
Pedro M. Cortegoso Gago
Marín, 27 de febreiro de 2024.
Os resultados das pasadas eleccións autonómicas deixaron a cousa como estaba. Un goberno do PP con maioría absoluta perdendo 2 deputados, aínda que Democracia Ourensana ven pode ir no mesmo saco dereitoso, e unha oposición que só incrementa o seu saldo en 1.
Algúns respiraron tranquilos a noite electoral sabendo que ian conservar o choio catro anos máis, e outros, que fixeran as contas da leiteira, terán que esperar tempos mellores.
Para nós, para o pobo galego votara a quen votara, o que nós queda e seguir padecendo as consecuencias da nova maioría absoluta do PP.
Teremos que seguir soportando o intencionado deterioro dunha sanidade pública que xa non da moito máis de si. Continuarán repetindonos os mandamaises do Sergas que non hai médicos, nin pediatras e que o persoal de enfermaría comeza a escasear. Seguirán enchendo os petos das empresas privadas que din adicarse a sanidade, cando en realidade o que están facendo é un suculento negocio a conta dos cartos públicos. As listas de agarda, as reais e as agochadas, acrescentaranse tanto na atención primaria como na especializada, as intervencións cirúrxicas adiaranse eternamente aumentando a desesperación das persoas que esperan por elas.
As persoas que tiñan esperanzas, creo que infundadas, de que un cambio de goberno paralisaría a invasión eólica dos nosos montes e os nosos mares van comprobar como o DOGA se enche de novo de proxectos invasores, de muíños e liñas de alta tensión, de substacións, etc.
A nosa mocidade vai ter vía libre para seguir na roda da emigración. Seguirán marchando a Alemaña, á Franza ou a calquera outro país europeu onde si lles dan traballos dignos e con salarios para poder vivir. Pola contra o PP continuará vendéndonos a moto do retorno dos emigrantes e dos seus descendentes cunhas axudas maravillosas para instalarse na Galiza.
As residencias de maiores privatizadas, a maior gloria do capital especulador dos fondos voitres, continuaran facendo caixa a conta dunha atención deficiente e criminal. A Xunta mirará para outro lado, para a dereita.
Cada vez que prendamos a televisión ou a radio galega alí estará o presidente Rueda rodeado de conselleiros e conselleiras, alí estará o señor Feixoo acompañado da señora Ayuso. A programación seguirá chea de programas de ínfima calidade onde se deturpa e maltrata o noso idioma. Os tertulianos serán aínda máis fachas, se que é posíbel, e botarán escuma pola boca mentres insultan ao oposición e loan as grandezas do Partido Popular.
Temos o que nós merecemos? Creo que non. Non merecemos este goberno que pretende desmantelar a nación Galega, que pon os nosos recursos en mans alleas, que quere desfacer o que nós converte nunha nación: o noso idioma, a nosa cultura, a nosa forma de ser.
Agora toca continuar aturando, e toca continuar resistindo. Se non queremos seguir aturando ao PP outros cincuenta anos teremos que traballar máis e mellor ca eles.
