Alerta en Redondela polos recortes educativos

A Federación de Anpas de Redondela alerta sobre os recortes no ensino público e reclama o mantemento dos recursos en centros con alta presenza de alumnado con necesidades específicas

Redondela, 22 de xullo de 2025


A Federación de Anpas de Redondela vén de presentar ante a Consellería de Educación, Inspección e o Departamento Territorial de Pontevedra varias solicitudes formais para reclamar o mantemento de unidades e profesorado de apoio en centros educativos do concello. As peticións veñen motivadas por múltiples comunicacións que apuntan a recortes inminentes, que afectarían directamente á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e, por ende, a todo o alumnado en xeral, comprometendo a calidade e a equidade do ensino público.

En concreto, as solicitudes presentadas afectan a tres centros —o CEIP Outeiro das Penas, o CEIP Santa Mariña e o EEI San Pedro de Cesantes—, mais, aínda que non de forma formal, xa se teñen comunicado a outros centros de Redondela intencións de recortes similares, polo que a preocupación é compartida por boa parte da comunidade educativa do municipio.

As solicitudes presentadas afectan ao CEIP Outeiro das Penas, onde se propón a supresión dunha das dúas unidades de 5º de Primaria, a pesar de contar cunha elevada porcentaxe de alumnado con NEAE; ao CEIP Santa Mariña, que vería recortado o profesorado de apoio PT, indispensable para garantir unha atención personalizada ao alumnado con maiores dificultades; e ao EEI San Pedro de Cesantes, que perdería o reforzo de apoio educativo sen cambios con respecto ao ano anterior. A Federación reclama tamén o mantemento doutras medidas organizativas axustadas aos principios de equidade, inclusión e non discriminación que deben rexer o sistema educativo galego.

As Anpas advirten de que estas decisións administrativas contradín os compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia en materia de inclusión, redución progresiva de ratios e aumento de recursos para atender ao alumnado con necesidades educativas. Ademais, denuncian que se está a facer unha interpretación interesada e restritiva da normativa sobre o cómputo ponderado do alumnado con necesidades especiais e específicas de apoio educativo, en detrimento do benestar e dos dereitos dos nenos e nenas aos que se lles debe garantir unha atención adecuada.

Desde a Federación lembran tamén que, xa no curso pasado, coa entrada en vigor do Acordo do 17 de xaneiro de 2024 que reduciu o horario lectivo do profesorado de 25 a 23 horas semanais, se produciu unha diminución drástica da dispoñibilidade horaria dos equipos docentes. Esta medida, non veu acompañada do necesario incremento de persoal docente, polo que na práctica os centros perderon entre 2 e 4 profesores, dependendo do número total de profesorado. Esta carencia de persoal repercute directamente na calidade da atención ao alumnado e compromete o funcionamento ordinario dos centros.

Cómpre lembrar, ademais, que no mesmo acordo tamén se recollía o compromiso de iniciar a redución progresiva das ratios, o que debería implicar un reforzo dos recursos humanos e non novos recortes, como lamentablemente está a ocorrer.

Segundo José Manuel Lago, presidente da Federación:

“Non podemos aceptar que se castigue aos centros que loitan pola inclusión. A supresión de unidades ou a eliminación de docentes de apoio supón unha regresión que vulnera os dereitos do alumnado máis vulnerable. Reclamamos que se respecte a normativa e se garanta un ensino público de calidade para todos e todas.”

A Federación de Anpas de Redondela insta á Consellería a que non leve a cabo recortes encubertos aproveitando cambios organizativos, e solicita unha resposta formal ás súas demandas. As familias reiteran a súa disposición ao diálogo, mais advirten que non permanecerán impasibles ante decisións que comprometan o futuro educativo dos nenos e nenas do municipio.