Alcaldesa e autoridades destacaron a traxectoria da chef que transmitiu sempre á súa cociña os sabores e saberes da súa terra
Tomiño, 13 de setembro de 2022
Unha homenaxe emotiva e chea de palabras de agradecemento para a súa protagonista, Toñi Vicente. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu acto cívico do Alivio nunha Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños e veciñas que quixeron arroupar á chef tomiñesa nun momento tan especial. Unha profesional de recoñecemento internacional que sempre levou orgullosa o nome da súa terra, unha muller emprendedora, pioneira en poñerlle á alta cociña nome de muller e “a gran dama da cociña galega nun tempo no que a profesión estaba controlada por homes”, como subliñou durante o acto a alcaldesa, Sandra González.
“Toñi recolle a tradición das familias unidas arredor da mesa e únea a unha enorme paixón polo que fai, grandes doses de innovación e un profundo coñecemento da súa profesión. Sen perder esa esencia de produto, de cariño no facer, de raíces… consegue aunar tradición e modernidade para revolucionar a cociña galega”, louvou a rexedora.
Unha longa traxectoria na que sempre levou consigo os sabores e saberes de Tomiño que a levaron de volta ás raíces nesta nova etapa da súa vida. “Con esta sinxela homenaxe queremos que recibas o agarimo de tantos tomiñeses e tomiñesas e o noso recoñecemento a toda unha vida de entrega e traballo”, salientou a rexedora.
Emocionada pola semblanza da súa vida feita durante o acto tamén por parte do presentador da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Toñi Vicente tivo unhas verbas de agarimo para os seus país, Delmiro e Antolina, cos que se iniciou no mundo da cociña con tan só sete anos de idade, porque “esta homenaxe é para eles”. A cociñeira aproveitou tamén o seu discurso para lanzar unhas palabras de recoñecemento a todas as persoas que se dedican á restauración e á hostalaría, “unha profesión moi dura que ten moito de vocación”.
No multitudinario encontro, a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño, polo seu traballo para poder desfrutar dunhas Festas do Alivio con total normalidade tras a pandemia; da Banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou o acto cívico; e, especialmente, da Comisión de Festas, “que tanto ten traballado para que todos e todas poidamos gozalas despois de dous anos sen festas”.