintas zonas de Cangas. Prometo pór o mellor de min mesma para tratar de chegar a solucionalas o antes posible, pero o que pido por favor á veciñanza é que polo menos me dean os 100 días de graza

Rematamos alcaldesa; Cales serían os temas que máis alegría che daría resolver, ou polo menos deixar en camiño a súa resolución nos dous anos que che quedan de alcaldesa?

Mellorar a situación dos segmentos de poboación que peor o pasen, recuperar as naves de Ojea, mellorar a situación sanitaria de Cangas e en particular resolver o do Centro de Alta Resolución de Cangas