Rexistradas as firmas para avalar a ILP en defensa dos montes comunais

Rexistradas as firmas para avalar a ILP en defensa dos montes comunais

A Organización galega de Comunidades de Montes presentou no rexistro as sinaturas para tramitar a ILP en defensa dos montes comunais. Case 12.000 sinaturas, dos mil máis das necesarias, respaldaron a iniciativa de lei popular para acadar unha lei que preserve o monte comunal en mans da veciñanza comuneira.

A Iniciativa lexislativa popular para protexer os montes veciñais da Organización galega de Comunidades de Montes acadou o respaldo da cidadanía e 12.000 firmas foron entregadas na xunta electoral central de Compostela. Unha vez que a xunta electoral valide as sinaturas comezara o seu trámite no parlamento Galego.

A iniciativa lexislativa avalada ten por obxetivo preservar o carácter comunal e intransferible dos montes veciñais e que se recoñeza a propiedade comunal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.

Outra reivindicación que recolle a iniciativa lexislativa é a declaración dos montes veciñais como unha figura de protección medio ambiental e cultural en si mesma.

As comunidades de montes galegas, aseguran desde a ORGACCMM, son as primeiras valedoras dun monte funcional e unha silvicultura sustentabel. Subliñan a importancia das comunidades de montes como dinamizadoras do rural pola súa xestión democrática dos recursos. A custodia do territorio é intrínseca a autoorganización asamblearia da veciñanza comuneira.

Na posterior reunión co Partido Socialista insistiuse na necesidade de manter o carácter comunal da xestión dos montes vecñais. Neste sentido a ORGACCMM propón que se algún monte veciñal carece de poboación suficiente para xestionalo se traspase temporalmente a súa xestión á unha comunidade de montes aledaña e non se entregue sen máis a unha empresa madereira por 50 anos como pretende o Partido Popular nas súas modificacións leislativas.

“Levamos anos denunciando que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais”, explica Xosé Pereira, presidente da Organización galega de Comunidades de Montes.

A ILP presentada pola ORGACCMM tenta frear este latrocinio dos montes veciñais. Neste senso, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño/a comuneiro/a. A Organización Galega de Comunidades de Montes solicita o apoio das forzas políticas que conforman o Parlamento galego para que saia adiante esta lei e lograr así un monte comunal multifuncional e sustentabel ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto.