Centos de gaitas, zanfonas e pandeiretas saen de Galiza para o resto do mundo cada ano. E outras tantas se consomen internamente. Muitas feitas por mulleres. Miles de euros. Mais, sobre todo, un capital inxente en artesanía, patrimonio, identidade, cultura, fixación de poboación e sostenibilidade dos nosos montes, dos que sae boa parte da madeira.
De todo isto e máis falouse este verán pasado en Tui, no Resonancias’22 (foro profesional que une artistas e construtores de instrumentos, patrocinado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, entre outras entidades) que, nesta edición, incluiu unha mesa redonda sobre “A presenza de mulleres nos obradoiros de instrumentos musicais”. A primeira vez que se propoñía un encontro e reflexión sobre as mulleres neste sector, asumidamente masculino. A hora de duración da mesa non deu para debullar o tanto gran que había na artesa. Mais debullamos, moemos e até amasamos algunha necesaria proposta de mellor para o futuro.
Alí estiveron Saínza Seivane, construtora de gaitas e terceira xeración do obradoiro máis sobranceiro do país; Ana Fariña, construtora e reparadora de violíns e demais instrumentos de corda e Julia Marín, construtora de instrumentos de percusión tradicional e restauradora. Tres mulleres que poderían ter sido outras tres: por exemplo, Lorena Reinaldo, construtora de arpas; Lena Zum Egen, construtora e reparadora de corda frotada ou Patricia Cela, unha das primeiras construtoras de gaitas que nos contou, desde o público, as faltas de respecto coas que tivo que lidar hai máis de dúas décadas, e como determinaron que marchase a Newark e mudase a construción de gaitas pola de violíns. Non queremos que ningunha luthier galega máis teña que marchar por non se sentir benvida, queremos que muitas mozas se sintan atraídas a traballar neste sector e que os seus compañeiros as acompañen.
En vinte anos mudamos muito. Sobre todo nós, as mulleres. Mais tamén eles, os homes. E desde o público, expostas as dificultades das artesás para lanzarse a ese mundo, as dificultades para formarse (son fabas contadas nas escolas), as dificultades para que os entornos familiares as entendan, as dificultades á hora de exercer profesionalmente (e ter que insistirlle a ferreteiros, peleteiros e clientes en que si, son elas as que manexan o torno; e si, son elas as que fixeron o instrumento; e si, saben perfectamente o que buscas; e non, non queren ir á sección de bricolaxe ou de cociña, queren unha broca do 5 e cordel de esparto de 4 milímetros, e non, non necesitan que lles expliques para que serve unha broca que iso xa o saben elas, ou senón non estaría aí”)… Mais diciamos que, desde o público, houbo homes luthieres que pediron solucións para superaren o seu machismo (Obrigadas, compañeiros!). E propuxéronse algunhas melloras, coma esta:
Non se pode ir a unha feira ou mostra de instrumentos e que non haxa ningunha muller expositora. Iso ten que estrañarlles ao resto de expositores homes. E ten que ser posto en coñecemento da organización, que ten que solucionalo. Como fixo a organización da recente “Foliada da Memoria”, celebrada en Moneixas (Lalín), cuxo patrocinio da Deputación de Pontevedra esixía paridade, polo que a Asociación de Gaiteiros tivo que buscar tres mulleres artesás. E seica lles custou, porque seica non hai, mais abofé que hai. Hai que buscalas, visibilizalas, convidalas e acollelas. A paridade, xa que logo, é unha ferramenta indispensábel e as institución, e a sociedade, teñen que seguir apostando por ela.
Sen dúbida, a recente creación de LABRA (Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais), da que Ana Fariña é vicepresidenta, e que conta entre os seus obxectivos co “fomento da igualdade de xénero no sector”, traerá melloras. Para as mulleres e para os homes. Porque moitos labores teranos que acometer xuntos, artesáns e artesás: como (1) a homologación nos plans de estudos nas escolas que hai (a da Deputación de Lugo -actualmente sen ensino-, a da Deputación de Ourense, a EMAO de Vigo e a do Padroado de Narón); (2) a introdución da artesanía e a construción de instrumentos dentro das familias da formación profesional, no ensino medio; (3) a mellora do ciclo da madeira, sobre todo das que nos singularizan no mundo (como o buxo, o teixo, a nogueira, o carballo… Plantade tantas como poidades, porque lles deixaredes un herdo importante, e non só ecolóxico senón tamén económico, ás que veñen atrás!); (4) a visibilización do sector (“non se ama o que non se coñece”) ou (5) a mellora da súa interlocución coas administracións públicas, que deberán ter conta del e favorecelo, polo valor de patrimonio inmaterial que porta en si, e que se suma, como dicimos, ao económico.
Tamén se fixo fincapé en que compren máis foros coma este. Foros nos que se lle dea voz a toda a cadea de valor: produtores/as, profesores/as, construtores/as, vendedores/as e músicos/as. Mais, na mentras, o que si cómpre, é recoñecerlles e agradecerlles aos organizadores das Músicas no Claustro, Samuel Diz e Beatriz Fontán, a espita.
Para que un instrumento musical soe ben ten que estar equilibrado. Para que unha sociedade soe ben, homes e mulleres temos que ir da man. Respectándonos e aprendendo uns de outras. Aí estamos e aí seguiremos. Longa vida ás mulleres e homes que constrúen. E, agora que se achegan datas de moito consumo, tamén ás e aos que lles compran!