

Estou cada vez máis convencido de que vemos a realidade que nos interesa ver. E desta volta fágoo con certa pena porque o tema é un tema preocupante e a persoa que verte as súas opinións ao respecto, ten certa autoridade e, en parte, penso, reflicte o que pensan desde unha certa altura de poder. Eles están así contentos. Contesto despois da quentura inicial que me produce ler e ver estas cousas. Trátase de contestar brevemente un artigo esperanzado, enormemente, de alguén que está na Academia da Lingua e que di que “Cando os feitos falan, as linguas calan”. Frase lapidaria que parece convencer pero non alimenta. Xa saben, o que consente o abuso, un desatino, tamén dalgún xeito se fai cómplice del. Emprega o articulista a sentenza firme, case sempre vaidosa dunha sentenza global de que para a Nosa Lingua, todo vai ben. A realidade que eu vexo, e non se desprende de números senón do que teño por diante, dime que non é certo. Realidades que me petan en ouvidos e corazón, que me deixan estremecido: centros de educación “enteiros” nos que ninguén fala galego en ningunha situación, nin sequera na clases de galego, e para corrixir tal destino fracasa a lei na man dos que poden. Hai tamén centros –dalgunha cidade galega- que nun arrebato de valor propoñen na clase, ao alumnado, o reto de falar galego unha, dúas ou tres semanas, en todas as situacións da vida. Para que vexan no propio corpo as dificultades que unha persoa galegofalante ten, para ir pola vida en normalidade. Pediríalle ao asinante do artigo, escrito nunha tribuna dun xornal de ampla divulgación, que pregunte a ese alumnado, que escoite o que lle din. Que volva a sorprenderse do deterioro da fala. E, despois, se ten peito aínda, que lles conte a milonga de que “progresamos axeitadamente”. Convén, xa que logo, divulgar estes temas con menos números de balances, programados ao abeiro de silencios e das administracións que, comodamente amparados polo que poido ter sido se non se fixese, cometen a demagoxia que non conforta nin corrixe, cando sabemos –realmente- que o idioma retrocede a pasos nunca sabidos. Diante a parsimonia dunhas Academias, Consellos, e eufemismos varios que certificarán –se teñen a ben dicir a verdade e se arriscan a perder a subvención da Xunta- esta realidade. Foi demoledor o impacto negativo na ditadura franquista, si; pero está sendo demoledora a actitude da Xunta co decreto de trilingüismo, fabricado para quedar ben cos votantes máis extremos, os bífidos que agora lles comen as papas. A consideración da Nosa Lingua sempre está á baixa, estea ou non dito polos números, así é. E non é de obrigado coñecemento, ou esqueceron iso? O deber de ser coñecido so é para o idioma centralista de sempre, agora en conivencia co inglés, que ten moito futuro sobre todo para os mozos que terán que ir buscar choio fóra, “na mobilidade” daquela ministra de triste lembranza. Esa é a realidade que, seica, non queren ver. E insisten en exaltar a histérica imposición brutal desde a nosa perda, esta que nos está deixando só actos litúrxicos nos que as elites soñan futuros ventureiros que os do poder negan, insistentemente negan. Lorenzos, Vázqueces e Feixoós, Raxois e outras moitas variedades de bífidos espécimes, adulados por moitos outros que cantan e a voces corean éxitos non coñecidos. Aí é onde morremos nós, os que vemos como nos estamos perdendo. Aí é onde cantan aqueles a coro outra realidade inexistente de éxito, como a que se nos relata no artigo de opinión, cando somos a única lingua do Estado que retrocede en falantes e en uso e, onde, por certo, nese mesmo artigo se nos di que hai que pensar no porvir sen medo e con esperanza. Que mágoa sinto non expresase ben, o non citado autor, a nosa dor. Dor que sei tamén é a del, dor que vai a carón do amor sentido polo Noso, pero que non soubo expresar e incita á unha interpretación equivocada e interesada.