A partir do vindeiro luns 13 de xaneiro e ata o domingo 2 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, repite experiencia no proxecto 21 Días co Galego e +.
Este ano, por segunda vez, organiza o programa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pero xa se viña desenvolvendo coa denominación 21 Días co Galegodende 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, creado pola docente Pilar Ponte (Premio da Cultura Galega 2019). Este proxecto recibiu, en 2015, o Premio de Innovación en Dinamización Lingüística e, en 2018, o primeiro acto de recoñecemento a unha actividade educativa da Real Academia Galega. Recentemente, recibiu tamén o Premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña.
21 Días co Galego e +é un programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.
Durante estas tres semanas, os arredor de 500 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato do noso centro, xunto co alumnado doutros nove centros máis da comunidade, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua. Ademais, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para presentar o instituto, para recoller expresións familiares para contestar que non e tamén outra para orientar na pronuncia da lingua galega
Ao longo da mañá do luns 13 de xaneiro, terá lugar o acto de inauguración do proxecto no IES Antón Alonso Ríos. Os grupos de clases pasarán polo posadoiro do evento e serán agasallados cunha camiseta dos 21 Días co Galego e +.
Ademais, tamén foron convidadas as familias a acompañar as súas fillas e fillos nesta aventura de lle abrir as portas ao galego nas súas vidas fóra das aulas de lingua. É por iso que este proxecto tamén inclúe, nas fins de semana, actividades pensadas para ser realizadas en familia
O enderezo do blog de referencia onde se poden ir seguindo os contidos do programa a partir do luns 13 de xaneiro é: https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais