A noa amiga Sandra Cabaleiro de “Vive al Natural “ Arcade ven de ser galardoada por unha prestixiosa marca comercial de infusións, que podemos encontrar na súa tenda, por ter a tenda co mellor escaparate de España nun concurso de escaparatismo que organiza a devandita empresa. E nós non perdemos a ocasión de conversar con ela para darlle os parabéns polo seu premio e de paso aproveitarmos para coñecela un pouco mellor.
“ A aprendizaxe da naturopatía engancha “
Que fai unha moza de Redondela, coma ti, co negocio en Arcade?
Eu traballei nunha axencia de viaxes, en Redondela, durante 15 anos. Nese período mandáronme a un ERE e aproveitei para estudar naturopatía. Ao final acabaron despedíndome e en consecuencia quedei sen traballo.
Despois disto traballei de moitas cousas, pero sempre me seguín formando no mundo da naturopatía. Unha vez que entras nese universo engancha de atl maneira que xa non o podes abandonar. Todo o contrario, precisas ensanchar os coñecementos de maneira constante .
Este local abríchelo ti?
Non, neste local xa había unha herboristería anteriormente. E a través dunha amiga, coñecín que a traspasaban. Foi aí cando decidín meterme neste proxecto en maio do 2017.
E que valoración fas destes 6 anos de negocio?
Unha experiencia extraordinaria.
A todos os niveis: emocional, intelectual e económico?
Emocional e intelectualmente si. Con moito traballo e esforzo. No que respecta ao aspecto económico, para facerse millonaria non dá. De feito hai que organizar actividades e tirar do carro, pero, podo dicir que me dá para vivir.
Que servizos ofrece Vive al Natural? Sandra.
Venda de calquera produto natural e orgánico de alimentación, suplementos, hixiene, herbas e estética para levar unha vida saudable. Na alimentación métome só en cousas exclusivas porque xa nos supermercados hai un abanico grande de produtos de menor calidade e, sobre todo produtos que me aconsellan os meus terapeutas para ter unha dieta máis equilibrada.
Cales son os produtos que teñen máis saída?
A suplementación.
E iso en que consiste?
Vitaminas e minerais que os atopamos na alimentación, pero en pequenas doses. Estes suplementos con altas doses de concentración, xa hai estudos que din que axudan a traballar calquera patoloxía sen ter que tomar medicación. Por exemplo, hai moitas enfermidades crónicas que se tratan só con fármacos e estes, a longo prazo, traen efectos secundarios que se poden evitar con estes suplementos.
Que tipo de perfil de cliente tes aquí na tenda?
Calquera tipo de perfil, xente nova, xente maior ou de mediana idade. Xente que lle gusta coidarse, que fai deporte, moitos homes novos neste sentido.
Que horario tes aquí na tenda?
De 9 a 1:30 H pola mañá, e de 17 a 20:30 H pola tarde no verán, logo no inverno de 16:30 a 20:00 horas. Tamén traballo algún sábado pola mañá para facer formación, pero isto con previo aviso.
Que tipo de formación ofreces aquí?
Son consteladora.
Iso en que consiste?
As persoas temos feridas inconscientes do clan familiar e isto estamos predeterminados a repetilo. Se ti traballas isto facendo unha constelación, podes romper ese patrón e axudarche a ti mesmo.
Dás formación aquí desta disciplina?
Dou terapia individual, aínda que estas constelacións adoitan facerse en grupo. Fágoo en Monçao.
Acabas de recibir unha moi boa noticia, pois ves de recibir un premio importante. Cóntanos de que se trata?
Vendo na tenda unha marca de infusións que se chama Yogi Tea. O que diferencia esta marca doutras é que tamén ten especies como cravo ou canela .
Esta marca fai concursos de escaparatismo a nivel de todo o estado. A temática deste concurso este ano era a selva amazónica. E a verdade estou moi orgullosa pois obtiven o primeiro posto.
En que consistía o premio?
Un patinete eléctrico para o primeiro premio. O segundo premio, un cofre vacacional dunha fin de semana de viaxe e o terceiro era unha fritidora.
Dentro de pouco xa che vemos subindo de Redondela a Arcade en patinete?
Ha ha ha ha. De momento o meu fillo está encantado.