Da navallada ao atraco a man armada

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo

A chegada de Pedro Sánchez á Moncloa tivo que pasar pola AP-9. A autopista acadou protagonismo nas negociacións do presidente con Galiza, sobre todo logo de que o nacionalismo cambiase a denuncia histórica da “navallada” pola esixencia de por fin ao atraco a man armada que se vén perpetrando a través de reiteradas subas de peaxe, ampliacións de concesión e, como guinda do espolio, exencións fiscais que practicamente fan desaparecer os ingresos destinados aos concellos atravesados pola vía. 

Tras a súa privatización, as exencións pensadas para dotar o territorio de infraestruturas públicas só provocan que engorde máis o papo da empresa concesionaria. Mesmo as arcas estatais cedéronlle parte do “botín galego”: Primeiro, porque a maior accionista é unha firma de capital foráneo, Globalvía, e segundo porque os distintos gobernos lle reduciron os impostos: o de Sociedades pasou de 22,5 millóns en 2011 a só 13,5 en 2018.

Pero empecemos polo principio. En 1972, o goberno franquista aprobaba unha Lei para a construción, conservación e explotación de autopistas en réxime de concesión que, desenrolada un ano despois por decreto, establecía exencións fiscais para animar ás empresas a construír vías de interese público. Liberábaas do 95 por cento de IBI durante o tempo que durase unha concesión destinada a compensar o gasto da obra. No caso da AP-9 fixouse ata 2012, con posibilidade de ampliarse, como moito, ata 2018. Pero, xa en democracia, o PSOE realizou un incremento fora dese máximo: ata 2023, que logo o PP de Aznar ampliaría 25 anos, ata 2048. O artífice foi o entón Ministro de Fomento, Arias Salgado, que, oh sorpresa, en 2004 foi premiado polos servizos prestados cun posto nos Consellos de Administración da Empresa Nacional de Autoestradas (ENA) e de Sacyr, a construtora que acabaría mercando a empresa pública. Para maior vergoña, a vía fora privatizada un ano antes sen que a Consellería de Política Territorial -daquela liderada por Alberto Núñez Feijóo- puxera reparo ningún. Voilà. O negocio da AP-9 ficaba xa en mans privadas, e durante 75 anos, unha duración só prevista no Estado para tres vías, dúas delas galegas: a conexión do Ferrol a Tui e a de Santiago e Lalín. 

Xa no presente, o 2020 ábrese paso libre de peaxes en dúas autoestradas de Andalucía e Levante do tempo da nosa AP-9, que volve ser a vía de España con maior suba. É dicir, mentres as outras dúas deixan de supoñer ingresos para provocar ao Estado gastos de mantemento, a recadación da nosa, en impostos coma o IVE, crece grazas ao incremento dunha tarifa que tiñamos que ter deixado de pagar no 2012. A nosa arteria reduce a sangría pero as arcas dos concellos que atravesa seguen a encaixar orzamentos desposuídos dos 9 millóns de euros que supón anualmente a exención do IBI. Galiza fica condenada a pagar para non obter nada a cambio, para ser cada día, por comparación, menos competitiva. Ir de Alacante a Francia será de balde no 2021 e porén, os cálculos prevén que custará 40 euros ir da Coruña a Portugal cando a actual concesión remate. 

Alegouse que había que compensar as obras de ampliación de Rande e da circunvalación de Santiago, pero os beneficios previstos superan en miles de millóns o gastado. Como guinda, Galiza ten neste intre as menores bonificacións do Estado: apenas o custe da viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra e o 25 por cento das que fagan turismos de luns a sábado, sempre que volvan no día. En definitiva, que non hai volta: coa AP-9 estannos roubando. De aí a importancia de que o novo goberno teña claro que, nesta viaxe, non pode ser Galiza quen, de novo, pague a peaxe.