“Putas¡¡ salid de vuestras madrigueras como conejas. Sois unas putas ninfómanas¡¡.Os prometo que vais a follar todas en la capea”
Alumnos dun colexio maior de Madrid dirixíndose ás alumnas dun colexio veciño.
As palabras entre aspas que encabezan este artigo, reprodución literal das excretadas nun colexio maior madrileño e que puidemos coñecer nun vídeo que se fixo viral nos primeiros días deste mes de outubro, non son ningunha broma inocente de adolescentes coas hormonas desatadas,non. En realidade son reflexo de algo moito máis serio: son un síntoma dun problema estrutural que mantén a subordinación do feminino con respecto aos varóns e ao masculino creando unha situación de desigualdade baseada na pertenza a un ou a outro sexo. A agresividade extrema desta forma tan repugnante de tratar de captar o interese das rapazas é síntoma da enfermidade do patriarcado igual cá febre é síntoma de infección. E o comunicado emitido por algunhas das rapazas destinatarias da mensaxe no que desculpan e lle quitan ferro á agresión machista, por desgraza, é tamén síntoma da mesma enfermidade igual que unha moi forte dor no brazo esquerdo soe indicar a inminencia do infarto.
Segundo o Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior entre xaneiro e marzo deste ano 2022 rexistráronse 4.191 delitos contra a liberdade sexual, un 21,6% máis que no primeiro trimestre do ano 2021.Entre eses máis de 4.000 actos delituosos as violacións coñecidas foron 544, un 27,7% máis ca no primeiro trimestre do ano 2021. A tendencia ao alza dos actos contra a liberdade sexual, actos coñecidos porque teño a convicción de que hai moitos máis que por circunstancias varias non se chegan a coñecer, é evidente. Así pois xa o ano anterior os actos contra a liberdade sexual superaron nun 29,2% aos coñecidos no ano 2020.Destes ataques contra a liberdade sexual, as violacións coñecidas no ano 2021 foron 2.143,un 34,3% máis que no ano 2020.Entre os anos 2014 e 2021 o incremento dos delitos sexuais é dun 79,7%.Malia todas as campañas de sensibilización, nos últimos oito anos os ataques contra a liberdade e a indemnidade sexual aumentaron case un 80%.
E non, non dá igual se o acto de violencia é exercido por un home contra unha muller, ou ao revés pois o 97,7% dos agresores sexuais coñecidos son homes( fonte Instituto Nacional de Estatística).Calquera persoa que teña ollos para ver, oídos para oír e posúa unha mínima honestidade intelectual darase de conta que con este tipo de porcentaxes existe un problema concreto que non se pode diluír de modo xenérico nunha visión abstracta da violencia, como se non houbera violencias diferentes provocadas por causas distintas. Este tipo de violencia, a violencia machista, é específica e diferente a todas as demais, e igual que se lexislou ad hoc para combater a violencia política cómpre actuar de maneira concreta para tratar un problema estrutural específico.
As actuacións de calquera administración responsable e sensible ante un problema e unha inxustiza dese calado deben de ir ,ao meu xuízo, por varías vías diferentes:lexislación , política, e educación. Pero todas inspiradas nunha concepción feminista da realidade : só a igualdade plena entre os dous sexos que formamos a humanidade, en realidade iso é o que é o feminismo, pode lograr que cando algún macho intente artellar algo parecido ao infame acto do vídeo viral do colexio maior madrileño, que todos e todas coñecemos, haxa moitos machos moi machos, pero de verdade, que teñan a valentía, xurdida da convicción, para dicir NON.