O pasado 30 de outubro o marca galega do PSOE celebraba as súas primarias para decidiren cal sería o seu próximo SX nos vindeiros catro anos. Dúas propostas competían para tratar de gañar o favor da maioría da súa militancia ; Gonzalo Caballero , SX ata o momento, que aspiraba a revalidar o seu mandato, e Valentín González Formoso, presidente da DEP da Coruña e alcalde da localidade de As Pontes. Recoñezo que seguín o proceso electoral dos socialistas galegos con moita atención e interese pois aínda que a miña forma de entender a realidade está lonxe da deles , son absolutamente consciente de que se sen un PSdeG con certa solvencia e solidez, no actual contexto histórico no vai ser posible derrotar nas urnas ao PP, xa que o BNG só non pode.
O resultado final das votacións internas do PSdeG obriga , unha vez máis ,a que esta organización política cambie o seu líder pois o candidato aspirante alzouse co triunfo con aproximadamente o 60% dos votos fronte ao arredor do 40% de sufraxios que obtivo o SX saínte. Porén a análise polo miúdo de como foron os votos lévanos, unha vez máis, a percibir a tradicional dicotomía norte sur, a bipolarización característica deste partido en dous eixos que compiten polo poder. O Novo SX gañou con rotundidade meridiana na súa provincia A Coruña, e na provincia de Lugo, na que contou co apoio explícito da alcaldesa lucense e coa axuda implícita de Besteiro. E o SX saínte pola contra gañou ben en Ourense e con rotundidade na provincia de Pontevedra.
A nova executiva, que propoña Formoso, vai ter un traballo complicado pois a segmentación en dous bandos, na que agora está o PSdeG ,con altos niveis de hostilidade interna, que ás veces recordan ao Bloque pre Amio, deixa un escenario post bélico que vai ser moi difícil reparar. Só con altos niveis de intelixencia emocional, xenerosidade colectiva e vontade de acadar o ben común poderá ser posible o que agora parece imposible.
Por outra parte Gonzalo Caballero é de momento o voceiro do grupo parlamentar socialista en Santiago e polo que manifesta non parece ter ningunha intención de retirarse aos cuarteis de inverno, co que de non ser capaces de coser feridas a dificultade para xestionar unha situación de bipolarización, na que o SX entrante lidera a executiva e o SX saínte o grupo parlamentar, parece extrema e de moi difícil saída. De feito eu creo que a situación é irresoluble e entendo que o PSdeG precisa vivir unha catarse análoga a Amio que lles leve a tender á estabilidade orgánica , é de tolos e de suicidas mudar de líderes constantemente, a obviar as loitas internas polo poder e a tratar de re conectar coa sociedade para sumar novos militantes que queiran comprometerse no traballo político, e restar afiliados que só busquen facer da política un medio de vida ou un instrumento para satisfacer as súas pulsións narcisistas.
Non o vexo posible no actual escenario, e nada me alegraría máis que estar equivocado pois nunca tiven o máis mínimo interese en ter razón en nada senón en chegar á razón en todo, porque non atopo por ningures a vontade de cauterizar senón a vontade contraria, a de meter o dedo no ollo ao compañeiro ou compañeira que estaba na outra candidatura. En canto ao novo SX pouco podo dicir pois non o coñezo , as persoas do meu entorno que tratan con el dinme que é moi bo tipo e que sabe xestionar ben tanto a DEP como o seu concello, pero o que transmitiu na campaña en xeral, e no debate con Caballero en particular, é dunha mediocridade que asusta: plano, átono, simple e cun discurso cargado de tópicos insubstanciais carentes do máis mínimo contido político.
Agardo que todo respondera a algún tipo de estratexia, cuxas razóns non alcanzo a comprender, e a súa solvencia intelectual, rigor conceptual e capacidade política estean reservadas para mellores ocasións porque como non sexa así, si que me vou atrever a afirmar con rotundidade que ata a chegada da catarse o PSdeG vai camiñar no deserto( con independencia do gran poder municipal que xestiona, esa é outra cuestión) e as primarias socialistas en realidade quen as gañou foi o PP.