RUBÉN CELA, membro da executiva nacional do BNG
No BNG enfrontamos as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio convencid@s de que imos vivir un importante avanzo electoral, no cualitativo e no cuantitativo. Sentímonos especialmente confiad@s e fortes neste proceso electoral e imos a por todas.
Non nos pomos límites porque, con toda humildade mais tamén con orgullo, hoxe podemos afirmar que a política municipal do BNG é a referencia positiva e recoñecida en Galiza, e chega mesmo a ser exemplo cara fóra de Galiza do que somos capaces de facer cando cremos nas nosas capacidades e desatamos e liberamos o noso potencial, con proxectos e con ideas claras.
Alí onde gobernamos e podemos desenvolver globalmente a nosa alternativa programática, como en Bueu, Moaña, Tomiño, Ponteareas ou As Neves, o 26 de maio é unha oportunidade para reforzar os proxectos dos gobernos BNG e darlle continuidade ás políticas a favor da maioría que poñemos en marcha. E onde non, e moi especialmente nas cidades, queremos rescatar a ilusión de moitas persoas hoxe decepcionadas, persoas que queren que haxa nos seus concellos cambios de verdade: máis feitos e menos palabras.
O mellor aval do BNG nas municipais é xustamente ese: os nosos feitos, as nosas recoñecidas experiencias exitosas de goberno, e a xente sábeo. Mesmo moitas e moitos votantes que non nos apoiaron noutros momentos, despois destes catro anos hoxe teñen a certeza de que o BNG é a única garantía en Galiza non só de boa xestión, senón tamén de políticas transformadoras.
O BNG nos concellos: boa xestión e proxecto transformador.
Na política municipal pódese ir simplemente a xestionar o que hai, ou a mudar as cousas de verdade para mellorar a vida das persoas. Nós témolo claro. O BNG sabe xestionar ben, mais non nos conformamos con iso. Nós queremos desenvolver políticas diferentes, transformadoras e con criterio de servizo público, como estamos a facer alí onde gobernamos. Por iso o BNG é garantía de mudanzas reais fronte ao bipartidismo tradicional e fronte a aqueles que non foron capaces de cambiar nada e nin sequera de xestionar con eficacia o día a día.
O BNG ten un modelo propio, recoñecíbel e de prestixio no campo da política municipal. Os concellos de referencia en Galiza polas súas políticas municipais, as transformacións urbanas e municipais de referencia, as experiencias municipais coñecidas e recoñecidas e mesmo premiadas dentro e fóra de Galiza, son sempre de concellos en que goberna o BNG. E a chave dese modelo é a autoestima e a confianza en nós como pobo.
O modelo municipal do BNG non é un modelo de copiar e pegar: é un modelo orixinal, propio, que nace do coñecemento profundo das capacidades do noso propio territorio e da nosa xente, e que alicerza na confianza na propia identidade, recursos e potencial. A política municipal do BNG é unha política nacionalista, social, transformadora, e coherente, inserida nun proxecto claro de país. Por iso sempre dicimos que non hai modelo Allariz, modelo Pontevedra, modelo Carballo, modelo Moaña… hai modelo BNG. E ese modelo BNG é a nosa aposta para o 26 de maio.
A Galiza que queremos, concello a concello.
Hoxe hai unha maioría de galegas e galegos que aspiran e desexan vivir nunha Galiza diferente e mellor. A toda esa xente que, sexa ou non nacionalista, quere coma nós vivir nunha Galiza viva, dinámica, aberta, que confía en si e avanza cara o futuro, eu o que lles digo hoxe é que esa Galiza xa existe en moitos concellos, xa está aquí, xa a estamos poñendo en marcha nos concellos do BNG, que son o exemplos no ámbito municipal da Galiza que queremos, da Galiza que vén, da Galiza da que unha amplísima maioría de galegos e galegas se sentirían orgullosos e orgullosas.
Os concellos con goberno do BNG son os mellores exemplos, no local, do que o BNG propón para Galiza no seu conxunto. Por iso tamén é tan importante votar BNG nas municipais e facer que o nacionalismo avance, porque tamén desde os concellos se constrúe a alternativa que vai derrotar a Feixóo o ano que vén, nas eleccións galegas, e sacar ao PP da Xunta.