A Mesa pola Normalización Lingüística recórdalle ao presidente da Xunta que os regulamentos e directivas europeas aseguran o uso e disposición das linguas oficiais dos Estado que o sexan tamén da UE. A principal entidade de defensa da lingua advirte que a non consideración do galego como lingua oficial da UE está a limitar na práctica a oficialidade dentro de Galiza en relación a cuestións tan diversas como contratos, transparencia, información e atención a persoas usuarias e consumidoras, produtos bancarios, xoguetes, maquinaria, condución ou navegación, entre outras.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salienta que ” a oficialidade da nosa lingua na UE tería incidencia directa na oferta de galego e na posibilidade e no dereito de uso en todos os ámbitos, facendo efectiva a oficialidade do noso idioma no noso país”. Neste sentido, Maceira denuncia que ao opoñerse á oficialidade do galego na UE, “o presidente da Xunta non só se nega á presenza da nosa lingua en institucións como o Parlamento, coa forza simbólica que iso ten, senón a calquera presenza como lingua oficial e por tanto válida para todas as relacións sociais, económicas e administrativas”.
Marcos Maceira sinala que a postura do goberno da Xunta con respecto á oficialidade do galego en Europa “boicotea a nosa lingua e a promoción real do seu uso que estabelece o artigo 5 do Estatuto de Autonomía”. “Pretende disimular a súa fobia a calquera presenza de Galiza coa voz propia do seu idioma”, advirte Maceira, “nuns supostos custes que o goberno español se comprometeu a financiar”.
Dende A Mesa destácase, asimesmo, que este investimento para apoiar a oficialidade na EU estaría destinado necesariamente á contratación de profesionais e empresas galegas, que neste momento son as únicas con coñecemento e capacidade, nomeadamente a través da súa formación na universidade de Vigo que dispón da única faculdade de tradución e interpretación. Son, polo tanto, recursos que serán investidos directamente na economía galega. “O presidente da Xunta é o único do mundo que renuncia á súa lingua e a que se invista no seu país”, afirma Marcos Maceira, quen tamén apunta que “esta actitude demostra as verdadeiras intencións da Xunta no seu Plan para o galego e de recorte do Plan Xeral de Normalización de 2004, que no seu punto 7.1.8 fixábase impulsar a redefinición da oficialidade da lingua galega en Europa”.
