Tempos de regresión

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Cando alguén non quere querer tampouco se quere, anque o amor é algo traidor e vén sen pedirnos permiso. Mentres está así, tampouco quere que se lle perdoen as débedas que os seus do arredor teñen, as débedas da Casa, por exemplo. Tamén é quen de permitir a contaminación indiscriminada e mesmo a propia sen pór apaño ao mal causado. Todo iso sucede porque non hai sentimentos, referencias de orixe, arraigo. Cando se permite unha disposición da casa con elementos que contaxien o mal e produzan efectos negativos, como a eucaliptización masiva, que despois pode dar lugar a toda unha alteración ambiental e a incendios forestais exterminadores das propias esencias da paisaxe, é porque non hai aquel afecto, e cando iso sucede en alguén que manda é porque somos suicidas e o permitimos, ou porque só miramos o que queremos ver, sen doernos prendas, sen doernos no mal que poidan causar, cegos por non querer ver.

Cando despois de non coidar debidamente os núcleos rurais e de permitir que se destrúan hábitats mariños e rurais, paisaxísticos de alto valor cultural. Como nos sucede, cando por riba de todo iso orientan para que se destrúan as esencias, exercendo o estranxerismo e arredando constantemente de ser quen somos, creando alleamentos e contradicións ata o ridículo e o esperpéntico, como se pode observar nos medios cretinos. Cando se segue coa teima de que aquí non pasou nada, que todos os males foron un accidente, ou culpa dos outros, ou do demo e despois se facilita o labor para o atropelo con empresas de alto custo medio-ambiental que contaminan moito e non resolven os problemas de paro tendo, mesmamente, exemplos para ver, e máis dos que quixeramos.

Despois de implantar descaradamente empresas de amizades, eólicas monstruosas e lodos contaminantes, minas escandalosas que destrúen ríos e riquezas, que destrúen o rural e incitan ao abandono das aldeas, das rías, traballos e esencias nosas que asentan poboación desde tempos inmemoriais. O abandono é unha decisión política de menos-valoración, de falta de interese, de non garantir servizos e estar descolgados do mundo sen conexión e sen ninguén que ampare. Non lle dan futuro ao campo cando enterran vacas tolas e un longo etcétera de porcalladas nas escuras terras de calquera noite. Despois de presumir de ter as pensións máis baratas do estado e de permitir a sangría da xente nova que teña que marchar buscar traballo. Despois de non facilitar vivenda nas cidades e vilas, de non organizar a integración social, despois de non deseñar os espazos e montes. Despois da sangría anual da Cidade da Cultura que, aínda sen actividade clara, consome orzamentos desorbitados e queima os nosos cartos descaradamente, e ao mesmo tempo precarizar servizos e mandalos para a privada, e así destruír consecuentemente dereitos. Despois de non querer asumir competencias fundamentais para o conforto, que lles obrigarían a traballar e dar traballo, a xestionar ben os nosos dereitos, que era -supostamente- para o que se presentaban nas eleccións e -se cadra- gobernar.

Despois de decretar tan mal a nosa Lingua, a Educación, a Sanidade, as dependencias asistenciais, as harmonías sociais, sequera concertando un xeito posible con outras administracións. Despois de manipular os medios públicos, someténdonos á mentira diaria de tantos comentarios deixados ás amizades, cómplices e con subvencións e silenzos.  Despois da falta de liberdade para ser, dunha vez, nós, e dunha vez donos do noso, da nosa Lingua, da nosa Cultura, das nosas fames, dos nosos medos. E desde aí ser capaces de planificar o porvir. Despois de non ser quen, en tanto tempo de goberno de planificar a actividade forestal, agraria, marítima, gandeira, industrial e mesmo humana por carecer de criterios solventes diante dos novos retos e do que se agardaba deles.

Despois das malas inversións e cacicadas, das faltas de persoal e axudas aos máis necesitados. Despois de negar evidencias do cambio climático, da covid, das responsabilidade co Prestige, cos incendios, coa súa contraída obriga. Despois de ter baixo o saio á Xustiza, aos xuíces e fiscais do ramo, aqueles que deitan do seu lado e crean un poder paralelo, submiso aos designios de quen manexa fíos da política e os cartos. Seguen cumprindo ditados do ditador, con memorias na vontade daquel señor baixiño de voz afrautada que deixaba todo atado e ben atado.

E así, quen renega e despreza a súa lingua e súa cultura, que insiste en seguir agochando o relato da nosa historia reducíndoa mesmo a unha división provincialista, tan española. E cando non teñen a máis mínima preocupación ou interese por reparar unha terra amputada, queimada, colonizada, esquilmada e desfeita. Que se pode agardar? E é así que, despois diso e moito máis, a pregunta que nos facemos é: con todo isto, que pretenden estas mentes perversas? A onde nos queren levar? Resulta claro, tratan de rebentar un estado autonómico, moi limitado si, quizais o inicio para pórse a andar e chegar quizais a algún entendemento. Estado autonómico que non é panacea, ben sabemos, senón espazo administrativo previo que solta un pouco para poder minimamente manifestar e saber das nosas eivas, aínda sen exercer en propiedade, supón xestionar un pouco mellor adecuándose a nós, mais sen ser donos de nós, curtos de corda. Faltos de moitas competencias, sobre todo orzamentarias, as urxentes para acudir ás necesidades propias.

Está claro que o seu proxecto pasa por rebentar este tímido estado para volver á negra sombra, ás noites de pedra, aquelas da unidade inviolable, da grandeza que non acolle, da súa liberdade que non libera. Teñen ansias de volver en saudades a aquela ditadura, aquel xeito de facer á forza, de descréditos, de débedas, de insultos, de des-funcionalidade, de inxustizas, de gastos superfluos, de faltas á lealdade, ao dereito e á razón, á cordura. Seguir coa mentira, as perpetuas batallas campais, discrepancias estériles que xeran morte e desarraigo. Por iso fan así, boicotean todo para soñarnos máis submisos, menos libres. O programa non é bo e tende a erros e horrores.