“CERO + CERO = 4 ?” (Marín I)

Artigo de opinión A Nova Peneira
Celso Milleiro

“Non lle poñades chatas á obra mentres non se remate, o que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos”, esta frase de Castelao non deixa de ser un axioma que debería imperar na política, mais por desgraza non acontece na realidade.

Algo falla na ecuación, mais se o resultado é certo o problema estea entón nos sumandos. Para empezar quen intenta aplicar unha análise no eido político debe ser obxectivo e con capacidade de criterio. Mais cando se agochan factores de índole persoal (xenreiras, egocentrismos, onanismo ideolóxico, etc), estas impide realizar unha hipótese axeitada que confirme o siloxismo proposto.

A falta de autocrítica ou o analfabetismo funcional, o que le e non é quen de comprender a lectura (ben por falla de capacidade e/ou ben por converter os textos en biblia e non en ferramentas para pensar e razoar), fai que a hipótese remate errada. Nin o marxismo, nin o leninismo nin as teses nacionalistas, entre outros, poden ser textos sagrados, senón instrumentos de análise científicos que nos axuden a comprender e procurar camiños perante os retos que van aparecendo no contexto social vixente.

Tendo en conta estas circunstancias, por moitos coñecementos teóricos que se teñan, ou pensar que se teñen, senón somos quen de comprender o que nos rodea: a realidade política e os recursos existentes, bateremos unha tras outra contra un muro. Velaí un devalar histórico que acontece nas organizacións políticas do espectro ideolóxico do soberanismo de esquerdas. Canto tempo perdido por moita xente.

Marín non é un caso diferente, hai concellos a esgallas onde se antepón os problemas persoais sobre o proxecto. Estamos condenados a entendernos, abofé. Traballemos en construír conciencia nacional no pobo desde a humildade, a paciencia, con pedagoxía e con honestidade. Ninguén sobra se sabemos cal é a meta e os chanzos que imos atopar no camiño. Máis camaradería entre nós!

Mentres, a nosa nación vai esmorecendo paseniñamente e algúns míranse o embigo desde a retagarda. Unha mágoa, mais ninguén sobra se se traballa construtivamente nun proxecto común. Si, hai moito que mellorar no BNG en xeral e no BNG de Marín en particular, mais só evitando a confrontación persoal antepoñendo o proxecto e a convivencia militante poderase construír un proxecto de futuro. Na miña opinión en Marín albíscase algo de luz despois de tantos anos.