Jimena

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Poder aparcar o noso vehículo en zonas concretas de algunhas vilas e cidades resulta en ocasións un exercicio de extraordinaria dificultade, que exixe un elevado nivel de paciencia e tolerancia. Estou seguro de que todos os lectores e lectoras que tivestes a amabilidade de achegarvos a estas páxinas, pasastes pola experiencia de tratar de aparcar no centro de Vigo en Nadal, no Morrazo no verán, ou en calquera outra parte na que non nos quedou outra que dar infinitas voltas mentres a desesperación nos invade, ata que aparece o ansiado oco e podemos pór fin ao pesadelo. Porén, ás veces a ilusión de vermos un sitio que pensamos dispoñible non fai outra cousa que acrecentar a nosa frustración, pois ao tratar de estacionar levamos a sorpresa de que se trata dunha praza reservada para persoas en situación de discapacidade, co que toca comezar de novo a buscar.

E cando se dá esta situación, algunha vez pensamos que as persoas en situación de discapacidade son unhas privilexiadas por dispor de prazas de aparcamento exclusivas para elas?.Non, claro que non. Sería un absoluto disparate poñernos nesa posición mental. No estado español a lexislación sinala que cómpre ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% para poderen usar eses aparcamentos, e calquera persoa minimamente xusta debería entender que a existencia ou non de políticas inclusivas realistas, e efectivas é unha das marcas da diferenza entre unha sociedade decente ou non.

Por desgraza o “debería entender” do parágrafo anterior ás veces non pasa do condicional, pois non se dá convertido en entende..Así o pareceu amosar o Náutico de Vigo no episodio que nos describe un lector a continuación:

“O pasado 21 de setembro varias familias denunciaron a exclusión de menores das clases de natación infantil do Náutico vigués. Entre as excluídas está Jimena Mesonero Andrade, unha nena de 7 anos de idade diagnosticada con síndrome de KBG e cun grao de discapacidade recoñecido do 65%.Jimena levaba tres anos consecutivos acudindo a estas actividades”

A síndrome que padece Jimena é un problema conxénito moi pouco frecuente, que provoca nos pacientes numerosas alteracións e anomalías físicas e psicomotrices. A natación era para Jimena unha actividade que contribuía decisivamente ao seu desenvolvemento físico e emocional, alén de facilitarlle a necesaria integración social imprescindible para calquera nena ou neno da súa idade. O pai de Jimena escribiu unha nota de protesta ao coidado da xerencia do Náutico, na que amosaba o seu malestar pola exclusión da súa filla, alén de demandar as explicacións pertinentes dos motivos que motivaron unha decisión tan lamentable. A resposta recibida por parte da dirección do Náutico, en termos moi educados e respectuosos, fai referencia á existencia dunha demanda superior á oferta e xa que logo, á necesidade de deixar a nenos e nenas fóra .

Pero claro, no momento que se da esa situación, máis demanda que prazas dispoñibles, cales son os criterios que se utilizan para decidir quen entra e quen ten que quedar fóra?..No escrito que a dirección do Náutico remite, como resposta á carta do pai de Jimena, falan de neutralidade, prioridade e dispoñibilidade, sen precisar máis nada no terreo do concreto sobre que significa esa prioridade e esa dispoñibilidade.

O certo é que se cando se dan ese tipo de situacións nos movemos no terreo da pura e dura asepsia, sen considerar as circunstancias persoais de cada candidato ou candidata, non estamos, ao meu xuízo, sendo xustos. E non o somos porque ás persoas e colectivos que sofren algún tipo de situación de discapacidade, debemos de facilitarlle á integración social con políticas de discriminación positiva, que permitan, na medida do posible, compensar as desigualdades que padecen. Se non o facemos, por moitos programas inclusivos que desenvolvamos ou teñamos pensado desenvolver, non estamos exercendo esa neutralidade que dicimos exercer. Todo o contrario, estamos tomando partido, aínda que sexa de maneira inconsciente, pola desaparición das prazas de aparcamento para persoas discapacitadas.

Agardo que un episodio como este non se volva a repetir, e sobre todo espero e desexo unha vida longa, digna e feliz para Jimena.