A Nova Peneira parroquia a parroquia: “Chapela”

Parroquia chapela

San Fausto de Chapela é unha parroquia mariñeira do Concello de Redondela e está composta polos barrios de Angorén, Cidadelle, A Igrexa, Parada e Laredo. Conta cunha poboación de preto de 8.000 habitantes e é a parroquia máis habitada do Concello de Redondela, incluso supera nunhas trescentas persoas ao casco urbano da vila.

É unha vila mariñeira na que a industria pesqueira ten gran peso, aquí están as instalacións de Pescanova e, ademais, tamén ten a sede da redacción e dos talleres gráficos do rotativo decano da prensa do estado, o Faro de Vigo, fundado o 3 de novembro de 1853.

O nome de Chapela alude a unha capela situada no alto da Encarnación, por onde transcorría antigamente o Camiño Real. Os viaxeiros das dilixencias tiñan que subir polo camiño de O Folón, tirando delas e, unha vez chegadas arriba, santiguábanse na pila dun cruceiro, o Cruceiro de Chapela, que se situaba fronte a esa capela, a Capela do Frade e o cemiterio.

O xentilicio de Chapela é chapeleiro ou chapeleira, e tamén beretes en honra a un peixe da ría de Vigo.

Da súa paisaxe podemos dicir que ten un fermosos Bosques atlánticos, con excelentes postas de sol orientadas desde San Vicente de Trasmañó, pasando polos montes do Picoto, ata A Madroa, como puntos máis altos.

A súa praia máis coñecida é a de Arealonga, á que se accede a través da avenida de San Telmo, e que é limítrofe co barrio e monte da Cacharela, pertencente este último ao municipio de Vigo.

A este barrio non lle falta de nada, pois conta con Centro de Deportes Acuáticos, Pavillón de Deportes, Centro de Saúde, Oficina de Correos, Pantalán Deportivo, Centro Multiusos, Biblioteca, tres Centros de Educación Primaria, Centro de Educación Secundaria e Profesional e Campo de Fútbol, pero no é no fútbol onde máis destaca Chapela deportivamente falando, senón no Remo e no Balonmán.

Aos chapeleiros e chapeleiras gústalles a troula, a gastronomía e o deporte e, mesturando todo isto déuselles por celebrar a “Festa do Día do Remo”, de feito, Chapela é o primeiro lugar de España e o mundo en recoller esta festa do día do remo que é celebrada a terceira semana de setembro. Neste pobo con arraigada afección a esta disciplina deportiva está o “Club de Remo Chapela”, que ten no seu poder un gran palmarés tanto en campionatos galegos, así como nos campionatos de España. O CR Chapela foi fundado en 1984. Aínda que neste club practícanse as dúas modalidades de remo, banco móbil ou remo olímpico e banco fixo, céntrase no banco fixo que é o que por tradición e espectacularidade xera máis expectación e arrastra máis afección na contorna social de Chapela. Participan en regatas en todas as categorías e modalidades, traiñeira, traiñeriña e batel.

O seu principal obxectivo como club sempre foi crear unha entidade social dirixida a todos os mozos e mozas da comunidade bereteira coa ilusión de darlles unha alternativa, baseada no espírito do deporte e no arraigamento da súa cultura mariñeira.

Ata o ano 2011 a sede do club estivo situada nas antigas naves dunha conserveira na praia de Arealonga. Desde entón e en convenio co Concello de Redondela ocupan unhas novas instalacións situadas no mesmo lugar.

O outro deporte que conta con moitos xiareiros e xiareiras nesta parroquia marítima e o “Deportivo Balonmán Chapela”. Están no Pavillón Municipal de Chapela “Manuel González Soto”, histórico presidente do equipo. Hoxe é a súa filla María quen exerce a máxima responsabilidade no club de balonmán da parroquia.Compite en 1ª Autonómica Masculina e 1ª Autonómica Feminina en categorías sénior. Tamén contan con equipos base desde prebenxamins ata xuvenil.

Dicía antes que en Chapela gusta a troula e para demostralo vouvos nomear as súas festas máis afamadas:

“Festa do Carme”, en honra á patroa dos mariñeiros que se celebra no último fin de semana do mes de xullo.

“Festa do Mexillón”, na primeira semana de setembro.

“Festa de San Fausto”, en honra ao patrón da parroquia o 13 de outubro.

Festa do “Enterro do berete”. Celébrase sempre o sábado despois do mércores de cinza. É unha festa que cada ano acolle a máis asistentes. As comparsas e cabalgatas , entre elas a primeira de todas que é a que leva o meco do berete, un peixe xigante símbolo de Chapela, saen desde o Alto da Encarnación terminando na praia de Arealonga, onde se fai unha gran fogueira na que se queima o meco.

De Chapela é Marcos Serrano, o ciclista profesional, gañador dunha etapa do Tour de Francia en 2005, e o grande músico Suso Vaamonde. Este compositor, cantautor galego e home comprometido coa súa terra viviu en Chapela na Avenida de Vigo desde o anos 1987 ata o ano 2000, ano de seu falecemento a causa dun becho chamado cancro. Mesmo no ano 2001 abriuse unha rúa co seu nome nesta parroquia no barrio de Cardona.

Por último mencionar e salientar a afouteza do tecido asociativo de Chapela, indicio claro da natureza obreira e proletaria que ten esta parroquia. Hai unha infinidade de asociacións veciñais, deportivas, musicais e dedicadas á saúde, noméoas de seguido por si vos interesa información, ou mesmo, participar nalgunha delas:

Asociación Berete Pola Cultura Tradicional, asociación Cultural de Froles Mareliñas, asociación Coral O Piñeiral, Asociación Círculo Cultural Recreativo de Chapela, Centro Cultural e deportivo de Cidadelle, Asociación de Mulleres Rurais Agarimo de Chapela, Asociación Cultural de Saxos de Chapela, Asociación Cultural e Social de Chapela, Asociación de Veciños de Chapela, Sociedade Deportiva de Chapela, Club Petanca Chapela, Area Longa Fútbol sala, Sociedade Deportiva Cubillón, Chapela Club de Fútbol, e a Asociación Afectados Chapela Autopista Rande-teis. Desta última cóntovos que esta Asociación sen ánimo de lucro, defende ós afectados pola ampliación da AP9 e os intereses xerais da parroquia de Chapela. O seu lema “NON HAI VICTORIA SEN SACRIFICIOS, AFECTADOS SOMOS TODOS”. Ademais, os clubs mencionados antes, Club Remo Chapela e Deportivo Balonmán Chapela.