A tensión política propia dos anos preelectorais comeza a aparecer nas distintas localidades, especialmente naquelas nas que o goberno non ten asegurado revalidar con comodidade. Unha das vilas nas que se presume un resultado moi axustado é A Guarda. No 2023 o PP acadou por moi pouco a vitoria nesta localidade do Baixo Miño. E agora, a poucos meses de afrontar un novo proceso electoral, falamos con Anxo Baz, o voceiro dos nacionalistas guardeses quen se mostra esperanzado en poder darlle volta ao resultado do 23 e obter para o nacionalismo galego a alcaldía de A Guarda.

Nas municipais do 27 hai dous posibles modelos para gobernar A Guarda: O desgoberno de Roberto Carrero e o PP, ou a alternativa solvente e rigorosa do BNG”

En pouco menos dun ano haberá novas eleccións municipais. Vas ser o candidato do BNG á alcaldía de A Guarda?

Se os meus compañeiros e compañeiras me distinguen coa súa confianza a miña disposición é positiva.

Como valoras estes anos de goberno do PP de A Guarda?

É un goberno sen proxecto que se caracteriza por funcionar a base de ocorrencias, pola propaganda e polos escándalos.

Ponme algún exemplo deses supostos escándalos?

Hai moitos, por exemplo: A contratación irregular do tren turístico ao pouco de comezar o seu mandato, a conversión do BIC da fortaleza de Santa Cruz nunha sala de billares, os sucesivos intentos de recolocación do punto limpo..

Algún lector de Salcidos dirixiuse ao noso medio de comunicación para protestar sobre este último aspecto que mencionas, pois un dos intentos de colocación do punto limpo era nunha zona moi preto da súa casa. En que quedou este asunto?

Finalmente por mor da presión social, e despois de ter gastado 40.000€ de cartos públicos, desestimou esa proposta e polo de agora queda na zona da Sangriña na que está actualmente.

Cando o alcalde estaba na oposición facía vídeos de maneira recorrente nos que denunciaba o suposto estado de abandono e a falta de limpeza de moitas zonas de A Guarda. Desde que Roberto Carrero é alcalde a limpeza e o coidado de A Guarda melloraron?

Nestes eidos do coidado e da limpeza do pobo a valoración do actual goberno é dun suspenso rotundo. Por moita propaganda que empregue para tratar de amosar o contrario, a realidade é que o estado de abandono e de deterioro de moitos lugares da nosa localidade son máis que evidentes.

Cando este goberno chegou, presentou unha valoración catastrófica da situación económica do Concello. Esa valoración correspondíase coa realidade?, e que opinión tes da xestión económica do goberno do PP?

Non, non era unha valoración real. O que había é unha situación puntual de falta de liquidez porque aínda non chegaran unhas subvencións, pero o PP espetou un bulo sobre unha suposta bancarrota que en ningún caso existía. A realidade das contas de agora é que non hai contas. O ano pasado o goberno presentou o orzamento do 2025 non último mes do ano.

En realidade iso non é un orzamento senón un dar conta do que se gastou. Cando lle afeamos esa circunstancia xustificárono en base a “ problemas técnicos, e comprometéronse a telos en tempo e forma para o 2026.

E foi así?

Estamos a piques de chegar a xullo e aínda non están. Esta é a xestión económica de Roberto Carrero.

Cal é a posición do BNG ao respecto do anuncio do goberno de comprar a casa de don Eloi?( unha casa indiana abandonada que está á entrada de A Guarda)

Ben, nós estamos en contra.

A nosa posición ven motivada tanto pola falta de transparencia do goberno, como polo enorme gasto que esa compra suporía para as arcas municipais, así como pola inexistencia dun plan claro sobre que é o que se pretende facer con ese inmoble e polos investimentos necesarios que se deixarían de executar no noso pobo, pois esa compra suporía dedicar integramente o plan Máis Provincia da DEPO nos anos 2026 e 2027 a sufragala

Pero eses cartos pagaríaos a DEPO, non?

Si, pero facendo uso da totalidade que nos corresponde do plan Máis Provincia no 26 e no 27.Non é que a DEPO poña nada a maiores, eses cartos recibiriámolos igual se compre ou non se compre a casa. Só que se se compra non poderiamos facer ningún outro investimento. E A Guarda ten necesidades moi importantes.

Alén dos cartos para mercar a casa, imaxino que tamén se precisará diñeiro para rehabilitala?

Si, claro. Se hai un informe dunha empresa, que encargaron eles,que determina que a rehabilitación só do xardín, sen contabilizar unha parte do terreo á que a vexetación impide acceder de momento, sería de arredor de 1,5 millóns de € máis IVE. Logo hai que arranxar unha serie de construcións que están dentro do xardín.

Tampouco se contempla o prezo da restauración do propio edificio. Sen sabermos canto custaría a rehabilitación da casa estariamos a falar de arredor de 2,2 millóns de €.

En que situación está este asunto?

Eles continúan para adiante coa súa proposta.

Como valoras a actuación que está a levar a cabo o goberno na alameda?

É manifestamente mellorable. A actuación debera ser integral e unida á finca de Fínola .Que nun espazo como ese, en pleno centro do noso pobo, o único que se faga sexa asfaltar e pintar as prazas para aparcar, non é unha actuación como para tirar foguetes. Nós apostamos por desenvolver o PERI nº 5, o que nos daría a posibilidade de ter chan dotacional para infraestruturas necesarias como por exemplo podería ser un auditorio.

Sobre a conexión por transbordador con Caminha, que nos dis?

A grande solución que nos vendeu no seu día Carrero en compañía do presidente da Xunta, o que ía ser unha embarcación de 12 prazas,quedou finalmente nunha planeadora. Por outra parte o servizo só o fan os domingos, o resto de días fano planeadoras portuguesas. Alguén terá que dar explicacións de por que non se fai.

En relación á saída sur avanzouse algo?

Naqueles vídeos que mencionaches ao inicio da entrevista Carrero dicía que cando eles gobernen a saída estaría feita, pois nin está feita a saída sur nin os terreos para o novo centro de saúde. Este goberno limitouse a facer as obras que xa tiña en marcha o goberno anterior e aínda así téñenas todas sen rematar.

Como valoras a xestión do concelleiro de cultura e deporte, o socio de goberno do PP?

Limítase a erguer a man cando lle manda o alcalde. É o concelleiro número 9 do PP.

Na Guarda tedes o inmerso orgullo de terdes un equipo feminino de balonmán que ven de gañar un título europeo, pero que agora , despois da retirada do seu principal patrocinador, queda nunha situación complicada. Que sabemos ?

Si, retirouse o patrocinador e tamén dimitiu o presidente. Desde o BNG agardamos unha chamada da nova directiva para coñecer cales son as súas expectativas de futuro para poder valorar e traballar man a man con eles.

No 2023 había expectativas moi elevadas de que o BNG puidese gañar a alcaldía de A Guarda, e non puido ser. Agora ves posibilidades realistas de que o nacionalismo galego acade o ano que ven o goberno no teu pobo?

E tanto que si. Hoxe hai dous modelos con posibilidades de gobernar a Guarda, o desgoberno do PP e a alternativa seria solvente e rigorosa do BNG. Estou convencido de que a cousa vai estar moi igualada e de que a vitoria se decidirá por moi poucos votos, de aí o nerviosismo de Roberto Carrero a súa acritude cara ao BNG. Agardo que poidamos obter a confianza maioritaria da sociedade e guardesa e se é así non lles imos decepcionar nin abandonar nunca.