Neste medio de comunicación temos defendido en moitas ocasións que é a sociedade civil organizada a maneira máis adecuada de combater contra calquera inxustiza. E un bo exemplo deuse na nosa vila pois foi a presión social a que acadou por fin que as mozas e os mozos de Redondela, que queiran cursar esta modalidade de bacharelato, poidan facelo na súa localidade. Un dos episodios máis emocionantes desta pugna en prol dos intereses de Redondela deuse cando unha moza interesada en cursar este bacharelato, Estela, leu un manifesto diante do pleno da corporación demandándoo. E nós falamos con ela e co seu pai Carlos
Carlos e Estela Mouriño
Que estudas na actualidade?
Estou rematando 4º da ESO no Mendiño
Vaiche ben?
Si vaime ben aínda que esta non é moi boa época para responder a esta pregunta pois teño todos os exames enriba e é unha etapa de moita presión
E ti como respondes á presión, con tranquilidade?
Si, si
Nota do entrevistador: Polo sorriso que botou o pai non sei eu se estará moi de acordo coa súa filla
Cando tiveches claro que querías facer este bacharelato?
En terceiro da ESO cando a orientadora nos deu unha charla informativa sobre as distintas opcións existentes. Eu tiña a ilusión de estudar audiovisuais e despois da conversa coa orientadora xa tiven perfectamente claro por onde quería enfocar o meu camiño.
Pero xa saberías que en Redondela non o había claro?
Si, díxomo a orientadora.
Como comezaches a participar da presión que exerceu a sociedade redondelá para que o bacharelato de artes chegase á nosa vila?
Polo meu pai que era un activo participante das protestas que o demandaban
Ti xa estabas metido no allo entón, Carlos?
Eu son un dos promotores desta petición, si. Quero destacar, porque o merece, a axuda que nos deu o deputado do BNG, Manu Lourenzo xa desde o primeiro momento
Esta batalla foi como un tobogán de emocións verdade Carlos, parecía que non, logo que si, logo que xa veriamos….?
Si porque o señor do PP de Redondela que está en Santiago no parlamento parecía que nos abría as portas de par en par pero logo houbo algunha votación na que o seu partido votou que non. Entón non sabes que pensar
Estás falando de Alberto Pazos?
Si. Logo votaron que si pero nunca deixamos de ter a sensación de que estaban a pór paus nas rodas constantemente.
Non che transmitían entón que desde a Xunta houbese unha vontade real de traelo a Redondela?
Non, de ningún modo. Incluso nesta última fase cando todo dependía do número de persoas que o solicitasen , deixaron moi poucos días para anotarse
Volvamos a Estela. Cóntame como foi o da lectura do manifesto?
Eu un día volvía do instituto e foi o meu pai o que me espetou se quería ler o texto
Cal foi a túa reacción?
Flipei, alucinei. Pero xa decidín facelo nese mesmo instante
Canto tempo pasou desde que cho propuxeron ata que se concretou?
Non recordo exactamente pero foi moi pouco tempo
Ensaiarías na casa non?
Si, un pouco si. De feito preparei un mini texto que xa foi puramente persoal para sumar ao propio manifesto.
Cando liches no pleno había moita xente?
Si, bastante
Con sinceridade Estela estabas tranquila ou nerviosa?
Algo nerviosa ao principio pero creo que esencialmente tranquila
Notáronselle os nervios Carlos?
Eu creo que non.
Levarías algún colega a que che vise non Estela?
Ao meu mozo
Moitas grazas, parabéns e moita sorte