Cousas de Salvaterra de Miño

Salvaterra do Miño
Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

SEGUNDO ATAQUE E CONQUISTA DE SALVATERRA. Primeira parte.

Chegóulle ó Conde de Castel Melhor, orden de O Rei, para que se dera presa en entrar na Galiza có exército, mentras polo mar iría a Armada afrontar as súas costas.

Para iso advertíulle do que precisaría, pedíulle municións e biscoito bastante, (pequenos bolos de pan, secos e algo duros), para sustentar por quince días as tropas. Comenzou os preparativos, pero chegóulle un segundo comunicado Do Rei, no que lle advertía que inda que a Armada non acadase os séus obxectivos, era moi importante que él atacase a Galiza, posto que desa intervención, dependían en grande medida as operacións que se estaban tramando pola parte do Alentejo, por onde habían de entrar en Castela.

Era indispensable que o exército de entre o Douro e Minho distraera o máis do tempo e o máis posible ás tropas do Rei castelán na Galiza, debilitando así as forzas que puideran empregar na parte da Extremadura.

De primeiras as cousas non sairon ben, según o tramado. Alterouse o Conde véndose nun apreto xa que non acababan de chegar as municións e o sustento que pedira, non lle ficou máis remedio que empeñar a súa propia prata para comprar trigo, axenciando todo o demáis coa axuda do Valedor Xeral Martím Velho Barreto, para en breves días acometer a operación.

Ó chamado do Conde, acudiron uns cinco mil infantes, dos que eran pagos novecentos, escasos cinconta de a cabalo, por escaseárenlles estes cuadrúpedos. Dividiuse a Infantería en sete Terzos, (un Terzo equivale na actualidade a un Reximento).

O Terzo volante estaba a cargo de Martim Gonçalves da Cámara. O Terzo de Braga, con xente desa cidade e estudantes, ó mando de Manoel de Sousa de Abreu. O Terzo de Ponte da Barca mandabao Francisco Soares de Castro. Os de Guimaraes, Barcelos, Viana e Arcos a cargo dos séus Sarxentos Maiores. A cabalería ía a cargo de Diogo de Melho Pereira e o seu lugar tenente o Capitán Duquiné. Francisco da França Barbosa gobernaba a retagarda, apoiado polo lugar tenente do Mestre de Campo, o Sarxento Maior Luís de Oliveiros Famel.

Así repartido este exército, a súa vez dividiuse en tres grupos. A vangarda composta do Terzo dos de Braga e da Ponte da Barca, púxose a cargo do Mestre de Campo Viole Datis e polo seu Sarxento Maior Pedro de Betancourt de Freitas. No corpo da batalla composto do Terzo volante e xente de Guimaraes e Barcelos ía o Conde. Na retagarda formada polos Terzos dos Arcos de Valdevez e Viana, seis compañías pagas , ía Francisco da França Barbosa e por Sarxento Maior, Roque Mont.

Tíñase consultado e considerado con precaución, por qué parte sería mellor facer a entrada, si polo río ou pola raia seca. Os galegos, que non sabían por onde lles habían de entrar, pensaron que o ataque sería dirixido a vila de Tui, onde tiñan acuartelados dous Terzos, pero o obxectivo, secretamente levado era Salvaterra, onde determinou o Conde voltar con intención de conquistar, fortificar e conservar esa praza, por ser este o lugar máis útil para efetuar outras operacións sobre a Galiza, mesmo se for o caso, conquistala.

Estaba este exército concentrado no entorno da ermida da Nosa Sra. dos Milagres, media legoa distante de Monção o día 14 de agosto de 1643. Marchou o Conde para a Vila e ordenoulle o Mestre de Campo Viole d´Athis que fose para Lapela, unha hora despois de medianoite, con parte da Infantería paga e algunhas persoas principales da provincia. Capitaneaba diante Antonio de Queirós Mascarenhas, fixeron alto a 2 tiros de mosquete antes da chegada a Lapela, esperando a Labarta, un soldado Francés que fora a explorar si os barcos estaban preparados, así como dos rumores que oira da outra banda do río. Avisou que o enemigo estaba alerta e, inda así, resolveu o Conde continuar coa operación, ordenou que en canto rompera a madrugada, se metera a xente nos barcos que atoparía preparados, e que, baixo o paraugas do fogo de artillería que mandara prantar naquela parte do río, procurase saltar a terra, e en caso de conseguilo, voltaran os barcos para pasar o resto dos soldados.

Ordenou o Conde a o Sarxento Maior Roque Mont, que das compañías de Antonio Rodríguez e de Melgaço, guarnecesen o Castelo de Lapela e as trincheiras adxuntas para que coa artillería e a mosquetería favoreceran o desembarco, facendo afastar o enemigo do río.

Superadas as dificultades iniciales polo valor dos oficiais e soldados, e sendo o primeiro que se embarcou Antonio de Queiroz Mascarenhas, capitán de unha compañía de aventureiros, composta da xente máis nobre da provincia, puxo proa o porto oposto, foron no primeiro barco vintesete soldados, entre eles, Pedro de Betancour de Freitas , João da Cunha Soto Mayor, seu irmán, Manoel da Silva Soto Mayor, Manoel de Abreu da Rocha, que morreu dun balazo, Pedro Catanha da Illa da Madeira que tamén morreu, Manoel da Rocha Leão, Francisco Barbosa Figueiroa e seu irmán, naturales de Valadares, Luís de Sousa e tres irmáns seus, fillos de Antonio de Castro da vila de Melgaço.

Na parte galega, feligresía de Porto, estaban esperando o asalto cincocentos mosqueteiros para impedir o desembarco, mandados por un tal Conde de Torreson, (ou Torronsón), Xeneral alemán da cabalería da Galiza, ben protexidos e a coberto, repartidos por unha trincheira.

Daba moito respeito a oposición o ataque, máis os soldados portugueses, procuraron para saltar a terra, a parte máis protexida pola artillería e mosquetes que sen descanso disparaban dende Lapela. Desembarcou primeiro Antonio de Queiroz coa súa compañía, e valerosamente sustentou a posición que gañou, vindo socórrelo o mestre de campo Viole d`Athis.

Completada a vangarda, avanzaron todos dereitos ás trincheiras e logo gañaron as primeiras, axudados pola artillería do Castelo de Lapela a a súa mosquetería que gallardamente se afanaron en castigar o enemigo.

Por lles chegaren socorros, contraatacaron os galegos con douscentos infantes e trescentos cabalos, investindo ós de Antonio de Queirós, este respondeu con gran vigor, socorrido polo capitán André da Costa Camen que lebava o costado dereito da vangarda.

Tivo Viole d`Athis a certeza de que este movimento lles favorecía, por ser máis doado abatir soldados sen estar protexidos polas trincheiras. Coas forzas dos outros capitáns, Chistovão Mauzinho Vasconcelos, Rodrigo de Moura Coutinho e os demáis que foron pasando, estes a forza de cargas pechadas fixeron retirar o enemigo por tres veces. Os galegos capitaneados polo seu Conde, non ousaron acometer unha cuarta, por estar a compañía moi castigada. Retirado Torresón, provou mellor sorte Antonio Jacinto, capitán da Infantería galega, poren correu a mesma sorte do Conde, ficando a maior parte da súa compañía morta e destrozada.

Pelexouse perto de catro horas até o desembarco total dos portugueses e aínda non estaban todos desembarcados cando sairon o encontro do enemigo, Diego de Melo Pereira, o seu Tenente Duquiné, Lope Pereira de Lima, Antonio Pereira de Lima, Rodrigo Pereira Souto Mayor, Francisco Pereira Pinto, Antonio Pereira Pinto, Gaspar Pereira de Mazaneses, Sebastião Pita Soares e outras persoas até uns 40 cabaleiros e douscentos Infantes, que envestindo con gran valor deran lugar a romper ó enemigo polos costados.

Perderon os galegos a esperanza de recuperar a posición vendo tanta xente desembarcada e con tanto ímpetu, que os obligaron a unha retirada na que sufriron grandes perdas. Tal como se pensaba, inda que os galegos resistiron algún tempo con muito valor, acabaron por abandonar a posición e retiráronse con grandes estragos, refuxiándose nunhas elevacións que ficaban a media legua, antes de chegar a Salvaterra.

Mentras durou o combate, foi engrosando o poder dos portugueses con xente que seguía pasando nas barcas, o capitán Duquesne, con cinconta homes a cabalo, deulle grande empurrón a empresa. Os galegos de novo voltaron o contraataque, esta vez coa cabalería, intentárono por catro veces e catro veces foron repelidos.

Perto das dez horas comenzou a marcha, levando diante o enemigo que se ía retirando pola estrada de Salvaterra, perseguindo os portugueses ós galegos tratando de darlles alcance, queimando e arrasando todo o que atopaban. Sendo o mes de agosto soleado e caluroso, con sede por non atoparen auga, chegaron deste xeito os capitáns Antonio de Queiroz e André da Costa até a ponte da Fillaboa no río Tea, por onde forzosamente habían de pasar. Sorprendentemente encontraron esta estratéxica posición desguarnecida, os galegos déronse conta tarde do monumental erro o non defender ese paso, intentárono pero xa era tarde……Seguirá.

Salvaterra de Miño a 13 de novembro de 2022

Fontes:

Historia do Portugal Restaurado. Biblioteca Penzol, Vigo.
João Salgado de Araujo, Abade de Pera. Biblioteca Nnal. Lisboa.