Calquera comportamento corrupto, deshonesto ou tramposo, veña de onde veña, de quen xestiona cartos públicos, ou de quen gaña a vida como resultado de que no pasado estivera vinculado á actividade política é censurable, e debe de ser perseguido e penalizado de maneira adecuada coa aplicación equitativa do código penal.

A corrupción supón o roubo dos recursos públicos, que deberan ser utilizados para o ben común , en beneficio dun poucos xarelos sen escrúpulos, e resulta a todas luces inaceptable.

A corrupción na política, como en calquera eido da vida, nunca vai desaparecer, pois xorde como resultado de pulsións innatas moi profundas como a ambición, o egoísmo ou incluso o instinto de supervivencia, que son imposibles de combater con resultados 100 por 100 positivos. Fixémonos por exemplo que incluso un país como China, que castiga coa pena de morte diversos supostos de corrupción política, non dá acabado con ela e de cando en vez atopámonos con algún xerarca do PC que é executado porque o descubriron metendo man na caixa.

Sempre vai haber corrupción. Esta será máis ou será menos en función de diversas variables, como por exemplo a existencia de mecanismos de control e de contra poder adecuados, ou sobre todo a esixencia de elevados estándares éticos á hora de aceptar que calquera militante político acceda a un posto no que teña responsabilidades de xestión sobre o diñeiro público. A diferenza de motivacións que inspiran a vontade dunha persoa para dedicarse á política adoita ser un termómetro adecuado para medir os potenciais riscos de que se dean casos de corrupción. Cando alguén chega á política buscando un medio para gañar a vida é máis fácil caer na tentación. Pola contra cando son a convicción ideolóxica e ou a intención honesta de contribuír ao ben común, as razóns que impulsan dar o paso á política é moito máis difícil. Nese sentido é realmente salientable o caso do BNG, pois en 44 anos de vida , e tendo co gobernado a Xunta, varias deputacións e infinidade de concellos, tivo 0 casos de corrupción. Cal pode ser o motivo?..velaí temos o exemplo de onde está a diferenza entre quen chega á política para mellorar a vida dos demais, e quen pode chegar para mellorar a propia vida. A reacción transparente e contundente cando xorde un caso de corrupción propia tamén incide en minimizar os casos futuros.

Nese sentido agardo que se nalgunha ocasión algún desvergonzado ten a habilidade de saltarse os mecanismos de control interno que poida ter o bloque, e ten un comportamento inadecuado, a dirección dos nacionalistas saiba actuar coa máxima transparencia e con absoluta contundencia.

Pero a existencia ou non de corrupción non nos debe de despistar do esencial: É o modelo social que propón unha forza política o único criterio que debera ser válido para determinar a quen lle confiamos o noso voto. O que fai a dereita española, tratar de chegar ao goberno maximizando os casos de corrupción dos outros, cando non literalmente inventándoos( “ Es muy burdo pero voy con ello”) e obviando os propios, é o recurso do tafur que sabe que non podería gañar de ningunha outra maneira.

E non pode gañar porque o modelo que propón a dereita é manifestamente peor que o que propón a esquerda. Destinar o 5% do PIB para mercarlle armas aos norteamericanos, reducir os mecanismos de protección social, frivolizar co cambio climático, responsabilizar da pobreza duns aos que son máis pobres que eles, facilitar o despedimento das e dos traballadores e diminuír os seus dereitos laborais, atacar ao feminismo, agredir ás persoas trans, anatemizar aos nacionalismos diferentes do español, presentar unha visión carpetovetónica de España, subvencionar a tauromaquia, desprezar a memoria histórica, favorecer a depredación do territorio en beneficio dos intereses das oligarquías económicas, a hostilidade contra os sindicatos, a permanente agresión aos idiomas distintos ao castelán….é o modelo do PP e de Vox. É iso e nada máis que iso. A dereita é odio, crispación e beneficio duns poucos a costa das maiorías sociais.

O terrible terremoto de Venezuela amosou, unha vez máis, que unha sociedade sen os recursos públicos suficientes para atender as necesidades básicas de todos é unha selva. O liberalismo económico, que permite que haxa amplas capas de persoas que vivan baixo os límites básicos da dignidade é conceptualmente monstruoso. É iso é o que é o PP e Vox con corrupción ou sen ela.