Palestina, a nosa loita tamén

Carme santos
Carmen Santos Queiruga

O conflito entre Israel e Palestina non é novo, pero nestes últimos meses acadou un nivel insoportable de dor e de inxustiza. Segundo as Nacións Unidas, xa foron asasinadas máis de 65.000 persoas palestinas desde o inicio da ofensiva israelí en Gaza. Mulleres, homes, crianzas e persoas anciás viven baixo as bombas, sen auga, sen luz e sen alimentos, sometidas a un auténtico xenocidio diante dos ollos do mundo enteiro.

En Galiza, desde o nacionalismo, temos empatizado historicamente coa causa palestina porque recoñecemos nela a loita dun pobo pola súa dignidade, pola súa terra e pola súa liberdade. E non é casualidade que unha nación negada coma a nosa se sinta identificada co sufrimento dun pobo ao que se lle nega o dereito máis elemental: o dereito a existir.

A rúa galega non cala

No que vai de ano houbo múltiples mobilizacións en cidades e vilas galegas. Na última semana, por exemplo, vimos concentracións en Vigo —convocada por máis de corenta colectivos—, en A Coruña, onde máis de mil estudantes saíron ás rúas, en Lugo, con accións simbólicas de denuncia, e en Pontevedra, onde o Concello aprobou unha moción de condena. Estas protestas súmanse a outras que se deron en meses anteriores por todo o país, amosando unha vez máis que a nosa sociedade non pode permanecer calada ante a barbarie.

Tamén agora, con motivo da intervención israelí contra a Flotilla da Liberdade, que pretendía levar axuda humanitaria a Gaza, a indignación percorreu Galiza e o resto do Estado Español. Os ataques contra activistas pacifistas e a incautación da carga solidaria foron condenados de maneira unánime por organizacións sociais, sindicatos, concellos e colectivos internacionalistas, que expresaron o seu apoio á tripulación e ás persoas detidas.

A complicidade da dereita

Fronte a esta sensibilidade, o Partido Popular mantén a súa liña habitual: negar o xenocidio e xustificar a matanza de civís con excusas baleiras. O mesmo fixeron cando a guerra de Iraq, apoiando unha invasión ilegal que deixou milleiros de mortos e consecuencias gravísimas para todo o planeta. Hoxe, líderes como Isabel Díaz Ayuso amosan sen pudor os seus lazos co poder económico israelí e non lles treme a man en repetir barbaridades para lexitimar o asasinato masivo dun pobo.

A lección que non se aprende

É aínda máis tráxico cando lembramos que o pobo xudeu foi vítima do peor dos xenocidios en mans do nazismo europeo. Aínda así, o Estado de Israel repite hoxe un episodio ruín e inxustificable, amplificado polas pantallas en directo. Esa incapacidade para aprender da súa propia historia convértese nunha ferida aberta para toda a humanidade.

A posición que nos corresponde

Alguén pode preguntar: ‘E que nos afecta a nós?’. Aféctanos porque non podemos permanecer indiferentes ante o sufrimento humano, porque sabemos que a solidariedade internacional tamén forma parte da nosa dignidade como pobo. Así como demandamos respecto e recoñecemento para Galiza, reclamamos tamén o recoñecemento do Estado Palestino, tal e como establece a ONU, e unha solución pacífica que prime os dereitos humanos fronte á barbarie.

E por iso, como galegas e galegos, volvemos saír á rúa, volvemos erguer a voz e volvemos dicir que a guerra non pode ser indiferente.

“Só lle pido a Deus que a guerra, e a dor, non me sexa indiferente.

É un monstro grande e pisa forte toda a pobre inocencia da xente.”

Este é o final da canción Sólo le pido a Dios, do cantautor arxentino León Gieco, un himno pacifista que foi adoptado pola esquerda latinoamericana e europea como símbolo da resistencia contra a guerra e a inxustiza e que, por desgraza, volve estar de tanta actualidade hoxe na causa palestina e en tantas outras causas no mundo.