
Mamadou é un activista portugués de orixe senegalesa que vive e traballa en Portugal desde hai 25 anos. Na actualidade desenvolve un programa de doutouramento nunha universidade norteamericana. El é o líder e portavoz da asociación portuguesa SOS RACISMO e unha voz activa no debate público sobre as causas e condicións do racismo.
O seu activismo suponlle ser ameazado en repetidas ocasións por organizacións de extrema dereita ata o punto de que xa tivo que vivir con protección policial.
O pasado 27 de Outubro un xuíz portugués emite unha instrución para levar a xuízo a Mamadou por unhas supostas inxurias contra o líder neonazi e supremacista branco do país veciño Mario Machado.
Este suxeito moralmente desprezable, como todos os fascistas e todos os que miran a outro lado diante do fascismo, posúe unha longa ficha criminal con cargos como a discriminación racial, ofensas corporais, posesión de armas ilegais, difamación, secuestro, extorsión e incluso foi sospeitoso do asasinato de Alcindo Montero, un rapaz negro portugués asasinado en 1995 por un grupo de neonazis. No xuízo polo asasinato de Alcindo ficou acreditado polo tribunal que Mario Machado formou parte do grupo de neonazis que esa noite matou a Alcindo. Pero o tribunal considerou que Mario agredira a outras persoas negras que non morreran pero non a Alcindo por iso apañou unha pena de apenas 4 anos e non de 11 a 17 que é a que , segundo o código penal portugués, corresponderíalle por homicidio.
Segundo o artigo 180 do código penal portugués se Mamadou é condenado por difamar a Mario Machado, Mamadou foi denunciado porque supostamente dixo que Machado era un asasino, pode ser condenado a unha pena que oscile entre os 240 días de multa e os 6 meses de prisión, pero o que sería realmente grave é que se esa condena acontece suporía unha vitoria simbólica do fascismo. E desde logo é obrigado a expresión da nosa solidariedade con Mamadou e así o facemos desde as nosas páxinas ao igual que animamos a todos os nosos lectores e lectoras que fagan o mesmo.