“ O PP DA GUARDA ESTÁ NA POSICIÓN DE CANTO PEOR MELLOR, PARA EROSIONAR AO GOBERNO LOCAL NON LLE IMPORTA FASTIDIAR AO CONXUNTO DA VECIÑANZA”
Despois das eleccións municipais do pasado ano, todo apuntaba a que un pacto de esquerdas propiciaría un goberno de coalición PSOE –BNG durante este mandato. E así se asinou nun principio. Porén unha discrepancia na xestión da reforma da rúa Concepción Areal propiciou a ruptura do acordo, e no momento presente o PSOE goberna en minoría cunha situación aritmética moi complexa pois só ten 5 de 17 actas. Na anterior Peneira coñecemos a versión dos nacionalistas guardeses sobre esta situación, e agora non quedaba outra que conversar con Antonio Lomba, o alcalde, para sabermos as súas razóns. Como sempre, Antonio, atendeunos con moita amabilidade .Velaí vai o que deu de si a nosa conversa:
Quero comezar a conversa dándoche os parabéns, Antonio, porque o novo edificio do Concello é realmente precioso. Xa falaramos un par de ocasións no anterior , pero é a primeira vez que teño ocasión de conversar contigo aquí, e realmente tedes un concello moi bonito. Que era antes este casa?
Pois moitas grazas, esta era un domicilio particular que acabou en mans do bispado e foi mercada polo Concello , se non lembro mal arredor do ano 2.000,e a verdade é que si, podo dicir con orgullo que a veciñanza de A Guarda ten unhas instalacións municipais moi dignas
Está xa rematado?
Non, a planta de arriba está aínda sen rematar. A mágoa é que temos que ir aos poucos segundo vamos recibindo partidas doutras administracións
O outro edificio tamén tiña o seu encanto , que ides facer con el?
Abofé que ten moito encanto, e segue albergando distintas dependencias municipais
Eu Antonio, a verdade tiña ilusión de ver no teu despacho o premio que vos demos na nosa gala de xaneiro do 2.019 para agradecer a vosa xenerosa colaboración , pero confeso que me decepciona un tanto non atopalo, agardo que non o teñades nun fallado ou de pisa papeis en calquera curruncho ?
Non claro, desde logo que non. O premio está na concellería de cultura e gardámolo con moito cariño e respecto
Como sabes, as nosas galas son sempre en xaneiro dos anos impares e gústanos que o galardoado na gala anterior entregue o premio ao que a gañe na posterior
Caramba que ben, pois malia que aínda falta un ano xa che digo que estarei encantado de entregar o premio ao concello que o gañe no 2.021.Será un verdadeiro pracer
Moitas grazas Antonio, confío na túa seriedade e sei que estarás con nós. Nas eleccións municipais de maio do 2.019 a aritmética municipal propiciou que se constituíran moitos gobernos municipais resultantes de coalicións progresistas, pero o da Guarda durou moi pouco. Hai un par de meses entrevistamos a Anxo Baz, o voceiro do BNG, que nos deu a súa versión dos motivos da ruptura e agora quixeramos coñecer a túa?
É certo que nós non tivemos sorte co pacto porque a min si que me tivera gustado ter un goberno progresista de 10 concelleir@s durante os catro anos do mandato .Eu creo que nos fixo falta tempo para entendernos, ou para non facelo, co BNG antes de termos asinado o pacto con eles
Pero é certo o que di o Bloque que invadiches as competencias dunha área que era deles?
É certo que tomei medidas nunha área que era da súa competencia, pero polo motivo que eles estaban incumprindo claramente o pacto que asinaramos
Concrétanos ese suposto incumprimento por favor?
En concreto falo da rúa Concepción Areal, eles estaban obrigados a cumprir o plan de mobilidade, e cando comezaron a executar medidas incumpríano claramente.
O plan de mobilidade é municipal?
Si, e establece que esa é unha rúa de preferencia peonil pero compartida co tráfico rodado. E eles as primeiras de cambio quixeron cortar o tráfico rodado. E nós tiñamos compromisos adquiridos con veciños empresas e comercios aos que non lle podiamos fallar. Quero deixar claro que o partido socialista estaba disposto a facer cesións , pero os compromisos adquiridos cúmpreos sempre
E non houbo a posibilidade de reconducir a relación co BNG?
Baixo o meu punto de vista si, pero houbo un momento en que a comunicación con eles comezou a deteriorarse notablemente
O pleno no que rachou todo, foi moi agresivo, seica houbo no público do pleno persoas claramente identificadas coa dereita local que proferiron insultos graves contra os representantes do BNG…
Si, o pleno foi moi agresivo, veu xente da dereita local que claramente tiña a intención de alterar a orde, pero os insultos foron dirixidos tanto aos representantes do BNG como aos representantes do PSOE
A ruptura do BIPARTITO non sería propiciada en parte pola acción dos sectores máis ultras da dereita local?
Indubidablemente puxémosllo moi ben á dereita, eu imaxino que durante todo o verán do 19 estiveron frotándose as mans
A famosa foto do líder do PP da Guarda co líder da extrema dereita española indica que as posicións do PP de A Guarda achéganse ás máis ultras da dereita española?
Eu creo que a dereita guardesa é unha representación da dereita galega en xeral. Agardo que os gobernos progresistas sexamos quen de facer ver que a nosa forma de xestionar é máis xusta , humana e acorde co interese xeral das maiorías sociais
Agora vivimos unha etapa especialmente tensa na que se interpreta o político en chave moral e ao meu xuízo é moi perigosa porque se crea a semente da conflitividade social
Estou completamente de acordo contigo, a verdade parecía que este tipo de dereita xa se esvaecera pero semella que volven asomala cabeza
Hai cousa de 15 días amosáronme unha pintada na zona de fonte quente que literalmente puña :” ANXO BAZ HIJO PUTA”. Es coñecedor da súa existencia?
Si, mandoume a imaxe o mesmo Anxo Baz, porque eu a verdade que paseo por aí habitualmente pero este inverno non tivera aínda oportunidade
Está borrada a pintada?
Non o sei, eu si mandei borrala, preguntareille agora ao encargado de vías e obras. Creo que non é unha pintada nova, penso que é froito desa tensión que se provocou antes do pleno. Tamén houbo pintadas insultantes contra militantes do PSOE, borradas por nós mesmos, no 2.007, cando Freitas comezou a gobernar. Hai xente que ten moi mal perder
Pero iso non se pode consentir Antonio, a “análise” moral dunha posición política é sempre, en todos os casos sen excepción, o primeiro paso dun proceso de fanatización e desde as administracións tedes a obriga de combater o fanatismo, sexa o que sexa, con toda a intensidade posible
Estou total e absolutamente de acordo contigo. Os procesos de fanatización deben ser combatidos con toda contundencia, porque no caso contrario os espazos para a convivencia se limitan moito ou o que é peor, acaban desaparecendo
Eu creo que para acabar con este ambiente de virulencia vai ser chave o clima que consiga crear o goberno do estado. Estás ilusionado con este goberno de coalición PSOE/PODEMOS?
Si a verdade que si. E non me dá tanto medo as medidas políticas que executen , que estou seguro de que serán boas para as maiorías máis amplas, senón a imaxe que a estratexia manipuladora dos medios de comunicación próximos á dereita traslade da acción de goberno e os efectos que esta imaxe ocasione nos distintos segmentos sociais
E dese clima vai depender tamén que Gonzalo Caballero poida ser ou non presidente da Xunta?
Eu creo que vai influír pero dependerá de moitos outros factores. A verdade non hai cousa que me gustaría máis que o PP perda a Xunta e se poida conformar un goberno alternativo, a Galicia faille falta e meréceo
Volvamos á Guarda, no pleno extraordinario para a aprobación da conta xeral, o PP votou en contra, de maneira un tanto irresponsable, e o BNG que tiña previsto absterse, mudou de posición posibilitando que fose aprobada. Supoño que valorarás positivamente o seu cambio de criterio?
Desde logo que si, de feito chamei por tfn ao portavoz do BNG para agradecerlle persoalmente a súa responsabilidade..E tamén quero dicir que a posición do PP paréceme manifestamente censurable e claramente lesiva para o conxunto da veciñanza da Guarda porque de non ter aprobado esa conta xeral non poderiamos acceder a distintas subvencións autonómicas .O PP do noso pobo está na posición de canto peor mellor, para erosionar ao goberno local non lle importa fastidiar ao conxunto da veciñanza
Esa posición política do BNG non pode ser o alicerce para unha futura reconciliación?
Non o sei
A ti gustaríache reconducir a situación, ou non?
Non o planteei. A min gustaríame ter unha relación normal con eles pero non sei que pasará no futuro e tampouco sei cal é a súa intención
Pero Antonio con 5 concelleiro@s de 17 non é posible gobernar?
É difícil, pero é máis difícil é pola sobrecarga de traballo que temos, pero polo menos desde que estamos os 5 o clima político de A Guarda é de normalidade
A policía municipal está baixo mínimos , como tendes pensado solucionar ese problema?
Si, está baixo mínimos, temos unha oferta de emprego público aprobada para a incorporar a 3 policías e agardo que para o verán teñamos cubertas as prazas de policías coa oposición aprobada
Rematamos Antonio, ti como andas de ánimos?
Ben a verdade é que estou ben .Recoñezo que pasei momentos duros e de preocupación, pero agora estamos a tope todos e todas con moita ilusión de sacar cousas adiante e esgotar o mandato pelexando a peito descuberto contra todas a s dificultades que poidan ir aparecendo.