26-6-2026.- O Consello Nacional de CCOO de Galicia, reunido este venres en Santiago de Compostela, aprobou por unanimidade o informe defendido pola secretaria xeral, Amelia Pérez. Nel, a dirixente sindical refirma a decisión adoptada por Comisións Obreiras o pasado 19 de maio, saíndo da mesa do diálogo social porque a Xunta «baleirou de contido este espazo ata convertelo nun escaparate de propaganda». Pérez advertiu que só regresará á negociación nunha mesa «entre iguais e con respecto mutuo».

Lembrou que, tras varias peticións de CCOO para regular por lei o diálogo social, foi aprobado o decreto que institucionalizaba este espazo, porque «non é unha concesión da Xunta, senón un dereito conquistado polas persoas traballadoras».

Pérez foi taxativa ao expoñer o motivo da ruptura. A Xunta —denuncia o informe— pretendía empregar o diálogo social como unha «foto de fachada» mentres utilizaba as baixas médicas, que son dereitos de saúde pública, para xustificar recortes no Sergas e satisfacer os intereses da patronal baixo o que a dirixente cualificou de «mantra do absentismo laboral». «CCOO non asina cheques en branco», advertiu, antes de subliñar que o sindicato non errou en xaneiro ao defender a regulación da norma e tampouco erra agora ao plantarse. A central non renuncia á concertación, matizou, pero esta «só é posible entre iguais e con respecto mutuo». Coa súa marcha da mesa, engadiu, a organización demostra que é «libre, autónoma e coherente».

Denuncia o bloqueo de convenios por parte da patronal

A negociación colectiva ocupou tamén un lugar central na exposición. A secretaria xeral denunciou o bloqueo dunha parte da patronal, que «segue a dar as costas á realidade social», e advertiu de que, se mantén o seu «peche de bandas», a única saída será activar todas as ferramentas de presión sindical, asumindo «un escenario de conflitividade crecente». Como mostra da parálise citou as negociacións do metal de Pontevedra e da Coruña, a da alimentación na provincia coruñesa, o conflito da recollida do lixo e a limpeza viaria de Vigo ou o das educadoras de 0-3 anos. «A paz social nin se herda nin se regala», resumiu a dirixente, que reivindicou que se conquista co respecto ás condicións de vida da maioría social.

O diagnóstico susténtase nos datos do Consello Galego de Relacións Laborais relativos ao 2025. Os convenios con vixencia expresa baixaron ata os 260, fronte aos 300 do ano anterior, o que deixou sen cobertura a máis de 44 000 persoas traballadoras, de xeito que apenas preto dunha cuarta parte do total mantén unha vixencia real. Dos 1057 convenios existentes, 934 son de empresa e só 123 sectoriais, unha fragmentación que, segundo a central, debilita a capacidade de presión conxunta. Ademais, o número de convenios asinados e revisados caeu de 156 a 115 nun ano; perdéronse 41 procesos negociadores en apenas dous exercicios e só 11 textos se negociaron por primeira vez.

No plano salarial, o incremento medio pactado situouse preto do 3,6 %, lixeiramente por riba do IPC galego

—arredor do 2,6 %—, aínda que por debaixo da media de 2023, que anda arredor do 4,6 %, e cunha mellora que se sostén sobre poucos sectores, con Lugo practicamente empatado coa inflación. A esa fotografía engádese o estancamento na redución da xornada, que mesmo aumentou lixeiramente en 2025 ata as 1760 horas anuais de media, e a infrarrepresentación das mulleres nas mesas de negociación, onde supoñen o 24 % do total e só o 19 % na representación sindical, cun retroceso respecto ao ano anterior.

CCOO, en defensa das persoas migrantes

O informe situou a defensa da poboación migrante como «un eixe prioritario e estratéxico» da acción sindical fronte ao avance da vaga reaccionaria, na que a extrema dereita funciona, en palabras da dirixente, como o «brazo executor dun capitalismo en crise» que necesita fragmentar a clase traballadora.

Amelia Pérez alertou de que a entrada en vigor do novo Pacto Europeo de Migración e Asilo «normaliza os postulados da extrema dereita» en materia migratoria e denunciou que as forzas reaccionarias utilizan a xenofobia e o control de fronteiras como unha «cortina de fume» para agochar os problemas reais de vivenda e a perda de poder adquisitivo. Nesa liña, criticou os acordos de goberno entre PP e Vox e o concepto de «prioridade nacional», que considerou incompatible coas normas do país.

Fronte a ese discurso, CCOO reivindicou o seu papel no proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes, no que a organización se habilitou como organismo autorizado para tramitar e xestionar os expedientes, e no que despregou, en colaboración cos territorios, unha rede de atención nos locais da Mariña, Lugo, Arousa, Vigo, Ourense e Ferrol. A dirixente agradeceu o traballo de todo o persoal implicado e salientou de xeito especial Ferrol, que sacou adiante a tramitación pese a graves eivas técnicas e de conectividade, e Lugo, que concentrou case o 90 % de todos os procesos rexistrados en Galicia.

Participación nas mobilizacións do Orgullo

Por último, a secretaria xeral fixo un chamamento a sumarse ás mobilizacións do Orgullo. Amelia Pérez lembrou que o Comité Económico e Social Europeo, no seu ditame SOC/849, reclama encher as lagoas en materia de inclusión nos centros de traballo mediante o reforzamento da colaboración cos interlocutores sociais e a formación en diversidade, e advertiu do incremento dos incidentes de odio por orientación sexual e identidade de xénero.

Segundo os últimos datos do Observatorio galego, correspondentes a 2023, rexistráronse 23 casos en Galicia, a cifra máis alta da serie dende 2016, que representan o 20 % do total e sitúan estes incidentes como a terceira causa máis frecuente na comunidade, só por detrás do racismo e a xenofobia e da ideoloxía; no conxunto do Estado contabilizáronse 521 incidentes, 57 máis que o ano anterior.

Por iso, CCOO convocou a afiliación, as persoas traballadoras e a cidadanía a participar nas manifestacións do Orgullo previstas en Galicia para esta fin de semana en defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+. O sábado 27, as concentracións celebraranse en Pontevedra, ás 20:00 horas no parque das Palmeiras, e en Vigo, á mesma hora na praza de Fernando o Católico. O domingo 28, as mobilizacións estenderanse ás outras cinco cidades: A Coruña, ás 19:30 horas na praza de Ourense; Ferrol, ás 12:00 horas na praza de Amada García; Santiago, ás 12:00 horas na praza 8 de Marzo; Lugo, ás 20:00 horas na praza da Horta do Seminario; e Ourense, ás 19:00 horas na praza do Bispo Cesáreo.