A fronte nacionalista presentou unha alegación contra o parque eólico Merendón que afecta aos concellos de Oia e O Rosal
A Guarda, 24 de decembro 2021
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar unha alegación formal á Resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se sometía a información pública o parque eólico Merendón, localizado nos concellos de Oia e O Rosal.
A fronte nacionalista asegura que existe un clamor social na contorna que se opón a estes proxectos eólicos polo seu elevado impacto, como evidencian as numerosas mobilizacións, a recollida de sinaturas, as innumerábeis alegación presentadas e o posicionamento unánime dos concellos ameazados, de todos os signos políticos.
Por estes motivos, desde o BNG chaman a frear este modelo “depredador do territorio” que defende o PP e denuncian os “atallos legais” que está a usar o goberno do Feixóo para favorecer a aprobación dos proxectos, como a fragmentación de parques que conforman unha unidade co fin de minguar os impactos que reflicten as avaliacións ambientais.
“Isto representa novamente unha forma de colonialismo empresarial coa connivencia da Xunta. É incompatible para Oia vender natureza e ao mesmo tempo arrasala.”, cualificou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Oia, Xosé Antón Rodríguez “Xuster”. Desde a fronte nacionalista sinalaron que espazos naturais contan con hábitats de especial interese e protección da biodiversidade, son unha zona de grande riqueza patrimonial e unha das áreas de maior densidade arqueolóxica de toda Galiza.
As nacionalistas mantéñense na súa posición contraria a este modelo eólico promovido polo gobernó de Núñez Feixoo no que se prima o beneficio económico das grandes empresas do cártel eléctrico mentres o territorio afectado fica apenas cos prexuízos que a explotación salvaxe dos seus recursos provoca.