O Concello de Tomiño dá os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na Taça Ibérica

O Concello de Tomiño dá os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na Taça Ibérica

O Teixugos gañaron un total de seis medallas na copa de Slálom de Vilanova de Cerveira

Tomiño, 24 xaneiro de 2021

O Concello de Tomiño quere dar os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na emblemática Taça Ibérica de Slálom que se celebrou a pasada fin de semana en Vilanova de Cerveira. Máis de cen piragüistas se deron cita para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa.

O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas. En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1.

En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto e Mateo Álvarez quinto. En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto.

Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club. Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140.