Entrevista a César Gil Bernárdez, candidato do BNG á alcaldía de Mondariz Balneario

Entrevista a César Gil Bernárdez, candidato do bng á alcaldía de Mondariz Balneario

César Gil: “ As nosas expectativas están en quitar 4 concelleiros e gañar as eleccións”

A anunciada retirada de José Antonio Lorenzo, alcalde de Mondariz-Balneario desde 1983, alentou a presentación de novas candidaturas neste pequeno concello de 680 habitantes, segundo os últimos rexistros do Instituto Nacional de Estatística (INE). César Gil Bernárdez, que encabeza novamente a lista do BNG, é o máis novo e ao mesmo tempo o máis experimentado en política municipal dos catro candidatos confirmados. Falamos con el sobre os retos que ten por diante o próximo alcalde de Mondariz-Balneario e as perspectivas electorais do seu grupo político nun contexto como o actual, de altísima fragmentación.

O BNG lidera a oposición na Corporación Municipal de Mondariz-Balneario desde hai case vinte anos, mais nas eleccións de 2019 estivo moi preto de desbancar ao PP da Alcaldía. Como líder da oposición durante os últimos catro anos, que balance fas desta etapa?

Fomos unha oposición construtiva e propositiva, dentro do que nos deixaron participar. Intentamos ser portavoces de todos eses veciños que nos votaron hai catro anos. O noso compromiso era con eles e co pobo. Enchemos os plenos de iniciativas, moitas delas en plena pandemia. Presentamos unha serie de medidas sociais e económicas relacionadas coa vivenda, o patrimonio, os servizos públicos,… O balance é sen dúbida positivo.

Esta recente experiencia axudou a redefinir o proxecto actual do grupo político?

Eu son dos que pensan que para ser alcalde hai que pasar antes pola oposición. Dáche información, dáche táboas para xestionar ben un concello. Para min, é fundamental coñecer os veciños e as súas necesidades. A día de hoxe, o reto máis importante que temos é restaurar a convivencia. O pobo de Mondariz-Balneario está dividido por ideoloxías ou por formas de pensar, e nós temos claro que o concello, máis alá de quen goberne, ten que estar unido. O noso programa está cheo de medidas para restaurar esa convivencia social.

Que tipo de medidas?

Por exemplo, algo moi sinxelo como son as festas tradicionais, un espazo onde os veciños e as veciñas se encontraban, se coñecían, dialogaban. Alén disto está a dinamización sociocultural, deportiva e de lecer, que debe ser anual e en todos os barrios. Agora mesmo, esta actividade está concentrada nun único lugar. Nós consideramos que hai que expandila, que hai que crear e mellorar espazos públicos como a Praza de Abastos ou a propia contorna do Casa Consistorial, negociando coa empresa Raúl polo garaxe que ten ao lado. Poder dispoñer dun centro social polivalente tamén é necesario para a socialización e a celebración dos eventos socioculturais que tanto fan falta en Mondariz-Balneario.

Nas eleccións de 2019, o BNG quedou a tan só tres votos do PP. Naquel momento cuestionouse a presunta manipulación do censo electoral. Resolveuse este problema?

O día das eleccións, os veciños e as veciñas de Mondariz-Balneario sempre nos sorprendemos de ver votando a persoas que non coñecemos. Tamén chama a atención a cantidade de votos por correo que chegan. Estamos falando dun 10 por cento. Isto di moito sobre onde están esas persoas. No noso concello, que só ten unha mesa electoral, hai que repetir sempre o sorteo unhas cinco ou seis veces porque non hai maneira de contactar coas persoas da mesa. A cuestión do censo, polo tanto, non é nova. Nós témolo denunciado. Estivemos na oficina do INE, estivemos coa valedora do pobo, e todos din que é competencia do propio concello regular ese censo, dar de baixa ás persoas que non están ben inscritas nel. O que está claro é que non interesa facer esa limpa. O censo está como está e xa contamos con esa desvantaxe de arredor de 50 votos.

Igual que hai electores que non viven en Mondariz Balneario, tamén hai candidatos e candidatas que residen fóra ou non levan tanto tempo vivindo na localidade para coñecela en profundidade. Das catro candidaturas confirmadas, pode que a túa sexa a única dunha persoa que vive e traballa en Mondariz-Balneario desde sempre.

Persoalmente é algo que me sorprende. Calquera persoa pode presentarse, non é motivo excluínte que leves no concello cinco ou dez anos, pero si vexo vital coñecer cada recuncho do concello, coñecer aos veciños, coñecer as súas demandas e necesidades. Eu nunca me presentaría como candidato a alcalde nun concello onde non vivo ou que non coñezo ben. A mellor proposta que hai agora enriba da mesa é a nosa: xente de Mondariz-Balneario que ama a Mondariz-Balneario e coñece o seu concello.

O 28 de maio, pensas que pesará máis no voto a ideoloxía, a división social que comentabas antes, ou o feito de que haxa candidatos con máis experiencia real no concello que outros?

A xente quere que o equipo de goberno, comezando polo alcalde, sexan persoas próximas, persoas que se poidan atopar todos os días na rúa. Cústame pensar na posibilidade de votar a alguén que vive a 1.000 km de distancia ou que non sabe onde está Cambelas, que é unha zona de Mondariz-Balneario. Creo que os veciños non se van fallar a eles mesmos, e que van votar pola candidatura de veciños e veciñas de Mondariz-Balneario, que é a nosa. Somos a opción máis realista, a opción de futuro.

Respecto das relacións co veciño Concello de Mondariz, moi tensas nos últimos anos a causa de infraestruturas e servizos compartidos como a EDAR, que alternativa ofrece a súa candidatura?

É moi triste a situación na que nos atopamos. Por Mondariz pasaron tres alcaldes, e por Mondariz-Balneario soamente un. Nós coñecemos a problemática da depuración de augas residuais de primeira man. Non ten difícil solución, o importante é sentarse a falar. Durante a presentación da candidatura tendinlle a man ao Concello de Mondariz para buscar xuntos unha solución a este problema medioambiental o mesmo 20 de xuño.

Independentemente de quen goberne en Mondariz?

Independentemente de quen goberne.

Outro problema de Mondariz-Balneario parece ser a situación de abandono do patrimonio histórico. Na presentación da candidatura comentaron que recuperalo é un dos seus obxectivos. Temen que, de chegar á Alcaldía, non poidan ser quen de cumprir esta promesa pola inacción ou mesmo bloqueo da Xunta de Galicia, responsable en gran medida de facilitar a restauración do patrimonio?

No que respecta á fonte de Troncoso, a Xunta xa se comprometeu a rehabilitala a través dun convenio asinado co concello. Nós confiamos na súa vontade e na súa palabra. Xa está en marcha a primeira fase e queda pendente a segunda, que é a máis importante. Esperamos que non haxa ningún conflito de intereses porque este patrimonio é de todos os galegos, non soamente dos veciños de Mondariz-Balneario. Son inmobles protexidos, tamén a nivel galego, pero en ningún momento se fixo nada para evitar o deterioro. Non se instou aos propietarios á súa conservación; non se abriron expedientes sancioadores, nin tan sequera de forma subsidiaria para facernos cargo ou solicitar a cesións dos bens. O estado actual é consecuencia da desidia, do desleixo de non querer facer e mirar para outro lado. Nós vamos traballar para rehabilitar o patrimonio de Mondariz-Balneario. Sabemos que é un proceso longo. Alén da fonte de Troncoso, queremos actuar na fonte de Gándara para evitar que lle suceda o mesmo. Pediremos a cesión para a súa correcta limpeza e conservación. Estamos totalmente comprometidos co patrimonio cultural material e inmaterial.

A restauración e conservación do patrimonio histórico é o elemento máis importante do programa do BNG nestas eleccións?

É das cousas máis importantes, pero non é o máis importante. Ao final, o patrimonio é parte da nosa historia. Non podemos mirar para outro lado mentres esmorece. O problema está no estado actual dos inmobles, xa moi deteriorado. Restaurar e rehabilitar as fontes de Troncoso e de Gándara, hoteis como o Roma, o Avelino ou o Villaflora, require unha enorme cantidade de cartos. O concello non pode facerse cargo. Agora a Xunta vai realizar un esforzo coa fonte de Troncoso e buscaremos outras vías de financiamento para o resto de edificios. Este é un dos piares do noso programa, pero outro importante é recuperar a convivencia social, promover a integración das persoas que veñen de fóra, fomentar unha maior socialización e diálogo entre os veciños e as veciñas.

Hai algún outro proxecto de desenvolvemento para os próximos catro anos?

Temos varias iniciativas interesantes. Unha delas é a rexeneración do noso monte, que supón a metade dos dous km² de superficie que ten Mondariz-Balneario. Actualmente está nunhas condicións pésimas. Temos o obxectivo de acabar co eucalipto en todo o concello, unha meta viable dadas as dimensións do concello. Queremos darlle valor ao monte, recuperar sendas e camiños que se utilizaban antigamente. Queremos que a xente non só pense en turismo termal, senón tamén en turismo verde. Complementar o tradicional turismo termal pode xerar moita riqueza no pobo. Por outra parte, vemos necesario implementar medidas para atraer e fixar poboación. Para nós é vital crecer en veciños e veciñas, e que ninguén teña que marchar porque aquí non atopa oportunidades. Este será un dos nosos retos a medio e longo prazo.

Mondariz-Balneario é un concellos de Condado-Paradanta que aínda ten pendente un cambio político despois de catro décadas de maiorías absolutas de José Antonio Lorenzo. Nas eleccións de 2019 o BNG partía como a única alternativa posible ao PP, mais na próxima cita coas urnas haberá máis candidaturas. Alén do PP, con Marisa Domínguez substituíndo a Lorenzo, estarán as listas de Saidoiro por Mondariz-Balneario, co antigo veciño Xosé Antonio Álvarez como candidato e unha ideoloxía aínda por definir, e dos independentes que lidera Santiago Castro Deza, de clara orientación conservadora. Temes que esta fragmentación política reste votos e posibilidades de chegar á Alcaldía ao BNG?

Nós confiamos en que os veciños e as veciñas sexan capaces de facer esa reflexión e ver o traballo e a constancia do noso grupo. Este proxecto político vén de lonxe, ten historia. Evidentemente haberá votos que irán a outras candidaturas, pero vexo difícil que todas poidan obter representación. Para sacar un concelleiro en Mondariz-Balneario precísanse arredor de 60 votos. Parecen poucos, pero non é tan doado conseguilos. Despois dos resultados de 2019 e do traballo feito na oposición, as nosas expectativas son sacar catro concelleiros e gañar as eleccións. Soemos falar cos veciños cada mes ou mes e medio, e somos optimistas.

Que pasaría no caso de ter que depender do apoio doutra forza política para chegar á Alcaldía?

Non pechamos ningunha porta. Estamos dispostos a falar con todos, pero somos moi claros respecto dos obxectivos. Se somos a lista máis votada, manteremos as liñas básicas do noso proxecto. Quen queira unirse, sumar por Mondariz Balneario, será benvido.

Obsérvase bastante pragmatismo no discurso do BNG de Mondariz-Balneario.

A xente está cansa desa crítica constante duns aos outros. Mondariz-Balneario é un sitio peculiar. Somos moi poucos habitantes, así que temos que deixar atrás os reproches e pensar en positivo, esquecer o pasado e mirar soamente cara ao futuro. Esta é a única alternativa que existe, o que demandan os veciños e as veciñas. Se queremos conseguir algo en Mondariz-Balneario, este é o enfoque máis intelixente.