Néstor Rego cualifica a medida anunciada polo Goberno do Estado como “antisocial e antigalega” polo que suporá de negativa para as clases populares da Galiza e para a competitividade das empresas galegas.
O deputado nacionalista considera que, sen alternativas reais de transporte público, non é una medida ‘verde’, senón una nova estafa aos galegos e galegas e alerta da posibilidade real de incremento de accidentes polo aumento do tránsito en vías convencionais, con “maior custo social, sanitario e en vidas humanas”.
Madrid, 24 de agosto de 2022
O deputado do BNG, Néstor Rego, criticou duramente a medida anunciada polo Goberno español de implantar portaxes nas autovías a partir de 2024 polos efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas, que perderían competitividade. O deputado nacionalista considera inaceptábel que o Goberno pretenda gravar o uso das autovías cando na Galiza non existe un transporte público adecuado -especialmente ferroviario- que poida resolver a mobilidade obrigada e reclama implantar xa as ‘cercanías’ de Renfe.
Principio del formulario
Após lanzalo como globo-sonda hai xa máis de un ano e negar posteriormente que se tratase de algo máis que unha posibilidade en estudo, o Goberno español vén de anunciar a decisión firme de implantar portaxes en todas as autovías pois -din- “é unha exixencia de Bruxelas polos fondos Next Generation”, que sempre defenderon que eran “non condicionados”. Desta maneira recoñecen que se trata dunha medida de recorte social, cando con anterioridade pretenderon facela pasar por “sustentábel” para “disuadir do uso do vehículo particular”.
O BNG xa presentou iniciativas no Congreso rexeitando esta posibilidade polos efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País, con poboación dispersa, que carece dun transporte público que resolva a mobilidade obrigada e que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en Europa que obriga as empresas a utilizar as autovías para colocar os seus produtos nos mercados peninsular e europeo.
“Unha medida que o Goberno pretendeu vender como ‘verde’, para ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado, representará realmente unha lousa económica nun País como Galiza que non posúe transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías” enfatiza o deputado nacionalista.
Por iso o BNG centra as súas propostas en que o Goberno español mellore as infraestruturas e os servizos de transporte público na Galiza que son da súa competencia. Especialmente o transporte ferroviario que é, sen dúbida, o modo de mobilidade do futuro por “eficaz, eficiente e sustentábel”.
Para Néstor Rego, “está ben” bonificar a liña do Eixo Atlántico (pois Ourense-Santiago-A Coruña ficou inexplicabelmente excluída) durante catro meses, “mais estaría moito mellor mellorar os servizos, conexións, frecuencias e prezos ao longo de todo o ano; implantar as ‘Cercanías’ de Renfe en todas as áreas metropolitanas da Galiza; modernizar liñas como Ferrol-A Coruña ou A Coruña-Lugo; conectar Santiago con Lugo e despregar a rede de transporte ferroviario de mercadorías”.
As peaxes anunciadas, sinala Rego, van gravar as clases populares e implicar un sobrecusto para as familias traballadoras e para as empresas galegas, que continuarán perdendo competitividade. Ademais, “terán o efecto de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde na Galiza se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. Cabe lembrar que a poboación dispersa tamén ten o efecto de que sexa difícil encontrar un quilómetro de estrada sen casas ao redor, o que incrementa os riscos”.
Para o deputado nacionalista “resulta sorprendente que este Goberno, que se auto- cualifica como ‘progresista’ non teña nunca en conta os custos sociais que decisións como esta poden implicar. Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario” subliña Néstor Rego. As portaxes nas autovías terán o efecto contrario: “maior custo en vidas humanas e tamén maior custo en gasto sanitario e social”.
Rego lembrou que os galegos e galegas levamos 48 anos pagando as portaxes abusivas da AP-9, oito deses anos de maneira inxusta ao dicir da Unión Europea, que considera ilegal as prórrogas efectuadas por gobernos do PSOE e do PP de 35 anos, até o máximo de 75, que se farían en 2048. O Goberno aínda non deu cumprimento ao criterio da UE de pór fin á concesión da Autoestrada do Atlántico e pretende implantar o pagamento por uso nas autovías, o que sen dúbida levaría a concesionalas e a maior negocio para empresas privadas.
“En todo caso, reafirmamos a oposición do BNG a esta medida porque, polo menos na Galiza, sen alternativas de transporte público adecuadas, non é verde, é simplemente un roubo, unha medida antisocial e antigalega”, conclúe o deputado da organización nacionalista.