Reflexións pos e pre electorais

28 M Eleccións
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Primeira reflexión.

Este domingo 28 tocoume estar de vogal nunha mesa electoral. Por ela pasaron persoas de todo tipo para votar o opción que consideraban mellor para eles, para a súa familia, para as súas amizades…

Resultoume chocante ver como o Partido Popular era a escolla maioritaria de residentes nunha barriada noutros tempos de mariñeiros e hoxe con moitos migrantes. Porén, non foron só eles, na miña mesa como na outra arrasou o PP unha vez máis.

Marín é un pobo de traballadores e traballadoras con moita tradición en mobilizarse para defender o sector pesqueiro ou a sanidade pública. Como é posíbel que a nosa “eterna” alcaldesa sume unha maioría absoluta tras outra, como un pobo traballador pode votar por un goberno municipal de dereitas? Será que as alternativas non se preocupan polos problemas, como din os da política moderna, da xente?

Segunda reflexión.

Os resultados de Marín volven poñer as cousas no seu sitio.

A presentación de catro candidaturas no ámbito da “esquerda” nos anteriores comicios propiciou unha maioría inflada para o PP. Mil cincocentos votos quedaron fora de xogo e sen representación favorecendo unha hiper-representación “popular”.

Este domingo o PP perdeu tres concelleiros que non lle correspondían, mais mantendo unha maioría absoluta indiscutíbel.

Terceira reflexión

Desaparecidas as mareas, os podemos e os independentes queda claro o panorama político: unha dereita-dereita, unha esquerda-dereita e unha esquerda-centro.

Moderación en pos do pequeno comerciante e esquecemento das clases populares. Os mesmos argumentos, discursos intercambiábeis entre PSOE e BNG.

Estamos orfos dunha esquerda real e nacional que fale claro ao pobo galego.

Cuarta reflexión.

É evidente que cada un vota, ou non, o que quere e polos motivos que quere. Con todo resulta chocante a falta de información e nalgúns casos de criterio á hora de exercer ese “dereito”.

Unha sociedade informada sería máis exixente co partido no goberno e cos partidos da oposición.

Nestes catro anos o PP, como nos tempos de Roma, moito circo e algo de pan.

Os eternos opositores facilitándolle ao PP a lexislatura máis cómoda dos últimos tempos. Sen facer nada relevante, sen atender os problemas reais do pobo, limitándose a enviar unha nota de prensa de cando en vez e a subir moitas fotografías as redes sociais.

Hoxe o que se leva é a política tik-tok.

Quinta reflexión.

Imos seguir paseando polas rúas de Marín entre edificios a medio facer e solares abandonados cheos de entullos.

Os contedores seguirán amoreándose diante da Alameda de Marín para maior satisfacción económica de Maersk, e coa bendición da Autoridade Portuaria.

No centro de saúde seguirá faltando persoal sanitario e non sanitario, as radiografías seguirán sen ser informadas, as citas atrasaranse e o cabreo das persoas que queren ser atendidas aumentará. E as máis cabreadas serán as votantes do PP que non comprenden como non hai médicos.

Reflexión de última hora.

Aínda non dixerimos os resultados das municipais e Pedro Sánchez convoca eleccións.

Toca cambiar o administrador da finca? Os que mandan queren a man dura do PP e Vox para os tempos de crise? Será unha xogada para limpar o campo da “esquerda” domesticada?

Marín 31 de maio de 2023.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago