Presentada 13 Editora, a primeira editorial de activismo en lingua galega

Editora 13

O acto de presentación do novo selo editorial contou con ducias de persoas que ateigaron o local para coñecer as principais liñas do proxecto.

Galicia, 14 de Maio de 2022.

O sábado tivo lugar a presentación de 13 editora nunha sala completamente chea por máis de 70 persoas. O evento serviu para dar a coñecer o novo selo que busca converterse nun espazo de referencia para todas aquelas persoas e organizacións que queiran afondar no seu coñecemento sobre o activismo ou sobre a análise crítica da realidade.

Durante o acto debulláronse as liñas principais desta editorial que busca fornecer de ferramentas á cidadanía e aos colectivos para que poidan desenvolver con éxito as súas actuacións. O selo editorial entende os seus manuais e ensaios como instrumentos de análise, empoderamento e organización colectiva.

Ademais, no evento, puideron adquirirse os primeiros libros dun catálogo que se conformará por títulos procedentes de autorías de diversos países que teñen como denominador común a construción de alternativas e resposta social.

A editora abre así un novo vieiro para a literatura galega no que o activismo, o contrapoder e o pensamento crítico terán un espazo propio. A lingua galega contará con materiais de calidade cos que mellorar o funcionamento e o impacto das persoas e as organizacións, en particular, e da sociedade, en xeral.

13 editora

O selo 13 editora é un proxecto editorial sen ánimo de lucro de carácter independente que xorde ao abeiro de ECOAR))). A editorial é un proxecto de formación e información social, económica, política e cultural que pretende producir contidos que espallen o pensamento crítico e alternativo así como o coñecemento relacionado co eido do activismo e a mobilización social.

A editorial 13 editora é un proxecto sostible e autoxestionado, que traballa dende un enfoque crítico, emancipador e contracultural para ofrecer materiais de diverso tipo relacionados coa construción de alternativas e resposta social. A editora pretende propiciar a construción dun tecido social proactivo e analítico que contribúa conformar un mundo máis xusto a través de olladas e discursos de carácter plural.