Gonzalo Busqué Lorenzo candidato de Rexurdir Podemos á SX de Podemos Galicia

Gonzalo Busqué Lorenzo

En breve Podemos Galicia vivirá un proceso de primarias para poder escoller a unha nova dirección da súa organización. Con toda probabilidade dúas candidaturas competirán para obter a confianza maioritaria dos inscritos en Podemos e poder dirixir esta formación política nos vindeiros catro anos: A actual dirección encabezada polo deputado Antón Gómez Reino, e unha candidatura moi crítica co traballo da dirección saínte denominada Rexurdir Podemos, que encabezará un veterano militante da esquerda política, o ferrolán Gonzalo Busqué. Na conversa que mantivemos con el amosouse como un home lúcido, sereno, reflexivo e coa firme intención de corrixir o rumbo que leva Podemos Galicia, completamente fóra da realidade política galega

O resultado do traballo do equipo que encabeza Gómez Reino non pode máis que cualificarse como desastroso: fóra do parlamento de Galicia, con moi poucos concelleiros e concelleiras nos concellos galegos, sen estrutura territorial, sen presenza en moitas vilas, sen actividade política coñecida na realidade cotiá… Podemos Galicia , agora mesmo, é un actor irrelevante na política galega .Velaí vai o que deu de si a nosa conversa con Gonzalo.

Se seguimos polo camiño marcado pola actual dirección Podemos Galicia vai directo á desaparición. Nós queremos facer un Podemos diferente, un espazo amable , fraternal que faga sentir cómodo a todo aquel que se sinta identificado coa nosa organización”

Canto tempo levas militando en Podemos?

Desde o minuto 0.Fun unha das persoas que asinou o manifesto” Movendo Ficha”.Eu son natural de Ferrol, pero naquel momento estaba en Lanzarote, como tantos galegos e galegas tiven que coñecer o que supón migrar, e fun fundador, xunto con 7 persoas máis do círculo Podemos de Lanzarote.

E desde o momento do nacemento de Podemos, que se non lembro mal foi no 2014, sempre tiveches actividade política na organización?

Si, sempre. Fun secretario de participación do consello cidadán autonómico canario, que naquel momento encabezaba Meri Pita. Tamén fixen tarefas de organización e fun candidato ao congreso. A miña traxectoria política en Podemos é intensa e permanente desde o momento do seu nacemento

Cando trasladaches a túa militancia a Ferrol?

Hai 4 anos.

Naquel Momento a SX era Carmen Santos non?

Non, acababa de chegar Gómez Reino

Como valoras os 4 anos de mandato de Gómez Reino en Podemos Galicia?

A miña valoración é moi crítica. El é o SX de Podemos Galicia e a súa actividade en Galicia é practicamente inexistente, agás cando se saca algunha foto nalgún acto puntual. Antón Gómez Reino non vive o día a día da organización en Galicia.

Ese distanciamento do SX da realidade do país influíu ao teu xuízo no desastre das últimas eleccións autonómicas nas que desaparecestes do parlamento cando erades segunda forza?

Sen dúbida algunha. Isto indica unha evidente desautorización da militancia e dos votantes ao traballo da actual dirección de Podemos Galicia. E ante esta realidade obxectiva, para quen teña ollos na cara, que fai o SX? Pois mirar cara a outro lado e botarlle a culpa aos votantes e as divisións internas

E hai divisións internas en Podemos Galicia?

O actual SX sabe moito de divisións internas de feito fixo labor de zapa para socavar tanto a dirección de Breogán como a de Carmen Santos ( As persoas que ocuparon a SX de Podemos Galicia antes que Gómez Reino) e contra Luis Villares tamén. E o resultado dese tipo de políticas é que en Galicia en teoría Podemos ten 65 círculos, pero en moitos deses casos os círculos son só teóricos porque na realidade non existen.

Por exemplo?

Pois por exemplo o círculo de Narón que existe na teoría pero non na realidade. E na área de influencia do voso xornal, a provincia de Pontevedra, dígocho como o sinto: habería moito que cambiar para apoiar o traballo da militancia con todas as ferramentas que dispón o partido como fai por exemplo o círculo de Vigo comandado por Meli Vázquez que ten unha vontade inquebrantable de facer ben as cousas, e é unha traballadora excelente.

E a ela, que é do mellor que ten Podemos, os afíns a Gómez Reino tentárona botar á rúa, afortunadamente en Madrid non o permitiron. As mentes máis brillantes que pasaron por Podemos Galicia hoxe están fóra , e foron botados polos afíns a Gómez Reino.

Hai nada tivestes primarias municipais non?

Si, e como che dixen o asunto dos 65 círculos é pura teoría porque só se fixeron votacións en 48.E deses 48, en 28 só se presentou unha persoa. En moitos casos as listas fixéronse a base de xuntar familiares e amigos. En algunhas das cidades máis importantes de Galicia o resultado foi ridículo: En Coruña faise unha lista só de 10 persoas, en Santiago o mesmo, en Lugo a lista que se presenta é de 6 persoas en Ourense 8, en Vilagarcía non existimos en Sanxenxo son 3 en Mos creo que a lista a integraban unha ou dúas persoas…….Foi en Vigo onde si se fixo lista sen ningún problema

Vaia, non pinta moi ben a cousa?

Non , desde logo que non.

A realidade obxectiva é que na maioría de Galicia Podemos non ten presenza real. Esta situación que é nidia, para quen sexa capaz de ver con honestidade intelectua, leva a que unha serie de compañeiros e compañeiras montemos unha candidatura que lle vai disputar a dirección da organización a quen a ocupa na actualidade.

Cal é a vosa pretensión se gañades?

Facer unha organización completamente diferente. Queremos construír un espazo amable para a militancia e a convivencia onde as relacións sexan fraternais e de colaboración. Se gañamos teremos que abordar de maneira urxente a creación de tecido territorial, algo que nestes anos a dirección actual non fixo. Se seguimos por este camiño Podemos Galicia vai directo á desaparición e o noso colectivo” Rexurdir Podemos”, con xente desde A Mariña ata o Baixo Miño, quere evitalo facendo unha organización diferente na que caibamos todas e todos, e na que a pelexa polo ben común sexa o único motivo que explique a militancia política e non , como acontece agora, a defensa do cargo propio

A decisión de presentar unha candidatura alternativa á de Gómez Reino é firme?

Absolutamente. Ímola presentar sen ningún tipo de dúbida

Vas encabezar ti esa candidatura?

Si, fun distinguido coa confianza dos meus compañeiros e compañeiras e eu estou moi honrado

Rematamos Gonzalo: Se eu fose un militante de Podemos por que debera votar á candidatura que ti vas encabezar?

Primeiro por unha cuestión de supervivencia. Por desgraza con esta dirección Podemos Galicia está fóra da realidade. E por que a sociedade que se sinte identificada cun espazo de contestación social ten dereito a un Podemos diferente, a un Podemos que sexa un espazo amable, fraternal e solidario. Temos que ser capaces de recuperar a todos aqueles que fuxiron por culpa das actitudes sectarias e de persecución da disidencia , da disidencia ao sectarismo, iso que quede claro porque os “ disidentes” son os autenticamente leais ao proxecto orixinal de Podemos.