Manoel é un profesor de Ponteareas que exerce a docencia en Baiona. É unha persoa nova, ten 35 anos, que no momento de termos esta conversa( 12 de novembro) estaba a piques de ser pai por segunda vez. El é militante de Esquerda Unida e concelleiro de PEC(Ponteareas en Común) no Concello de Ponteareas. Manoel é un cadro político de primeirísimo nivel. Dedica parte do seu tempo persoal na procura do ben común sen ter a máis mínima necesidade de facelo. E todo é a cambio de nada. Ben si, si que é a cambio de algo: a cambio de soportar a chulería e a mala educación dos membros do goberno de Ponteareas. Manoel é das persoas, hai moitas por aí, que converten en digna a práctica política. Eu deséxolle que teña sorte, que aguante e que se se cansa sexa o máis tarde posible. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ O goberno de Ponteareas enlámao todo e deshumaniza ao adversario, pero non está disposto a debater sobre ideas”
É a primeira vez que visitas as nosas páxinas e queremos coñecerte un pouco mellor
Teño 35 anos nacín en Ponteareas e vivo nunha parroquia do meu pobo. Son profesor de FP, e traballo en Baiona.
Gústache a docencia?
É a miña paixón.
A que abano de idades dás clase?
Entre 15 e 18 anos en FP básica, logo en FP superior que teñen de 18 para arriba.
Cal é o idioma maioritario dos teus alumnos e alumnas?
A ampla maioría falan en español.
Como e cando comezou a túa relación coa política?
Desde sempre. Nacín nunha familia moi politizada, con fortes vínculos coa esquerda política e eu creo que a paixón polo ben común me vai no sangue. Despois de múltiples procesos de participación estudantil de maneira informal, no ano 2011 participei na creación dunha asociación de traballo con persoas con problemas socioeconómicos, Ponte Solidario. E alí descubrín a miña vocación polo sentir común
E a túa vinculación orgánica con Esquerda Unida?
No ano 19 ofrecéronme ir na súa lista e eu aceptei. Perdemos o concelleiro que tivemos no mandato entre o 15 e o 19, e ao día seguinte daquelas eleccións decidín afiliarme.
Nas seguintes municipais, no ano 23, xa fuches cabeza de lista
Si. Nese momento decidimos ampliar o espazo e crearmos unha candidatura de coalición. Os meus compañeiros e compañeiras distinguíronme coa súa confianza e decidiron que encabezase eu a lista.
Quitastes un concelleiro, ti. Esperabas saír?
Si, si que o esperaba. Pero tamén tiña claro que era moi difícil. Era un contexto moi complicado onde había un goberno supostamente progresista
Por que “ supostamente”?Non era progresista o goberno encabezado polo BNG?
Si, si que o era, pero menos do que a nós nos gustaría.
En concreto en que che gustaría que o anterior goberno tivera sido máis progresista?
Eu creo que desatenderon á rúa en xeral, e aos movementos sociais en particular. E logo houbo unha importante dicotomía entre o urbano e o rural. Creo que eses dous motivos foron os que lle fixeron perder as eleccións.
Que separa a PEC do BNG?
-O modelo económico: O BNG é unha organización complexa na que conviven pulsións moi diferentes, desde comunistas a liberais. Nós defendemos un modelo económico inequivocamente intervencionista.
-A forma de entender a política. Nós temos un modelo máis de rúa e de movementos sociais.
-Nós somos unha forza internacionalista e o BNG é unha forza nacionalista. Aínda que aquí estrou seguro de que nos poderiamos entender perfectamente.
Hai pouco tivestes un acto político para facer balance da metade do mandato. Como foi ese acto, e como é o balance que fai PEC?
O acto foi moi emocionante. Unha das características do noso espazo político é que hai moita ilusión por construír un mundo mellor, e nesa xuntanza pola que me preguntas houbo ilusión a toneladas. Se cadra esa é a razón que a fixo tan emotiva:Ilusión desbordante materializada en propostas e ideas que parten do intenso traballo dun equipo humano marabilloso.
O balance foi referido tanto a como nos viamos nós mesmos como organización, como a analizar cal é a maneira máis adecuada para enfrontarnos a un goberno que é moi de dereitas. E a conclusión é que estamos facendo un traballo moi duro e cremos que positivo. Lamentamos a falta de tempo para poder chegar a moitos sitios e segmentos sociais aos que non demos chegado de momento. Pero agardamos que o noso traballo se poida reflectir nun aumento das simpatías na sociedade de Ponteareas. Temos que estar orgullosos pois tendo un só concelleiro somos a forza política que máis propostas presenta.
Este é un dato obxectivo?
Absolutamente si.
Ti sénteste cómodo no Concello?
Non.
Vaia, e por que?
Eu síntome cómodo na rúa. O traballo institucional é moi duro e frustrante tamén, pois as persoas do goberno non está dispostas a debater sobre ideas.
É tan terrible como o describes: O goberno de Ponteareas non está disposto a debater sobre ideas?
Si, é así de terrible: O goberno de Ponteareas non está disposto a debater sobre ideas. Está disposto a enlamalo todo, a deshumanizar ao adversario político, a utilizar a propaganda para agochar a súa desastrosa xestión e a tratarnos con unha absoluta falta de respecto..
En que termos se concreta esa suposta falta de respecto?
Chámannos “comunistas”, pero a modo de insulto, como se ser comunista fose un insulto, e mándannos a Corea do Norte, a Cuba ou a Venezuela..
Pois vaia nivel político tan lamentable
Pois iso é o que hai no Concello.E non creas que ese modus operandi dáse nalgún momento puntual de especial tensión. É así moitas veces en moitos contextos diferentes, xa sexan de tensión xa sexan de non tensión.
Falemos entón de ideas. Cales foron as principais propostas que ten defendido PEC no que vai de mandato?
Temos tres puntos esenciais que nos diferencian do resto de forzas políticas:
-A municipalización de servizos básicos.
O BNG non está de acordo con iso?
O BNG depende. Ás veces parece que non, ás veces parece que si. Non acaban de adoptar unha posición clara.
Ben, cales son os outros dous puntos?
-Unha política de vivenda que aposte con claridade pola intervención do mercado e por aumentar substancialmente o parque de vivenda pública.
-Unha política que aposte decididamente pola mocidade. Non é tolerable que un mozo ou unha moza de Ponteareas, que queira construír o seu proxecto de vida no seu pobo, non o poida facer.
Ponteareas é a vila de máis de 20.000 habitantes máis pobre de Galicia. É dicir: a necesidade de mudar as políticas públicas en prol da atención aos segmentos sociais máis vulnerables, é máis que evidente.
Hai pobres en Ponteareas?
Si, si que os hai. E hai unhas elevadas cotas de risco de exclusión social.
Pódese facer algo desde o ámbito municipal?
Si, claro que se pode. Os servizos sociais son competencia municipal. Pero neste goberno a concelleira de servizos sociais non ten dedicación, unha realidade que indica o que lle importa ao goberno este asunto.
Faime unha valoración xeral da acción de goberno?
Desastrosa. Resúmese en dúas palabras: Caciquismo e propaganda. Nava Castro fai o que fixo sempre a dereita de Ponteareas: individualizar os problemas.
Cal é a posición de PEC en relación co conflito do SAF no Concello?
É un drama absoluto. Estamos falando do servizo máis importante de competencia municipal. O noso Concello gasta máis dun millón de € ao ano neste contrato. As traballadoras xa advertiron cando saíu a licitación que o prezo estaba moi por debaixo dun prezo acorde co 2025.E xa dixeron que esta empresa, óbolo, era pirata. As traballadoras comezaron a advertir problemas desde o minuto 1, problemas realmente graves, e finalmente a situación acabou por explotar coa maior folga indefinida do Concello de Ponteareas da historia.
Cal sería a nosa posición? Municipalizar o servizo. E ollo, non resultaría moi complicado pois só habería que municipalizar o persoal.
Que está facendo o goberno ao respecto deste asunto?
Está tratando de salvar á empresa.
O concelleiro Francisco Jesús é un maleducado?
Si,é moi maleducado. A alcaldesa, como sabe que o SAF é un problema serio, de maneira moi covarde o que fixo foi pasarlle a el a pataca quente. É el o que pon a cara.
En moi pouco tempo entramos nun novo ciclo electoral. Como o afronta PEC e como o afrontas ti persoalmente?
PEC afróntao en moi boas condicións e con moita ilusión por podermos medrar. Temos un programa de goberno moi sólido que trataremos de mellorar a partir do 26 en distintas asembleas abertas á cidadanía. É un programa inequivocamente de esquerdas que ten a vontade de construír unha Ponteareas mellor. Na rúa vexo pulsións moi positivas cara a PEC.
En canto á miña persoa pois estou nun momento persoal moi bonito. Teño un fillo pequeno e outro que está a piques de vir,pode vir en calquera momento. Cando chegue collerei as 17 semanas de baixa paternal e terei que ausentarme do Concello.Perderei catro ou cinco plenos, pero PEC vai manter o traballo institucional desde fóra con absoluta intensidade.
En calquera caso o resumo da situación é que vexo opcións moi elevadas de que PEC poida medrar a súa representación.
E opcións realistas de que a dereita perda a maioría e o goberno de Ponteareas?
Si, son optimista. A verdade vaise acabar por impoñer. E hai moita xente que está cansa da política da dereita de Ponteareas.
