
A formación Podemos presentou candidaturas, soa ou en compañía de Esquerda Unida, en 8 dos 34 concellos da nosa área de influencia. Nos outros 26 non foi quen de montar unha lista. A utilidade desas 8 candidaturas foi ningunha, e a súa incidencia oscilou entre nada ou contribuír a que o PP siga ostentando alcaldías, Salvaterra, ou consolidando as súas maiorías, Mos. O resultado da nosa área de influencia non foi diferente á do resto do país. Desastre tras desastre, iso foi o que lles aconteceu. E sen dúbida boa parte de responsabilidade tena a actual dirección da organización en Galicia á que non lle treme o pulso á hora de presentar a tránsfugas encabezando ás súas candidaturas, que como era previsible: 1) fixeron o máis absoluto dos ridículos 2) desaparecen ipso facto da vida política no momento en que perden a opción de saír na foto. Vexamos o que aconteceu nos 8 concellos da nosa área de influencia na que Podemos presentou candidatos/as
Salvaterra:
Votos 104. Concelleiros/as 0
Incidencia: Neste concello o PP conserva a maioría absoluta pois acada 9 de 17 actas. Consérvaa por 49 votos que son os que lle faltaron ao PSOE para conseguir o 5 asento na corporación. Os 104 votos de Podemos contribuíron decisivamente a que o PP mantivera esta alcaldía. Na actualidade están desaparecidos e non volverán facer política local ata dentro de 4 anos, se a fan.
Mos
Votos 126.Concelleiros/as 0
Incidencia: Neste concello o PP acada unha solvente maioría absoluta. A última acta tena por 80 votos, que son os que lle faltan ao BNG para chegar á 4º. Os 126 votos de Podemos contribúen a darlle un concelleiro máis ao PP e quítanllo ao BNG. Na actualidade están desaparecidos, e non volverán facer política local ata dentro de 4 anos se a fan.
Nigrán
Votos 268.Concelleiros/as 0
Incidencia: En Nigrán Podemos e Esquerda Unida presentaron candidaturas separadas. Estes acadan 268 votos e EU 262. Nin sequera o que é o mesmo foi capaz de confluír nunha única candidatura, nin sequera foron capaces de chegar a un acordo entre eles. A súa incidencia foi ningunha.
Baiona
Votos 242.Concelleiros/as 0
Incidencia: No concello de Baiona a maioría absolutísima do PP non é contestable. Pero o último dos seus concelleiros lógrano por 120 votos, que son os que lle faltan ao Bloque para poderen conservar as súas dúas actas. Os 242 votos de Podemos só serviron para restarlle un concelleiro ao BNG e darllo ao PP.
Cangas
Votos 281.Concelleiros/as 0
Incidencia: Outra localidade en que Podemos e EU presentan candidaturas separadas. Outro concello no que non foron quen de pórse de acordo entre eles. A incidencia da candidatura de Podemos foi ningunha.
Tomiño
Votos 106.Concelleiros/as 0
Incidencia: 106 votos tirados. Incidencia 0.
Ponteareas
Votos 818.Concelleiros/as 1
Incidencia:Neste concello Podemos presentouse en coalición con Esquerda Unida baixo o nome de Ponteareas en Común. En Ponteareas Esquerda Unida ten certa presenza na vida política , de feito xa tivo representación en varios mandatos .E posúe algún cadro político relevante como por exemplo o sindicalista Lino Costas. Podemos non ten nada. Este concelleiro,Manuel, moi respectable e ao que lle desexamos todo tipo de éxitos, xorde polo evidente desgaste do BNG , pola historia de esquerda unida na vila e polo mérito do seu elevado compromiso político persoal.
Vigo
Votos 6523-Concelleiros/as 0
Incidencia:Rubén Pérez, o candidato de Podemos-Marea de Vigo, é un histórico de Esquerda Unida, formación que sempre tivo un espazo nesta cidade. Podemos, na realidade social viguesa, non é nada e nada representa. A súa incidencia é ningunha.
Xullo do 2023
Pronto teremos eleccións xerais e imaxino que a candidatura de Sumar será quen de artellar a todo o cúmulo de grupos políticos, reais e virtuais, que están á esquerda do PSOE. Tamén se presentarán en Galicia. Virán e falarán de unidade popular, de confluencias e de que só hai dúas opcións: ou eles ou o fascismo. Virán buscando postos algunhas persoas que non fixeron nada estes catro anos, e que desaparecerán se non os conseguen. Agardo amigos e amigas que saibamos distinguir quen está facendo política os 365 días de ano, todos e cada un dos anos.